Couselo, máis ca un apelido

Un homenaje a José Martínez Couselo en Conxo. / El Correo Gallego
Unha homaxe a José Martínez Couselo en Conxo. / El Correo Gallego
Foi grande no xornalismo galego e mestre de moitos que hoxendía exercen tamén o seu maxisterio neste oficio.
Couselo, máis ca un apelido

Tivo presa en se ir. Pepe Couselo José Martínez Couselo–, que foi grande no xornalismo galego e mestre de moitos que hoxendía exercen tamén o seu maxisterio neste oficio, ven de coller o derradeiro tren da vida para contemplar sen pudor o moito que deixa na terra a súa obra.

Con el traballei no El Correo Gallego en tempos de Juan María Gallego Tato coma director e, posteriormente, na súa etapa como director de Atlántico Diario tiven tamén a oportunidade de escribir neste xornal. 

Magnífico e controvertido: desde aquel seu absolutamente favorable pronunciamento a prol da industria de celulosa da madeira de Pontevedra, que mantivo a capa e espada nos medios de comunicación e que, anos despois corrixiu, ata a defensa desatada da capitalidade de Galicia en Santiago, non escatimou nunca o argumento para levar o tizón á sua lareira con moi duros ataques a cantos outros xornalistas –especialmente a Carlos Luis Rodríguez, de La Voz de Galicia– defendían tamén o que considerábamos dereito da Coruña a manter o status que, sen ser oficial, mantiña a respecto da súa situación na Galicia daqueles tempos. Unha capitalidade esta de estampiña que a Couselo non gustaba para nada, de unha cidade á que viña decote coa súa familia porque –díxomo máis dunha vez– "unha cousa é o traballo e outra o disfrute desta cidade".

Sempre atopei en Couselo un amigo e un compañeiro, especialmente na antiga redacción do Preguntoiro, 29 de Santiago. Pero era inflexible no tema da capitalidade de Galicia, como me fixo ver no decurso dun solemne acto celebrado en San Domingos de Bonaval: "Un coruñés capitalino pisa as lousas da histórica Compostela, capital de Galicia". 

Nunca o tiven en conta porque sei que, aínda sendo o que de certo podía pensar, sempre primou o compañeirismo e a amizade demostrada en moitas ocasións. El foi quen titulaba as miñas aportacións no xornal compostelano na sección "Crónica de la capital", supoño que recoñecendo –nunca chegamos a falalo– a capitalidade provincial da Coruña, cidade na que eu residía e resido.

Non sei en que liortas andará agora pola outra dimensión, en que causas defenderá ou atacará co seu razonamento; pero sempre será Pepe Couselo a muxica que prende no máis fondo de  Galicia para defender a súa razón. 

Descanse en paz. @mundiario

Comentarios