Unha cousa é a banca e outra, todo o demáis

Foto de Bankia con la que ilustró un análisis sobre España el diario 'The Daily Telegraph'.
Foto de Bankia coa que ilustróu unha análise sobre España o xornal The Daily Telegraph.

O papel do Estado cúmprese aquí intervindo a banca e deixando ás forzas do mercado todas as outras. Pero nos Estados Unidos –con Obama– deixaron quebrar un banco e interviron abertamente os sectores produtivos.

Unha cousa é a banca e outra, todo o demáis

Non se pode, desde o poder, facer pedagoxía do exemplo con contradicións flagrantes, porque o público en xeral, a paisanaxe, é moi hostil a se adaptar ás distintas situacións.

O vulgo non entende que un banco, ou que uns bancos, sexan obxecto de resgate case inmediato, que se financiou con fondos públicos que compoñen o groso da débeda pública existente, e que logo non haxa a mesma disposición pública para resgatar empresas de todo tipo e condición: férricas, termoeléctricas, alumínicas, de alimentación, de autoestrada….

O vulgo, que é moi, pero que moi pouco entendido, non capta as diferenzas evidentes que existen entre unhas e outras e que, polo tanto, o papel do Estado cúmprese intervindo a banca e deixando ás forzas do mercado todas as outras.

Digámolo dunha vez alto e claro: unha cousa é a banca e outra todo o demáis. Proba diso é que o Estado de Estados Unidos, que pasa por ser o adaíl da liberdade de mercado, deixou –con Obama– quebrar un banco –o medo dos restantes gardou o curral– e interveu abertamente os sectores produtivos para que, non caíndo, non sofresen os problemas financeiros: é dicer, fixo xusto o contrario que en Europa, desde Europa e o que, con maior celo, se fixo no Estado Español: salvamos os bancos –pagamos todos– e que caia quen caír do resto da economía.

Pero isto non se entende. Non se sabe que os bancos son parte medular do sistema, son estratéxicos (sobre todo para os seus donos) e a produción de carne de vacún, de leite, de madeira, de servizos, de pequeno comercio, de distribución comercial ao por maior, de transportes, de seguros, a produción pesqueira, a produción de aceiro, a construción de barcos, a construción civil, o ensino público, a sanidade pública, o subsector de atención á dependencia… son non estratéxicos e aínda que carguen sobre as súas costas o prezo do resgate é un mal menor que hai que soportar, en aras de resolver a crise da mellor forma posíbel.

Agora, unha vez que as novas tanto de prensa como as da propaganda, coinciden en aseveraren que se superou a crise, é lóxico que as secuelas da mesma, que aínda se deixan sentir en industrias maduras, en plantas obsoletas ou en factorías periclitadas, levan a que o vulgo confunda todo e pida que o tutor xeral básico (Estado) interveña para comprar, investir, fabricar e salvar os postos de traballo que desaparecen. 

Non se dá entendido que hai unha diferenza substancial: unha cousa é a banca e outra moi distinta, o resto. Dixérono en Europa, e cada Estado adoptou as medidas necesarias para salvar o imprescindíbel e non contaxiar o resto do sistema financeiro europeo nutrido da mesma saiva financeira que o español: xa é sabido que o fluxo de diñeiro é moi lixeiro e percorre a moita velocidade o capilarizado sistema de rego financeiro do espazo económico europeo. Isto é tan serio e decisivo que o Banco Central Europeo, posto ao fronte da batalla contra a perda posíbel de solvencia, mandou executar unha disciplina financeira acaída ás necesidades do sistema euro. O que cada Estado gobernase cos seus sectores produtivos foi cuestión propia de cada Estado. Aquí tocounos un monocorde: só tocou a tecla financeira. As outras caíron como os dentes dun rapaz en idade de renovación molar. @mundiario

Comentarios