A cúpula celeste de Globaliza
Os vellos chamábanlle ao teito da cidade A Capucha. Cada vez que un vello morría en Globaliza, a praza enchíase de prantos e candelas, xa que cada un dos habitantes era histórico. Unha persoa de alí sometíase a estudo ao facer corenta anos, de xeito que lle era revelada a súa esperanza de vida (os tratamentos e nutrición programábase para viviren un século, mais non se fora quen de erradicar os males de espírito). Todos eran necesarios e excelsos en Globaliza, tanto os artesáns- estudosos de vocación- coma os vangardistas.
Os días de chuvia eran espectaculares! A auga deslizábase polo globo, facendo figuras que deran lugar a creatividades: proxeccións luminosas, orquestración, mesmo pintura de estilo fractal e fauvista.
Así, á idade de noventa e nove anos, Tucho elixira o oficio da predicación. Tal laboura, chegada a estes tempos, consistía en equilibrar a saúde mental das persoas ante a idea da morte, a cal, non embargante, ansiaba a todos a ter boas accións, ser humildes e inculcar a felicidade aos fillos.
– Daquela, andabamos cáseque baixo as estrelas. A climatoloxía tocábanos a pel. Había un accesorio bastante trapalleiro chamado paraugas... E por iso a este enxeño témoslle chamado capucha.
Non embargante, o territorio tiña un moi importante contacto coa natureza, xa que os medios de transporte interterritoriais eran subterráneos. Cadora, á rede de intercambio poboacional, os antigos chamábanlle A Toupeira.
Fita era educadora (todas aquelas mulleres que aspiraran á maternidade debían ser educadoras...). Así, proxectábase unha formación superior para a súa filla de tres anos como aviadora, segundo resultara das análises; e a nai choraba e levitaba por todo o agarimo co que formara á súa pequena... "Cando verei a lus?, preguntoulle a toupeira ao verme vido da herba... Cando abras os ollos!, díxolle o becho. Son cega, laiouse a toupeira. Non te preocupes, hai algo que sei: a lus non se ve"- arrolaba Fita á filla cun monicreque bordado con forma de toupeira.
De xeito que esta muller foi recomendada ao pastor Tucho para eliminar ese mal do espírito.
– Cando a miúda estaba na túa barriga, ela quería saír. Globaliza é coma unha placenta planetaria. Debemos agradecerlle a vida á ciencia, non a unha persoa...– díxolle o sabio tatexando ao fitala. Vas vere, ésta é a doutrina que teño no manual. Vou trasladarche un dos meus segredos: vin nacer unha fada dunha campaíña e vin eses mesmos ollos, e tiña o tamaño da túa man; trae, agárrate da miña. O futuro será das flores, que dan de comer a abellas que alimentan feras. Ela, a floresta, é o único que queda da deforestación... Ten, coce estas follas de eucalipto e serás forte coma o talo dunha árbore...
Mais a muller, desobedecendo, estudou unha carreira de retórica e conseguiu un permiso para emigrar xunta á filliña en cuestión de meses solares.
A toupeira era moi cómoda; aínda que tiña grande velocidade, semellaba un ameno bambán, e sentíase a calor autoxerada do vial...
Quedaba unha parada para chegar ao campus O Dourado. Chegaba unha fresca corrente de aire puro...
"Han voltar a pé polos carreiros. Houbo unha grave avaría" – expresou lapidante a megafonía.
A nai e maila filla abrazáronse. "Espera, que Tucho sabe" –dixo Fita en baixiño, e chamouno: "Nunha costa dos arredores, meu pai tiña alí un piñeiral"- trasladoulle, dándolle as coordenadas.
Xa que o Dourado (ninguén llelo advertira) era outro mundo en comparanza coa Globaliza... Estaba a nevar nas copas das árbores! O bosque case lindaba coas nubes, das que ían caendo frías e lenes folerpas. Mais, onde ían a tecnoloxía e a pista de aterraxe?
"Verás, hoxendía só poden voar os anxos, xa que os deuses alporizáronse por mor da polución. O planeta está a rexenerarse coma unha ferida... Non temas, querida fada. Andar esa senda, demarcada de cascallos. Chegaredes ao Santo, e alí viviredes até o vindeiro outono"- dixo o pastor entre interferencias". "Imos morrer?" "Seredes ceibadas desde planeta de horrores, pequenas xoias; o corazón é coma un reloxo que se repite, a Terra deu volta atrás... Eu rezarei por vós". @mundiario