A contribución da economía social ao PIB de Galicia sitúase en torno ao 7%

Presentación no Foro Económico de Galicia. / Mundiario
Presentación no Foro Económico de Galicia. / Mundiario
O sector cooperativo aporta o 4,5 % do PIB e garante unha facturación de 2.500 millóns de euros, segundo o Foro Económico de Galicia.
A contribución da economía social ao PIB de Galicia sitúase en torno ao 7%

Expertos do Foro Económico de Galicia constatan a necesidade de poñer en valor a importancia da chamada economía social en Galicia, que vai máis alo da mera maximización de beneficios, xa que establece unha serie de principios no seu funcionamento: solidariedade, a non discriminación e a democracia nos procesos de xestión e control, ocupando as persoas o eixo central  da súa actividade. A contribución da economía social en Galicia sitúase en torno ao 7% do PIB, mesmo por riba. O sector cooperativo aporta o 4,5 % do PIB e garante unha facturación de 2.500 millóns de euros.

Asemade, os expertos destacan o papel que pode desempeñar a economía social para mitigar os efectos económicos e sociais que provocou a Covid-19. E, ao mesmo tempo, para acadar os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) das Nacións Unidas. Tamén sinalan a necesidade de establecer actuacións claras e ben definidas no eido da economía social ante o actual escenario económico post-Covid-19.

Os beneficios esperados da actuación das entidades da economía social merecen especial consideración, sobre a base da forte implicación co territorio no que se desenvolve, con importantes economías positivas na xeración de riqueza e emprego. Asemade, a economía social  posibilita o reinvestimento dos beneficios xerados no territorio onde se desenvolve, permitindo un proceso de retroalimentación da iniciativa.

A economía social posibilita a supervivencia de actividades en risco de desaparición, algo de especial transcendencia nesta comunidade autónoma en todo o relacionado co medio rural, que por falta de oportunidades e polo escaso atractivo para a poboación de menor idade, está sendo abandonado. Sen embargo, este coñecemento non pode quedar limitado a unha enumeración de vantaxes e accións potenciais, segundo o Foro Económico de Galicia. "Para elo, debe proseguirse na mellora do empoderamento da economía social e a súa visibilidade para a sociedade, así coma no recoñecemento das oportunidades de mellora xeradas por este tipo de actividade", propoñen.

Sen dúbida, a gran adaptabilidade deste sector, que resistiu con éxito as últimas crises económicas, incluíndo a actual asociada á Covid-19, converte a economía social nunha aposta de futuro por un espazo onde cada vez é máis necesario promover o autoemprego e camiñar cara a un novo paradigma económico que combine crecemento e sustentabilidade, na liña dos compromisos contraídos no cumprimento dos  ODS.

Recomendacións dos expertos

Os autores deste  traballo, María Bastida e Alberto Vaquero, recomendan poñer en marcha unha serie de medidas, entre as que cabe salientar as seguintes:

> Reforzo das liñas dirixidas á incorporación de persoas socias traballadoras, para contrarrestar a tendencia á atomización da propiedade no marco das  microcooperativas, situación que se da especialmente nesta comunidade autónoma.

> Establecemento de liñas de axuda para os procesos de concentración de sociedades, e en particular a creación de cooperativas de segundo grao, tendo en conta da importancia do tamaño para a mellora da competitividade das organizacións.

> Deseñar liñas específicas de apoio á internacionalización das entidades da economía social. Tanto nesta recomendación coma na anterior, os fondos europeos no marco financeiro plurianual 2021-2027 e dos fondos de recuperación, están chamados a desenvolver un papel fundamental que garanta o soporte financeiro necesario para a consolidación dunha economía social viable e sostible.

> Contar cunha batería de boas prácticas ilustrativa das accións de economía social, nomeadamente das entidades máis representativas. Asemade cómpre valorar a incorporación do ámbito de economía social aos estudos universitarios en Galicia.

> Visibilizar os principios, valores e forma de funcionamento das entidades de economía social para poder facer destas entidades unha vía de emprendemento especialmente axeitado ás expectativas e oportunidades das novas xeracións e un medio de desenvolvemento profesional para as mulleres.

>  Proceder a unha correcta cuantificación e valorización da actividade das entidades de economía social en Galicia.

>  Mellorar o papel das entidades representativas do sector como axentes interlocutores nos procesos de deseño das liñas de fomento e apoio.

O Foro Económico de Galicia é unha plataforma de transferencia de coñecemento das universidades e empresas galegas á sociedade. Está integrada por profesores das tres universidades galegas, empresarios e directivos de referencia e xornalistas especializados en divulgación económica.  Un total de máis de 60 persoas referentes para a análise e confección de propostas para a economía galega. @mundiario

A contribución da economía social ao PIB de Galicia sitúase en torno ao 7%
Comentarios