A Coruña é a primeira cidade galega en número de persoas galegofalantes

Denominaciones del concello coruñés. / coruna.gal
Denominacións do concello coruñés. / coruna.gal

O galego, como lingua propia e oficial do noso país, será a lingua de uso normal e preferente na administración, sinaléctica, comunicación e publicidade do Concello coruñes.

A Coruña é a primeira cidade galega en número de persoas galegofalantes

O acordo de base entre PSdeG - PSOE e BNG foi ampliado á Marea Atlántica e ás concelleiras non adscritas Mónica Martínez Lema e Isabel Faraldo. O PP mantívose nunha abstención que amosa que A Coruña pode ser sitio distinto na suscrición de acordos de cidade, como o que quitou adiante a normativa municipal coruñesa a prol do uso do galego, despois da longa noite de pedra vazquista.

A Coruña, que fala galego –é a cidade galega con máis persoas galegofalantes (en termos absolutos, porcentualmente Lugo, Ourense e Compostela melloran os seus números)– xa ten aprobado inicialmente unha normativa municipal de seu a prol do galego, na vía de amañarmos  a desfeita galegófoba de Paco Vázquez.

O xeito coruñés de facer as cousas, desta volta, semella ben acaído porque  non houbo ningún partido a contra. Votaron a prol 17 das 27 persoas concelleiras (PSdeG - PSOE,  BNG, Marea Atlántica e as dúas non adscritas) e abstivéronse os 10 representantes do PP.

Os representantes do pobo da Coruña, ben abeirados nun moi potente informe xurídico da UDC, asinado polos profesores Carlos Aymerich e Carlos Amoedo (Dº Administrativo) e Francisco Caamaño (Dº Constitucional), desbotaban a limitada tendenciosidade  manifestada nas sentenzas do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG, 2016 e do Tribunal Supremo(TS, 2019) que anularon algúns artigos da ordenanza municipal de uso do galego do concello lugués de 2012 que agora recupera substancialmente a normativa coruñesa.

Deste xeito, o galego, como lingua propia e oficial do noso país, será a lingua de uso normal e preferente na administración, sinaléctica, comunicación e publicidade do Concello coruñés  e de todas as súa axencias, fundacións e empresas públicas. Tamén das súas empresas privadas concesionarias de servizos públicos e contratistas, malia que sexan árabes ou chinesas de orixe. O galego será a lingua normal de uso coa cidadanía, de non ser que ésta, no seu lexítimo dereito, opte polo uso do castelán nas notificacións no seu concreto asunto. Por suposto, tendo en conta a vocación turística da Coruña,  usarase na publicidade cando cumpra, a outra lingua cooficial-o castelán- canda outras non oficiais, como o inglés.

O mérito xurídico desta normativa é acadar unha interpretación  constitucional-estatutaria conforme coa nova normativa, como esixe a acaída interpretación constitucional. E o mérito político é un amplísimo pacto político que só deixa fóra aos extremistas que refugan os nosos dereitos lingüísticos, culturais, políticos e económicos. Para máis, amosando posíbel unha resposta do PSdeG que rexeita a cativa herdanza de Paco Vázquez e apártase da frivolidade cosmopailanista do alcalde vigués Abel Caballero, sendo quen de consensuar co BNG  uns parámetros estábeis que definen a praxe posíbel  lingüística e cultural do concello coruñés para os vindeiros 15-20 anos.

Agora cómpre levar este pulo á sociedade civil, empresa, deporte e cultura coruñesas para reconciliar de vez a cidade da Coruña (refundada no 1208 polo mellor rei da Galicia, Afonso VIII) coa lingua propia do país do que sempre quixo ser garda, chave e forza. @mundiario

 

Comentarios