Buscar

Crise económica?

A experiencia que temos na Galiza de catástrofes permítenos afirmar que o mellor resultado do impacto económico dunha crise desta natureza é a evitación do seu desenvolvemento, tanto no tempo como no espazo.
Crise económica?
Billetes de euros.
Billetes de euros.

Firma

María do Carme García-Negro

María do Carme García-Negro

La autora, MARÍA DO CARME GARCÍA-NEGRO, es columnista de MUNDIARIO. Es doctora en Ciencias Económicas y Empresariales y profesora del departamento de Economía Aplicada de la Universidad de Santiago de Compostela, donde ocupó los cargos de directora del Centro de Documentación Europea (1990-1994), directora del Grupo de Investigación de Economía Pesquera y directora del Curso de Postgrado Especialización en Economía Pesquera. @mundiario

Hai un cuase-consenso entre cidadáns que se consideran sensatos –e que non teñen, para nós, por que desmerecer esta condición–  que aseveran que non é momento de facer críticas á actuación do Goberno. Os argumentos son do tipo de: este asunto foi un suceso absolutamente inesperado; seguíronse as indicacións de organizacións internacionais –OMS–; a Unión Europea non usou os mecanismos comunitarios diante dunha pandemia… Sendo acertadas algunhas destas aseveracións, o certo tamén é que só un conceito adolescente da responsabilidade en xeral, e da de goberno en particular, podería ser aplicábel ao caso da xestión da crise e á focaxe da súa xestión económica. Así mesmo unha análise das accións de goberno emprendidas en pleno fragor da batalla aportan indicios sobre o marco da acción futura da política económica.  Por estas razóns, e non por insensatez nen por aproveitamento político/eleitoral de nengún tipo, e, moito menos, por falar en nome dun grupo de presión, é mesmo sensato analisar criticamente o que se fixo, e examinar o que aínda se podería facer.

A experiencia que temos na Galiza de catástrofes permítenos afirmar que o mellor resultado do impacto económico dunha crise desta natureza é a evitación do seu desenvolvemento, tanto no tempo como no espazo. Así, por exemplo, na catástrofe tecnolóxica do Prestige tería sido moito menos grave (ecolóxica e economicamente falando) a recollida do barco e da súa carga nun porto, antes do afundimento e da conseguinte derramadura daquelas 77.000 t. de fuel con 2.000 km. de costa contaminada que o fixeron merecente do título -para a historia- do maior desastre ecolóxico da UE. 

Covid-19

Neste caso, no caso da pandemia do Covid-19, a mellor medida sería aquela que garantira unha evitación do desastre nos termos e modos máis rigorosos posíbel. É de esperar que non sexa unha proposta persoal exclusiva de quen subscrebe. Non obstante, non coñezo cita algunha neste sentido (por estes lares), mais só ollando os nosos conxéneres asiáticos se pode deducir que unha actuación nese sentido xa está posta en práctica. O resultado final da crise sanitaria tería sido completamente distinto se no comezo se tivesen tomado medidas duras de identificación, diagnóstico e tratamento dos focos primeiros. O cerramento total de fronteiras exteriores e interiores, logrando o illamento dos primeiros contaxiados coñecidos, así como o seguimento exhaustivo dos posíbeis contaxiados secundarios, tería evitado as actuais medidas, o gasto conseguinte, e a crise económica que se bota enriba inevitabelmente.

Se examinamos de vagar a secuencia temporal de actuacións que remataron coa suspensión da World Mobile Congress (data de suspensión: 10/02/2020) en Barcelona, veremos como antes da suspensión pola organización do congreso (adiado a 2021) déronse de baixa en asistencia varias das compañías mundiais máis representativas do sector, a comezar precisamente polas asiáticas, argumentando que non tiñan disposición de submeteren os seus empregados a posíbel contaxio, visto o desenvolvemento da epidemia en China. Non foi comprendido (non sabemos se examinado), mais o certo é que o día 13 de febreiro os componentes do novo goberno de coalición estaban tomando posesión nunha cerimonia retransmitida con toda a solemnidade e tamén con toda a autocompracencia dun logro que semellaba un triunfo, en lugar dun proceso normalizado de constitución dunha coalición.

E, con estes comezos, non debeu de ser atractivo que as primeiras actuacións do goberno tivesen unha leitura distinta da progresía ben entendida. As valoracións atinentes ás medidas de política económica que poidesen pór en risco o turismo, as exportacións de mercadorías ou os acordos internos para levar a cabo as negociacións conducentes á aprobación dun orzamento público convertido nun obxectivo en si mesmo, foron utilizando os días e as semanas até que sen outras medidas se fixo imprescindíbel o confinamento, primeiro, e a suspensión de actividades non estratéxicas, despois: un mes máis alá da toma de posesión(15-03-2020) contabilízanse 7.753 casos diagnosticados, 288 falecidos e 382 hospitalizados en UCI. Primeira constatación: a reacción gobernamental non foi dilixente. Non se actúo en tempo.

Nos países de Asia con experiencia noutras epidemias, mesmo descoñecendo as características deste virus, levaron a termo políticas de prevención cun resultado excelente

Nos países de Asia con experiencia noutras epidemias anteriores, mesmo descoñecendo as características deste virus, levaron a termo políticas de prevención cun resultado excelente. Neste sentido, o diagnóstico  precoz e o illamento, xunto coas probas correspondentes dos posíbeis contaxiados, partindo de todos e cada un dos primeiros diagnosticados, foi garantía do control do contaxio e con el de todas as consecuencias asociadas.

