Cotas dos partidos políticos

Sede del PP en Madrid.
Sede do PP en Madrid.

Non hai 800.000 militantes no PP nen moito menos: chamábanlle militantes e eran achegados ou simpatizantes, sen responsabilidade económica algunha/ou compromiso material co partido.

Cotas dos partidos políticos

Nada é o que parece.  Desde Heráclito a Giordano Bruno, Galileo Galilei ou Spinoza, e chegando aos filósofos materialistas  do século XIX, do XX e do actual, puidemos ter a tentación de aprender algo tan aparentemente sinxelo como que, por baixo das aparencias, existe unha realidade subxacente que está un pouco máis cerca de representar mellor o contido da realidade externa  a nós.

No caso do PP, hai algunhas persoas, entre as que se interesan activamente na realidade política, que vivían abraiadas pola potencia esmagadora do poder político do PP, en parte pola propaganda que atribuía o éxito político á enorme cantidade dos seus militantes.

Unha mínima parte dos anotados

Visto que ostentou o poder gobernamental no Estado desde 2011 até hai unhas semanas, a súa imaxe de capacidade tanto política como económica, dados os resultados electorais en todos os ámbitos de goberno institucional, estaba perfeitamente xustificada, sen máis averiguacións.  Pero (sempre aparece un pero), no momento presente, por mor dunhas eleicións internas entre os militantes do seu partido para elixiren presidente/a, está quedando ao descuberto un flanco feble ou moi feble: os apuntados como militantes non eran tales, eran só simpatizantes ou achegados, os auténticos militantes son os que cotizan, e, neste caso,  resultaron ser unha mínima parte dos anotados, tan pequena que nen sequer alcanzan o número de cargos institucionais computábeis do citado partido, e dan como resultado unha imaxe da realidade interna paupérrima, comparada coas expectativas creadas desde o poder, e alimentadas por tutti quanti: adoradores, turiferarios, adláteres, e directamente beneficiados.

Se as cotas dos militantes son tan pequenas para o partido máis grande de España, cal é a fonte de financiamento proprio? É sabido que as subvencións contempladas na lei de financiación dos partidos políticos favorecen aos que logren maior representatividade institucional pola vía do voto recoñecido: é dicer, un voto con escano ou posto local dun partido grande, con cotas de representatividade elevadas segundo o reparto da chamada lei d’ Hont,  dá lugar a unha grande subvención; en cambio, os votos dos pequenos, que teñen máis dificuldade  para alcanzaren representación institucional, quedan en moitas ocasións como restos, sen representación, e non dan lugar a ingresos subvencionados. Os mecanismos estabelecidos –neste campo– son proclives á pervivencia do bipartidismo pola vía financeira.

As fundacións

Unha terceira fonte financeira é a procedente de doazóns privadas que fan achegas dentro dos límites que estabelece a lei actual: nen empresas privadas que contraten coa Administración, nen condonación de débedas polos bancos nen doazóns superiores a 100.000 euros. Non obstante, as fundacións dos partidos políticos poden receber fondos de particulares sen límite algún, polo que sempre queda aberta a posibilidade de relación con interese, a través das achegas ás fundacións.

O suxestivo deste recordatorio é constatar que non hai 800.000 militantes no PP nen moito menos: chamábanlle militantes e eran achegados ou simpatizantes, sen responsabilidade económica algunha/ou compromiso material co partido e resulta tamén que segue sendo unha un problema irresolto saber cal é a vía de financiación do partido denominado o máis importante do Estado español. @mundiario

Comentarios