A cultura propia é a base substancial da identidade do pobo galego

Bandera de Galicia. / Xurxo Lobato
Bandeira de Galicia. / Xurxo Lobato
Galicia vén contribuíndo á unidade europea dende o século X, cando a aparición do sepulcro de Santiago Apóstolo motivou o comezo do fenómeno das peregrinacións. / Galicia, preguntas e respostas
A cultura propia é a base substancial da identidade do pobo galego

Non é tarefa doada presentar a terra propia, nin sequera definir a cidade ou o pobo onde nacemos, ese pedazo de mundo que coñecemos tan ben e ao que podemos volver, unha e outra vez, aínda que nos atopemos moi lonxe, só co pensamento, apenas pechando os ollos. Caemos no emocional, na saudade, na nostalxia. É lóxico.

Á primeira visión da paisaxe galega é unha impresión única, unha suxestión que nace da combinación dos elementos da natureza e do traballo do home. A personalidade galaica xorde da propia terra, dos seus profundos vales, das súas montañas, dos seus numerosos ríos. “O país dos mil ríos” como gustaba definila Álvaro Cunqueiro, grandioso escritor, magnífico fabulador e poeta, mestre adiantado no estilo que algún tempo despois empezaría a chamarse realismo máxico ou realismo fantástico. E do mar, coas rías de ensoño, todas elas diferentes, todas cun encanto especial, forza e beleza dos acantilados, costas bravas cheas de tradición, prais e ensenadas únicas, espazos para os que buscan lugares que lles transmitan serenidade como corredoiras costeiras ou de interior.

Será neste territorio de case trinta mil quilómetros cadrados, cunha extensión prácticamente igual a Bélxica ou Albania, onde xurda unha das encrucilladas culturais europeas máis orixinais e mellor caracterizadas.

Os galegos, que históricamente formamos parte de España desde que España existe, e que estamos orgullosos diso, participamos tamén do mundo portugués, ao que nos unen fortes vínculos, desde a cultura ata as máis interesantes posibilidades de futuro, conformando unha eurorexión ben definida, Galicia-Norte de Portugal, que funciona integrada na Europa unida.

A cultura propia é a base substancial da identidade do pobo galego. Foron as xentes sinxelas e populares as que deron, xuntamente cos nosos máis destacados artistas, escritores, xornalistas, músicos, arquitectos, modistos... as respostas necesarias, ao longo da Historia, para constituír un riquísimo e variado patrimonio cultural.

Viñeta de FrAn LaREo en la que el Peregrino de MUNDIARIO ya tiene en su mano el libro Crónica de un peregrino singular, de Mundiediciones. / Mundiario

Viñeta de FrAn LaREo na que o Peregrino de MUNDIARIO xa ten na súa man o libro Crónica de un peregrino singular, de Mundiediciones. / Mundiario

Galicia, integradora e aberta, vén contribuíndo á unidade europea dende o século X, cando a aparición do sepulcro de Santiago Apóstolo motivou o comezo do fenómeno das peregrinacións, consolidadas nun Camiño vertebral de culturas e xerador de valores. Unha ruta de fe e de arte que logrou perdurar e que, na actualidade, co Xacobeo é un exemplo de convivencia.

Galicia conta cunha tradición e un sistema literario en lingua propia, sendo a lingua galega das máis antigas de Europa, un idioma que nace nas postrimerías do século XII coa poesía dos cancioneros galaico-portugueses, rexurdindo no XIX con Rosalía de Castro e que chega ata os nosos días cheo de vitalidade creadora. Tradición literaria á que deben sumarse achegas de autores tan destacados nas letras españolas como Ramón María del Valle-Inclán, Emilia Pardo Bazán, Xulio Camba, Wenceslao Fernández Flórez, Gonzalo Torrente Ballester e o premio Nobel galego, Camilo José Cela... Non somos excluíntes.

A Galicia do terceiro milenio e do século XXI é un país ben definido, unha realidade en cambio permanente, conectado definitivamente ao tren do desenvolvemento e ás máis modernas tecnoloxías, ben preparada para enfrontarse á sociedade global pospandémica. Os galegos estamos orgullosos da nosa tradición, pero ao mesmo tempo xa estamos sendo partícipes dunha etapa de nova normalidade máis dinámica e creativa. Esa é a nosa resposta ós tempos.

Buscamos sí a descrición de paisaxes, de carballeiras e de horizontes humanos, non poucas veces escondidos tralas brumas da vida ou da timidez ou perdidos na distancia, que en todo caso nos dotan como galegos dunha consistencia difícilmente intuíble. Pero fundamentalmente Galicia é un nexo e un norte no que seguir atopándonos, cara ao que seguir camiñando, todos xuntos, sen exclusións. É unha invitación á acción. É un punto de partida para situarse no galeguismo con sentidiño do Terceiro Milenio. @mundiario

Comentarios