A Coruña: un goberno municipal instalado na crise

Palacio Municipal de María Pita, en A Coruña.
Palacio Municipal de María Pita, en A Coruña.
Dificilmente pode practicar o diálogo un goberno local incapaz, mesmo, de dialogar consigo mesmo, no que unha persoa actúa como alcalde na sombra, asumindo, de portas para dentro, todos os poderes.
A Coruña: un goberno municipal instalado na crise

Creo que é xusto admitir, pese á miña condición de voceiro dun grupo municipal da oposición, que o acceso de Inés Rey á Alcaldía da Coruña en 2019 xerou unha importante expectativa, que mesmo foi alén da que produce a chegada de todo novo goberno. A Coruña tiña por primeira vez unha alcaldesa eleita democráticamente. Unha persoa que, en tempo récord, gañara contra prognóstico as primarias do PSOE coruñés para logo, a rebufo de Pedro Sánchez, acadar un triunfo nas eleccións municipais que tan só un ano antes ninguén se atrevería a prognosticar.

E creo que tamén é xusto admitir que a actitude responsábel e colaborativa da oposición facilitou o tránsito de Inés Rey na Alcaldía.  Ante a crise provocada pola pandemia, todos os grupos aparcaron as súas diferenzas para daren unha resposta conxunta, plasmada en dous PRESCO, resultado das achegas e do voto favorábel de todas as formacións políticas con presenza na Corporación. 

Por iso causa perplexidade e asombro o xeito en que o grupo de goberno do PSOE está a dilapidar a confianza que lle deron as e os cidadáns: estamos ante un goberno municipal instalado nunha crise permanente. 

Dende o inicio de mandato, xa levamos tres crises no goberno local, con reaxustamentos de áreas, retirada de competencias, expulsións do goberno e demisións. Os sismos internos traducíronse tamén en mudanzas de direccións de área ou na estrutura de asesores.

Acredito nas grandes potencialidades que ten A Coruña, pero nos últimos anos existe a percepción de que a cidade está a perder impulso

O último episodio foi a saída da corporación, a demisión, de Juan Manuel Díaz Villoslada. O concelleiro de máis prestixio do goberno municipal e que estaba á fronte da principal área investidora. Unha demisión que, ademais, fixo aflorar fortes discusións e disputas internas no seo do gabinete que preside Inés Rey.

Mais o grave é que os problemas do grupo de goberno repercuten en toda a cidade. No Concello a parálise e falla de impulso cada vez é máis palpábel, cun executivo coruñés ensimesmado e que está a rachar as vías de diálogo coa oposición. Dificilmente pode practicar o diálogo un goberno local incapaz, mesmo, de dialogar consigo mesmo.

Unha situación agravada por un xeito de funcionar que ten como principal característica o feito de unha persoa actuar como alcalde na sombra, asumindo, de portas para dentro, todos os poderes.

Acredito nas grandes potencialidades que ten A Coruña, pero nos últimos anos existe a percepción de que a cidade está a perder impulso. Falta proxecto de cidade. Teño a sensación de que A Coruña funciona por inercia, sen unha dirección que lle forneza un horizonte claro cara ao que avanzar. 

A situación dun goberno municipal instalado na crise non é a mellor para devolverlle á nosa cidade o impulso e o horizonte de futuro que necesita. @mundiario

Comentarios