O diagnóstico

Para levar a cabo o diagnóstico precoz tería sido indispensábel ter a capacidade tanto técnica como material de levalo a termo. Non se fixo e, a seguir, ante a evidencia da gravidade da extensión dos contaxios e, de novo, sen probas masivas de diagnóstico, dítase a declaración de estado de alarma para confinar a maior parte posíbel da poboación, controlando a interacción social e permitindo actividades económicas fabrís e de servizos básicos, que por mor da súa situación territorial relativamente concentrada, non foron suficientes para cumpriren os obxectivos perseguidos. Un paso máis significou o día 29 de marzo pasado o cerramento de moitas outras actividades permitindo só aquelas que foron consideradas imprescindíbeis (estratéxicas para nós, e esenciais en termos da lei). É evidente, para os economistas, que, sen subministración exterior, é imposíbel pechar toda a actividade económica dun país; en China foron quen de realizaren o confinamento e cerramento total dunha provincia (40 millóns de persoas), mais quedaron actuando e vivendo con normalidade outros 1.300 millóns.

Aquí era impensábel nada parecido; por tanto, o único posíbel foi minimizar efeitos. E aquí comezou o calvario (diriamos, o que está pasando a ministra Calviño) dun camiño que a cada paso semella en caída libre pola pendente do gasto. Desde unha perspectiva de ortodoxia en política económica e dado que son actuacións inmediatas e de curto prazo, son enormemente fortes as tensións entre realizar o menor gasto posíbel e paliar a caída de ingresos por paro(preexistente), despedimentos novos, inactividade,.. en fin un descenso evidente de actividade económica e consecuentemente do PIB. Se lle engadimos que  o gasto vai ser realizado por un goberno sen orzamento proprio e sen perspectivas de financeiras novas a curto prazo, estamos deseñando a tormenta perfecta. 

A salvación posíbel esperada das accións da UE non semellan aínda a día de hoxe constitutivas dun verdadeiro alivio. Será preciso examinar polo miúdo-unha vez que haxa acordo- o alcance das medidas acordadas e tamén a adecuación ás necesidades e propostas do goberno español.

Vai ser preciso un desembolso público sen precedentes para paliar a crise económica provocada pola paralisación da vida e da actividade económica

Até o presente si temos posibilidade de examinar a natureza do gasto realizado  desde a perspectiva da adecuación –en contido– das medidas de política económica ante unha  situación como esta. Visto que vai ser preciso un desembolso público sen precedentes para paliar a crise económica provocada pola paralisación da vida e da actividade económica dun período normal, hai dúas posibilidades de facelo, mesmo no seo da ortodoxia económica gobernamental. Unha, paliar na medida do posíbel e a curto prazo a caída do consumo derivada da caída de emprego; subsidiar o desemprego, a caída de actividade, e o descenso de ingresos das empresas (mesmo das robustas en beneficios). Unha outra  consistiría na subvención e/ou disposición financeira con facilidades ao tecido produtivo proprio e imprescindíbel para cubrir as necesidades da poboación en momento de confinamento, así como dos requerimentos extraordinarios en persoal e máis en subministracións sanitarias. Mesmo, se for preciso, nacionalizar ou submeter a control público, durante o período extraordinario, empresas e actividades estratéxicas.

A base fiscal

Sería fundamental, para guarda da lexitimidade futura das medidas que haberán de se implementar para pagar o presente, que o destino e a xénese dos fondos utilizados se correspondesen coas disponibilidades do Goberno, é dicer, coa base fiscal existente e co bon uso para a economía española dos fondos públicos españois.

A dicotomía entre unha focaxe e outra fica de manifesto ao sinalar o trazo da cadea de valor dunha parte da potente industria española: non comeza nen remata aquí. Forma parte dunha cadea de produción e, polo tanto, de valor, europea no mellor dos casos, e no menos bon, chinesa. Estamos a dicer que se un ERTE libera a industria automobilística instalada en España dun gasto alícuota e solidario da crise sofrida en España, de facto subvencionamos con fondos fiscais a industria automobilística europea. Este caso serve para todas e cada unha das actividades que poidamos situar na mesma relación estrutural co tecido produtivo español. Se, pola contra, o tecido produtivo de pequena e mediana empresa non resulta obxecto das medidas, nen pode aspirar máis que a un crédito subvencionado, a  política económica será un colaborador necesario para o seu cerramento definitivo.

España e Corea

Aseveramos polo tanto que as medidas que se toman inicialmente marcan ou deseñan o cadro futuro de actuacións e aínda sabendo que nunha estrutura económica determinada como é o caso que tratamos so caben un tipo e forma determinadas de actuación a curto prazo, mal irá, e mesmo, moi mal, encamiñado o gasto publico non dirixido a reconducir, reformar ou anular os desequilibrios que a modo de tirantes condicionan as accións públicas.

So a modo ilustrativo tomemos como caso a cita da composición actual do sector exterior español (décimo cuarta potencia mundial): unha compoñente fundamental é a exportación de automóbiles. Pois ben non hai capital español (de dirección e determinación españolas) nesa compoñente. É máis capaz e robusta neste sentido a industria coreana que a española. E, aínda máis, dado o desmantelamento industrial español agravado desde 2008, potenciar(subvencionar) o consumo interior para que non se deprima é de facto criar tensións nun sector importador de bens non xerados na industria interior, co conseguinte fortalecemento dos habituais fornecedores exteriores. @mundiario