Convocada a XVII edición do Premio José Couso de Liberdade de Prensa

Detalle da estatuiña 'Ás ceibes', imaxe do Premio José Couso. / Mundiario
Detalle da estatuiña 'Ás ceibes', imaxe do Premio José Couso. / Mundiario
O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e o Club de Prensa de Ferrol abren a convocatoria. Pódense presentar candidaturas ao galardón desde hoxe ata o martes 23 de febreiro ás 14:00 horas.
Convocada a XVII edición do Premio José Couso de Liberdade de Prensa

O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e o Club de Prensa de Ferrol abren a convocatoria da décimo sétima edición do Premio José Couso de Liberdade de Prensa. Pódense presentar candidaturas ao galardón desde hoxe ata o martes 23 de febreiro ás 14:00 horas.

O premio, que leva o nome do cámara ferrolán asasinado en Bagdad no 2003, ten o obxectivo de recoñecer e difundir o traballo dunha persoa viva ou organización existente destacada na defensa da liberdade de prensa ou cunha salientable traxectoria profesional, libre e independente.

Calquera colexiado do CPXG ou socio do Club de Prensa de Ferrol pode entregar unha proposta. Igualmente, calquera persoa ou organización vinculada ao xornalismo está facultada para facer chegar a súa candidatura. O envío de candidaturas, con argumentación e currículum vitae, realizarase ao correo electrónico [email protected] ou a través da páxina web do premio

Ata as 14:00 horas do 23 de febreiro poderanse presentar as propostas, que se van anunciar como definitivas o xoves 25 de febreiro. Entre ese día e as 14:00 horas do martes 30 de marzo, o xurado, composto polos colexiados e colexiadas do Colexio de Xornalistas e polos socios e socias do Club de Prensa, poderá votar as candidaturas. O fallo do xurado darase a coñecer nunha rolda de prensa. 

O Premio José Couso é un recoñecemento da profesión xornalística galega que non implica ningunha contía económica. O gañador recibirá un diploma acreditativo e o símbolo distintivo que representa o Premio, consistente nunha escultura de Manuel Patinha, que leva o nome de “Ás ceibes”.

O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, creado pola Lei do Parlamento Galego 2/1999 do 24 de febreiro, e o Club de Prensa de Ferrol, organizan o premio co obxectivo de recoñecer e difundir o traballo dunha persoa viva ou organización existente destacada na defensa da liberdade de prensa ou cunha salientable traxectoria profesional, libre e independente. As dezaseis edicións anteriores foron para Lorenzo Milá (2020), Defende a Galega (2019), Julia Otero (2018), Xosé Hermida (2017), Miguel Ángel Aguilar (2016), Jordi Évole (2015), Ricardo García Vilanova, Javier Espinosa e Marc Marginedas (2014), Mónica García Prieto (2013), o Consello de Informativos de TVE (2012), WikiLeaks (2011), Daniel Anido e Rodolfo Irago (2010), Rosa María Calaf (2009), Vidal Beneyto (2008), Jon Lee Anderson (2007), Le Monde Diplomatique (2006) e Ali Lmrabet (2005).

Por outra banda, a web do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia recolle unas declaracións de Ubaldo Cerqueiro nas que di: "Non ten sentido saber máis de Madrid ou Washington que do concello do lado".

Cerqueiro dirixe desde 2007 Que pasa na Costa, un micromedio dixital que se converteu nun punto de encontro na rede da Costa da Morte. Reivindica a importancia da información local e comarcal, tamén na pandemia, e destaca os problemas para a conciliación coa vida familiar como un dos maiores atrancos que informadores e informadoras tiveron que afrontar desde o mes de marzo.

Entre tanto, o Foro de Organizacións de Xornalistas (FOP) reclama que se recoñeza o dereito dos e das xornalistas a que se respecte a integridade da súa obra, que se lles recoñeza como autores individuais e que reciban unha compensación material pola súa difusión ou pola súa reutilización. "Unha publicación periódica non é unha obra colectiva, senón unha obra complexa na que distintos autores inseren diversos traballos, como pode ser unha crónica, unha análise ou unha reportaxe, ademais de incluír outros contidos", indícase.

A súa vez, o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia adheriuse ao Pacto Dixital para a Protección das Persoas, impulsado pola Axencia Española de Protección de Datos para promover un grande acordo pola convivencia cidadá no ámbito dixital, estabelecendo a privacidade como un activo para organizacións públicas e privadas, impulsando a transparencia para que a cidadanía coñeza que datos se están a recabar e para que se usan e fomentando que as tecnoloxías eviten perpetuar nesgos ou aumentar as desigualdades. @mundiario

Comentarios