Crónica anual dun país menguante

Parlamento de Galicia. / Mundiario
Parlamento de Galicia. / Mundiario

Un país menguante e subordinado á lóxica do capitalismo de amiguetes da Xunta. / Informe elaborado para Sermos Galiza, publicado no nº 480.

Crónica anual dun país menguante

Para avaliar o noso desempeño económico neste ano 2021, no que procuramos saír da pandemia, penso que é imprescindible lembrar como chegamos ao ano 2020.

E, feito iso, revisar que foi o que a pandemia estragou no eido económico nese ano de obrigados confinamentos, para –de seguido- facer balanzo do 2020-2021 e tirar algunhas leccións para o 2022 que comeza. 

2000-2019: ANTES DA PANDEMIA

A mediados deste ano presentei unha radiografía económica para os anos 2000 a 2019 botando man de datos oficiais. Dúas décadas, unha xeración perdida: porque da ducia de indicadores utilizados só nun melloramos respecto do conxunto de España, en cinco estabamos estancados e nos seis restantes imos a peor. Iso no económico-social porque no eido ambiental de once indicadores seleccionados só nun melloramos, mentres en nove empeoramos (pode consultarse aquí polo miúdo).

Daquela chegamos ao ano 2020 da pandemia cun país minguante no conxunto de España: en poboación, en oportunidades e calidade de emprego, en produción, en rendas, ... Por non falar da incapacidade estratéxica para definir o noso lugar en España ou na fachada atlántica europea. Un país minguante e subordinado á lóxica do capitalismo de amiguetes da Xunta, da secesión dos mil millonarios que nel habitan ou dos que del tiran bos dividendos: un país de serenos do IBEX.

2020: O ANO DA PANDEMIA

¿Que pasou coa economía por causa da pandemia? Si facemos caso dos pregoeiros do sistema semella que resistimos mellor que o conxunto de España. E punto. ¿Ou non?.

Así na web do IGE anótase unha caída do PIB para España do - 10,8 e para Galicia do - 8,9, case dous puntos menos. Claro que unha caída de case nove puntos de PIB en Galicia no ano 2020 supón que o noso afundimento foi dos máis graves da UE (só igualado por Italia e Grecia países que teñen unha maior dependencia que nós do turismo exterior).

Caer un - 8,9 é facelo moito peor que a media da UE que o fixo un - 5,9. Dous puntos ao noso favor para os amigos da propaganda, e tres puntos na nosa contra para este analista. Complicado.

Daquela chama a atención que non tendo nós unha dependencia do turismo estranxeiro tan intensa como no resto de España (ou Italia ou Grecia) a diferencia na caída non fose maior ao noso favor. Pois eses dous puntos, se se imputan ao turismo exterior, obrigan a pensar que no resto das actividades Galicia afundiuse tanto ou máis que o conxunto de España. E dende logo moito máis que no conxunto da UE.

O mesmo sucedeu co emprego. En Galicia caeu nun - 1,9 % e na media da UE nun - 1,2 %. Podemos irnos arriba comparándonos co conxunto de España, pero é facer trampas polo peso diferencial dun turismo de non residentes que para nós é moito menos decisivo. Creo que a media da UE é máis procedente como referencia. E saímos mal parados.

2021: SAÍNDO DA PANDEMIA

As vacinas e as medidas de protección, ao cabo e non sen tempo, xeneralizadas permitiron ir recuperando aos poucos a actividade económica este ano que pechamos. No conxunto de España non abondou iso para recuperar unha demanda turística exterior crucial, e na economía global presentáronse problemas graves de fornecementos (chips, contedores, materiais, etc.) e de encarecementos (gas, petróleo, electricidade, carburantes) que están a dificultar moitas actividades. En conxunto mentres aínda a incerteza sanitaria anda as voltas xa agromaron novos riscos para as rendas dos cidadáns e para as súas oportunidades de emprego.

Cando isto se redacta a Comisión Europea ben de actualizar as súas previsións para España neste 2021. De acordo con estas cifras España pecharía o bienio 2020-2021 cunha caída a 93,3 (sendo 100 o 2019) mentres a UE pecharía o bienio con 98,1. Moita maior caída inicial e unha recuperación moi semellante. Perdería España peso relativo e estaría na cola da UE no conxunto do trienio.

