DE BOLINA

Covid-19: Lévannos ás voltas cos ollos pechados

Ambulancia medicalizada del 061. / Mundiario
Ambulancia medicalizada del 061. / Mundiario
O presidente do Goberno central anunciou a posibilidade de declarar estados de alarma autonómicos. Unha simple lectura da lei orgánica 4/1981 dos estados de alarma, excepción e sitio parece que non o permite.
Covid-19: Lévannos ás voltas cos ollos pechados

Reiníciase o curso político e os medios de comunicación recollen, en titulares, que o Goberno central vai propor que se poida declarar o estado de alarma por territorios, para amparar medidas limitadoras de dereitos fundamentais como instrumento para loitar contra o coronavirus.

A diferencia do sostido antes polo mesmo Goberno, dísenos que se pode partillar: un estado de alarma para aquí e outro para alá.

É imposible legalmente e, agora, por razóns diferentes da inconstitucionalidade que se predicou da previa declaración do estado de alarma mediante o Real Decreto 463/2020 e sobre a que o Tribunal Constitucional algún día se pronunciará.

Criterios técnicos

A Lei Orgánica 4/1981, de 1 de xuño, dos estados de alarma, excepción e sitio aplicarase “cando circunstancias extraordinarias fixesen imposible o mantemento da normalidade mediante os poderes ordinarios das autoridades competentes”. Así que hai que  acollerse a criterios técnicos para saber si  a limitación de dereitos fundamentais, –ollo: limitación, non supresión, como na anterior–, mellora o que se pode alcanzar coas facultades ordinarias das autoridades sanitarias. Que penso que non.

O artigo 4 desa Lei orgánica establece que se poderá instaurar ese estado de alarma en todo ou en parte do territorio nacional durante crises sanitarias, tales como a epidemia que sufrimos. De acordo, di iso; pero hai que seguir a ler. Pódese declarar a alarma nun espazo determinado, pero, claramente, só e exclusivamente cando a peste afecte unicamente, unicamente, a todo ou parte do territorio dunha comunidade autónoma; nese caso o presidente dela poderalle solicitar ao Goberno central esa medida excepcional durante quince días prorrogables coa autorización do Congreso.

Íñigo Urkullu y Alberto Núñez Feijóo. / RR SS

Íñigo Urkullu e Alberto Núñez Feijóo. / RR SS

Galicia, País Vasco ou Catalunya

E, por poñer, se Galicia, País Vasco ou Catalunya sufrisen esa peste elas soas, toda a Administración quedaría baixo as ordes dos respectivos presidentes autonómicos. O Decreto de declaración do estado de alarma podería acordar limitar a circulación ou permanencia de vehículos ou persoas en horas e lugares determinados, non indiscriminadamente como se fixo na anterior, intervir e ocupar industrias e limitar ou racionar o uso de servizos ou o consumo de artigos de primeira necesidade e tomar medidas para a loita contra as enfermidades infecciosas, que é do que se trata e, perfectamente, pode englobar ás anteriores. Nese caso a autoridade competente sería o Presidente dese territorio, que tería ás súas ordes ás autoridades civís, policía nacional e local e a tódolos funcionarios.

Así que tendo en conta que a peste afecta actualmente a todo o Estado, sería contrario á letra da Lei Orgánica 4/1981 que se declarase o estado de alarma partillado por comunidades autónomas. Facer iso, partillar, infrinxiría esa Lei. Outra cousa sería declarar o estado de alarma para todo o Estado e con medidas diferentes para cada comunidade autónoma ou territorio do que se trate.  

Obsoleta lexislación de saúde pública

Ademais convén reflexionar en que, unha vez cesado o estado de alarma previo, as comunidades autónomas, ó amparo da obsoleta lexislación de saúde pública e exercendo competencias propias, aplicando os poderes ordinarios que prevén as normas de saúde pública, están a ditar medidas baseadas nesa lexislación sanitaria vixente. Cada unha no seu territorio, coa sua propia competencia. Con malos resultados, iso si, aos que axuda a procrastinación dos lexisladores. Malos resultados que non hai proba ningunha de que mellorasen cun estado de alarma, territorial ou xeral. 

Pode ser claro que só con lexislación non se combata ese virus estendido polo mundo. Mais, realmente axudaría actuar con criterios legais preestablecidos, un plan, un protocolo, que terían influído en non sermos primeiros nas estatísticas de mortos e contaxiados. Nin o lexislador, nin o Goberno afrontaron esa tarefa imprescindible. Andan ás voltas sen saber ir nin chegar a ningures. @mundiario

Comentarios