Buscar

O crecemento da actividade económica de Galicia mantense estable

A variable recollida no Indicador que experimenta un maior crecemento son as importacións xunto co transporte marítimo de mercancías (cargadas e descargadas).

O crecemento da actividade económica de Galicia mantense estable
Billetes de euro. / Archivo
Billetes de euro. / Archivo

O Indicador Abanca-Foro de Conxuntura Económica experimentou no mes de febreiro un crecemento interanual do 3,2 %. Esta porcentaxe é a mesma coa que comezou o ano 2019, logo do proceso de desaceleración experimentado a finais do ano pasado. En termos intertrimestrais, o crecemento da actividade económica de Galicia tamén se mantivo estable, ao situarse ao longo do período que vai de decembro de 2018 a febreiro de 2019, no 0,6 %.    

Con dous meses transcorridos xa do primeiro trimestre do ano, o Indicador Abanca-Foro amosa unha consolidación en torno as cifras de crecemento coas que se rematou o exercicio pasado. Cara o vindeiro mes, cando se dispoña de información completa do conxunto do trimestre e cando se publique a Contabilidade Rexional por parte do Instituto Galego de Estatística, todo apunta cara a unha estabilidade en torno a estes valores. Esta tendencia coincide coas previsións semellantes para a economía española dispoñibles ata a data dentro dun entorno económico xeneralizado á baixa.

Nos últimos doce meses, a variable recollida no Indicador que experimenta un maior crecemento son as importacións xunto co transporte marítimo de mercancías (cargadas e descargadas) que fora o mes pasado a variable con mellor comportamento interanual. No lado negativo destaca, como xa acontecía o mes anterior, a evolución da matriculación de turismos xunto co Índice de Produción Industrial (IPRI) que tamén amosa unha clara evolución desfavorable nos últimos doce meses.

Este Indicador está elaborado pola equipa de conxuntura económica do Foro Económico de Galicia. Para a súa confección pártese da análise e cuantificación de 15 variables económicas que inclúen cifras de emprego, facturación empresarial, comercio internacional, actividade industrial e do sector servizos.

O Foro Económico de Galicia é unha plataforma de transferencia de coñecemento das universidades e empresas galegas á sociedade. Está integrada por profesores das tres universidades galegas, empresarios e directivos de referencia e xornalistas especializados en divulgación económica. @GaliciaMundiari