Cuiña ve con preocupación que un partido de goberno en Galicia fale de pactar con Vox

Rafael Cuiña. / Mundiario
Rafael Cuiña. / Mundiario

"Son galeguista desde que nacín", di o alcalde de Lalín, que volverá a presentarse por Compromiso por Lalín. Sobre o nacionalismo lamenta que "sempre ten tendencia á autodestrución".

Cuiña ve con preocupación que un partido de goberno en Galicia fale de pactar con Vox

Rafael Cuiña, alcalde de Lalín, volverá presentarse á alcaldía por Compromiso por Galicia (CXG), no seu caso Compromiso por Lalín. "Xa foi anunciado hai 15 días, despois dunhas primarias que tivemos abertas, e será, se todo vai como ten que ir, a última vez que me presentarei á alcaldía de Lalín. Queremos unha limitación de mandatos, creo que ninguén é imprescindible en política, empezando pola miña modesta persoa, así que intentarei estar catro anos máis na alcaldía e despois dedicarme a outro tipo de cuestións", dixo nunha entrevista na TVG.

"Eu creo que a limitación de mandatos funciona ben. Non digo estar 8 anos na política e logo retirarte da política. Podes intentar acceder a outro tipo de cargos, pero insisto: creo que ninguén é imprescindible. Non entendo alcaldes que queren estar 20 anos ou 30 anos na poltrona, creo que iso vicia a súa xestión", suliñou Cuiña, que lembrou: "Son galeguista desde que nacín".

"Creo que a miña formación en Lalín –comentou– ten que medrar. Si é certo que no resto das eleccións o PP ten maiorías amplas en Lalín. Eu creo que a cidadanía media está cómoda con Compromiso por Lalín e aposta por nós nas municipais".

A Cuiña non lle estraña que unha boa parte da poboación estea decepcionada coa política, xa que "estamos nun momento moi complicado", no que "estamos falando de que probablemente mañá se anuncie convocatoria de eleccións cara a finais de abril".

"Despois –aventurou o alcalde de Lalín– teremos eleccións municipais e europeas, un mes despois. Este tipo de cuestións ninguén as entende. Á política creo que hai que ir para sentar, para falar, para chegar a acordos, non para xerar odio, que é o que estou vendo en amplos sectores da política. Son un amante da transición española e naqueles tempos víanse políticos de primeirísimo nivel que eran capaces de chegar a acordos desde o desacordo".

Rafael Cuiña ve con "preocupación" que xurdan "novos tipos de formacións" e que "partidos que tradicionalmente gobernan en Galicia están dispostos a chegar a pactos coa ultradereita", en referencia a Vox.

Sobre o nacionalismo lamenta que "sempre ten tendencia á autodestrución", polo que ve "necesario" dar "un paso á fronte para que deixen de pasar internamente e se poida proxectar positivamente cara ao exterior". Puxo un exemplo: "Vía onte, por exemplo, a votación no Congreso dos Deputados de En Marea. Non entendo como deputados elixidos en Galicia, elixidos para defender os intereses de Galicia, poden votar a favor de orzamentos en contra dos intereses dos galegos".

O cocido de Lalín

Sobre o éxito do cocido de Lalín, o seu alcalde coida que "o segredo, sen dúbida, é o inxente traballo que se leva facendo desde hai décadas, o excelente produto, a excelente restauración que temos en Lalín, os nosos hostaleiros que están nun primeirísimo nivel e coidan o produto e saben coidar, o que para nós é a galiña dos ovos de ouro, todo o relacionado co cocido".

"Antes estaba todo centrado na Feira do Cocido, agora temos o mes do cocido, desde San Amaro a San Valentín, no que hai un montón de actividades, concertos para facelo máis atractivo para os visitantes, que consuman no excelente comercio, durma nos nosos hoteis e disfrute do entorno único do Concello de Lalín", explicou Rafael Cuiña.

"Agora estamos traballando –adiantou o alcalde– en políticas turísticas, porque Lalín, sen dúbida, é moito máis que cocido, aínda que sexa a nosa galiña dos ovos de ouro, e tamén estamos traballando para que lle recoñeza como Festa de Interese Turístico Internacional.(...) Agora xa está vindo xente doutros países, de Francia, de Portugal... e tamén nos estamos dando de conta de que tamén cambia a idade, xa non é xente de 40 e 50 anos, se non que son grupos de xente de 18 ou 20 anos que quedan para comer cocido".

Camiño de Santiago

"Lalín é o quilómetro cero de Galicia e ten enorme potencial, porque por alí pasan dous camiños de Santiago", lembra Rafael Cuiña. "Són a Vía da Prata e o Camiño de Inverno, que atravesa o centro de Lalín, que aínda é o gran descoñecido dos camiños de Santiago e estamos vendo como medran exponencialmente os peregrinos que pasan por este camiño e estamos moi contentos neste sentido", explicou na TVG.

"Eu o que lles recomendo ás persoas é que reserven, especialmente na fin de semana, porque se non é verdade que é difícíl atopar sitio. Temos oferta suficiente para que ninguén quede sen comer cocido e tamén hai outros concellos que se están beneficiando desta situación, concellos irmáns da comarca do Deza que tamén nos alegramos por eles, pero cremos que o lugar en que se debe comer o cocido galego, loxicamente é Lalín", rematou o alcalde de Lalín. @mundiario

Comentarios