Buscar

Cumio do Clima: Tempo morto e volva atrás

O COP25, o Cumio do Clima celebrado en Madrid, rematou despois dunha prórroga e deixando no ambiente un grado notable de frustración. Amplos sectores coinciden en que quedaron múltiples deberes por resolver que permanecerán  aparcados para a próxima reunión no 2020 en Glasgow.
Cumio do Clima: Tempo morto e volva atrás
COP25, en Madrid. / Mundiario
COP25, en Madrid. / Mundiario

Fracaso, decepción, insatisfacción... son palabras e cualificativos que pronuncian mesmo os organizadores, e a sociedade ten a sensación e saca a conclusión  de que o Cumio do Clima non valeu para nada ou para moi pouco polo que sendo optimistas teremos que esperar a algo efectivo a un novo cumio. A expectación creada inicialmente da COP25 baixo o lema “Tempo de actuar”, “Time for Action” podemos dicir que rematou en “Tempo morto” ou “Tempo para despois”.

Non resulta difícil entender a frustración xeral, pois os grandes en contaminación como Estados Unidos, China, India, Brasil e algúns outros países están pechados a acordos de consenso para que se poña en marcha e avance o Acordo de Paris. Asi a COP25 ten que deixar para o ano próximo os compromisos de redución de emisión de GEI (gases de efecto invernadoiro), tampouco consigue  regular o mercado de carbono a nivel global, nin o relacionado coa xestión nin coa contabilidade. Por si fora pouco non se chega a acordos cuantificables do Fondo Verde do Clima para que os países con menos recursos non carguen cunha crise provocada polas emisións dos países ricos.

Transversalidade

Curioso é que a estas alturas aínda se fale de transversalidade, e suxiran influír en ámbitos diversos: enerxía, industria, transporte, finanzas, ciencia, agricultura... ou que fagan referencia ao impacto que se produce nos Océanos e Uso do Solo e que non se quede en acordo algún ao aprazalo para estudalo o ano próximo. O mesmo sucede cando anuncian  a necesidade dun novo plano de acción de Xénero ou unha Transición xusta a nivel social con creación de “emprego decente e de calidade”. Non deixa de ser tamén curioso que recoñezan a importancia dos actores non gobernamentais.

Todo isto sucede nun Cumio con presencia, mecenado e patrocinio por parte de multinacionais enerxéticas e grandes bancos e nun mundo globalizado que di pretender frear o cambio climático e que aínda non solucionou o problema ligado aos “subsidios aos combustibles fósiles” e tampouco impide que siga e actúe o “lobby da enerxía do carbón/gas/petróleo””, temas dos que nin se nomea nin se trata nestas reunións internacionais.

Os grandes emisores

Si de verdade queremos reducir emisións de GEI temos que chegar ao “fin dos subsidios” é dicir fin as axudas gobernamentais, as subvencións, vantaxes fiscais, combustibles a prezo reducido... que se aplican aos produtores e consumidores. O Fondo Monetario Internacional (FMI) consideraba fai 5 anos que se reducirían por si mesmo as emisións globais de carbono nun 20%  si se pecharan os subsidios. O ano anterior aos Acordos de París corenta países segundo a ONU mantiñan subsidios a enerxías fósiles e axudas publicas que ascendían a máis de 510.000 millóns de dólares, hoxe a situación posiblemente sexa similar.

Entre os dez países que mais subsidian  encontramos a  China, Estados Unidos, Rusia e na UE a Alemaña, é dicir países grandes emisores de contaminación e a vez grandes en dar subsidios. Os países do grupo G-20 pagaban no 2015 de media mas de 1000 dólares por habitante en subsidios aos combustibles fósiles. Alguén pode replicar aducindo que  as  subvencións tamén se dan as enerxías renovables, pero pode que descoñeza que estas representan so unha quinta parte das subvencións aos fósiles.

Ademais dos subsidios freando a loita contra o cambio climático está a influencia que exercen as empresas multinacionais ligadas á enerxía do carbón/gas/petróleo que gastaban fai catro anos da orde de 213 millóns de dólares anuais para levar a cabo actividades de “lobby” en EEUU e na UE a favor dos seus intereses, opostos as renovables. Detrás das enerxías fósiles hai grandes intereses económicos ligados non so á multinacionais senón tamén á fondos de investimento. Todo mentres os Gobernos miran para outro lado.

Fondo Verde

Mentres o Fondo Verde creado en Cancún en 2010 e adoptado en 2011 como mecanismo financeiro para conseguir os obxectivos de mitigación e adaptación ao cambio climático, sigue sin aclarar a sua disposición e cuantificación. No Cumio de París acordouse que debe contar con 100.000 millóns de dólares anuais a partir de 2020 destinados aos países en desenvolvemento e con menos recursos, pero neste Cumio, as portas do 2020, aínda non se fixou a cantidade finale queda para máis adiante. Aquí so decidiron  directrices coa intención de que se apliquen  recursos para países vulnerables e fenómenos extremos.

Claro que aínda resultando a COP25 un fracaso, frustración, decepción insatisfacción... ou o que consideremos mellor, non fai falta estar esperando aos acordos do próximo Cumio, os Estados individualmente e o Goberno Español e mesmo o Goberno Galego  si teñen interese poden actuar, poden con Plans adecuados  dar un apoio decidido a reducir as emisións contaminantes de GEI, non esquezamos que Galicia emite o 9% do total do Estado. Poden implementar as enerxías alternativas (solar, eólica, maremotriz, xeotérmica...). Si queren poden impulsar un transporte de mercadorías moderno por vía férrea e marítimo, hoxe en mínimos. Potenciar un transporte colectivo de persoas frente ao individual. Perseguir maior eficiencia e aforro enerxético en todos os sectores (industria, vivenda, agricultura, administración...). Mellorar a recuperación e reciclaxe de residuos. Insistir e potenciar o consumo de produtos alimentarios de proximidade.... é dicir plantexarse un “pequeno” cambio de modelo social, económico e de hábitos de consumo que sexa máis ecolóxico e saudable, menos despilfarrador e moito menos contaminante e agresivo co planeta. @mundiario