¿E Galicia? As últimas estimacións de FUNCAS falan dun 5,4 % de crecemento do PIB galego, xa moi por baixo do 8 % que a Xunta estimou no seu día nos orzamentos. Aínda que ese dato se confirmase Galicia pecharía o bienio 2020-2021 cun PIB de 94,3 puntos (sendo 100 a base de 2019). No conxunto dos tres anos pecharíamos por baixo da media da Unión Europea que acada os 98,1.

Estamos nas mesmas. Si nos comparamos co conxunto de España saímos algo mellor parados (pola “axuda” do efecto diferencial do turismo exterior), pero si nos comparamos coa media da UE (máis homoxénea e relevante para este analista) o balanzo non nos é favorable.

E isto quere dicir que no resto de actividades non directamente vencelladas ao turismo a economía de Galicia está a pechar un bienio 2020-2021 igual de negativo, como pouco, que o conxunto de España; e moito máis negativo que no conxunto da UE.

Por caso Galicia beneficiouse excepcionalmente este ano sobre todo da parálise turística de residentes españoles cara ao exterior que optaron por Galicia. Pero tanto para Galicia como para o conxunto de España as previsións oficiais iniciais do ritmo da recuperación económica neste 2021 víronse seriamente corrixidas á baixa ao longo do ano (de máis do 8% ao 5%).

LECCIÓNS PARA O 2022

Para mellorar o noso desempeño económico en relación á media da UE, e para deixar de ser un país estruturalmente minguante dentro de España, Galicia ten que enfrontar os retos deste século XXI. E facelo sen repetir os tópicos e catecismos neoliberais da produtividade, competitividade, desregulación, desvalorización fiscal, privatización e mercantilización de todas as necesidades sociais preferentes (vivenda, sanidade, ensino, xeriatría, etc.).

Porque o máis grave non é que Galicia tivera un crecemento económico menor -neste bienio pandémico- á media da UE. Que perdamos peso económico. O máis grave é que estamos a transformar moi mal ese crecemento en benestar social (como explico polo miúdo aquí).

Pois a poboación en risco de pobreza está por riba da media española, a media das pensións ou dos salarios está por baixo, as probabilidades de emprego seguen a ser peores, e os servizos públicos seguen a deteriorarse para quen non os pode pagar pola privada ... e daquela o crecemento demográfico non se mantén estable, e a pulsión á emigrar non se frea. Os problemas crónicos dun país minguante.

Para saír en positivo dese círculo non virtuoso de crecemento sen desenvolvemento, teño resumido hai xa algo máis dun ano as miñas propostas nunha análise (ver aquí).

Nesta ocasión reitero que sobre todo debemos diversificar o noso tecido produtivo para non padecer a escasa resiliencia que a concentración en automoción e confección provocan. Sendo así que para igualar o peso que temos no PIB español o número de empresas exportadoras galegas debera subir en dúas mil máis.

Iso por unha banda, porque por outra debemos depender menos dos mercados moi distantes (no que mercamos e no que vendemos) á vista da reconfiguración cara a fornecementos de proximidade que se está a observar a escala mundial. E aquí o resto da península deberan marcar os obxectivos comerciais das nosas medianas empresas que transformen recursos propios.

A autodeterminación e proximidade no enerxético supón capturar e desenvolver a escala local as fontes renovables, e frear os usos electrointensivos que dependen de axentes globais e que nos poden levar de novo ao carbón (¡ou a opción nuclear¡) á vista do teito mundial de hidrocarburos e do colapso climático. Tamén no dixital e online facelo con opcións propias na distribución e nos servizos. Soberanía dixital.

Sen esquecer que as rendas dos cidadáns están a ser espremidas por oligopolios (financeiro, eléctrico, carburantes, autoestrada, abastecementos ao domicilio, etc.) nos que debera abrirse competencia. Mesmo cun Estado-Xunta desmercantilizadores. Sí, caro lector, soñar é libre. @mundiario

Crónica anual dun país menguante
Comentarios