A contaminación mata máis que a covid-19, segundo as Nacións Unidas

Contaminación / Pixabay.
Contaminación. / Pixabay.

É un dereito humano o medio ambiente limpo? Teremos dereito o medio ambiente limpo?

A contaminación mata máis que a covid-19, segundo as Nacións Unidas
O 8 de outubro do 2021 o Consello de Dereitos Humanos das Nacións Unidas, adoptou unha resolución histórica que recoñecía por primeira vez a nivel mundial o dereito humano a un medio ambiente limpo, saudable e sostible. Aínda que o 80% dos Estados Membros das Nacións Unidas xa o tiñan recoñecido en teoría, a nova resolución pretendía servir para este dereito se recoñeza  e aplique de forma universal en constitucións, lexislacións e tratados de dereitos humanos e para acelerar a acción fronte a crise ambiental mundial.

Agora o 28 de febreiro 2022, o Consello de Dereitos Humanos da un paso máis e tratará un Informe que ten por tíduo “Dereito a un medio ambiente limpo, saudable e sostible: el medio ambiente no tóxico”, Informe que revela  datos de sumo interese como os que siguen e que se debatirán no Consello que celebra o 49º período de sesións (28  febreiro-1 abril 2022). Vexamos: 

a) Estamos envelenandonos  e estamos envelenando o planeta. A contaminación e as substancias tóxicas causan polo menos  nove millóns de mortes prematuras/ano, o dobre do número de mortes causadas na pandemia de Covid-19 durante os primeiros  18 meses. A contaminación atmosférica ela só é responsable de sete millóns de mortes prematuras/ ano.  

b) Unha de cada seis mortes no mundo está relacionada con enfermidades causadas pola contaminación, unha cifra que triplica a suma de mortes polo sida, malaria, tuberculose e multiplica por 15 ás mortes ocasionadas polas guerras, os asasinatos e outras formas de violencia. 

c) Unha cuarta parte da carga mundial de morbilidade atribuíse a factores de risco ambientais evitables. A exposición a substancias tóxicas aumenta o risco non só de morte prematura senón tamén de intoxicación aguda, enfermidades cardíacas, accidentes cerebrovasculares, enfermidades respiratorias, efectos adversos no sistema inmunolóxico, endócrino e reprodutivo, anomalías conxénitas, secuelas no desenvolvemento  neurolóxico de por vida...

d) Os países de ingresos baixos e medianos son os máis afectados pola enfermidades relacionadas coa contaminación pois representan case o 92% das mortes por esta causa. O  futuro  non é prometedor, xa que a produción de substancias químicas duplicouse entre 2000 e 2017 , e esperase que se duplique de novo para 2030 e se triplique para 2050.  

e) Mais de 750.000 traballadores e traballadoras morren anualmente debido a exposición a substancias tóxicas no entorno laboral entre elas a materia particulada (partículas PM10, PM2,5...), amianto, arsénico, ...

f) Recoñecen que mentres a emerxencia climática e a pandemia de enfermidade polo coronavirus (Covid-19) acaparan titulares, a devastación que a contaminación e as substancias perigosas causan a saúde, os dereitos humanos e a integridade dos ecosistemas seguen sin suscitar a penas atención. 

g) Existen indicios de que a carga contaminante recae de forma desproporcionada sobre persoas, grupos e comunidades que xa soportan o peso da pobreza, a discriminación e a marxinación sistémica, polo que temos claras inxustizas ambientais, mesmo algunhas transnacionais ao exportar os países os contaminantes. Existen “zonas de sacrifici0”  con grado extremo de exposición a contaminación e as substancias tóxicas. Calcúlase que en Europa existen 2,8 millóns de sitios contaminados.

No informe asegúrase que existen convincentes motivos económicos para eliminar a contaminación  e a exposición a  sustancias tóxicas. Por exemplo na Unión Europea  a contaminación atmosférica custa entre 330.000 e 940.000 millóns de euros  ao ano, en conceptos como días de traballo perdidos, custos sanitarios, perdas de rendemento agrícola e danos nos edificios mentres que as medidas para mellorar a calidade do aire ten un custo estimado de entre 70.000 e 80.000 millóns de euros/ano. O peche das centrais térmicas de carbón poden contribuír a mellorar drasticamente a calidade do aire e a reducir as emisións de mercurio, evitando mortes prematuras, reducindo os casos de enfermidades respiratorias, cardiovasculares e de cancro.  Os custos da prevención poden cifrarse en miles de millóns de euros, pero os beneficios  temos que medilos en billóns de euros.   

Hoxe  sabemos que a contaminación e as substancias tóxicas ocasionan 9 millóns de mortos anualmente,  a pandemia de coronavirus  despois de dous anos, en febreiro do 2022, causou  5,9 millóns de mortes. O Informe  que se presentará ao Consello de Dereitos Humanos da ONU declara que o medio ambiente limpo é un dereito humano e por eso  insta a actuar e mesmo prohibir determinados produtos químicos como os polifluoroalquilos  e os perfluoroalquilos, sustancias artificiais utilizadas en produtos domésticos  (antiadherentes) relacionadas co cancro. 

A contaminación mata máis que a covid-19 na Galiza?

A Axencia Europea do Medio Ambiente (AEMA)  no seu Informe anual 2020  manifesta que a contaminación ambiental causa en España 31.600 mortes prematuras. En base a estes datos e tendo en conta que perto da terceira parte da poboación galega  no 2020 respiraron valores de partículas (PM10 e PM2,5)  e outros compostos contaminantes por riba das recomendacións saudables da OMS, pódese estimar  que a morte prematura na Galiza podería estar comprendida no ano 2020  entre 2.300-2700 persoas. Mentres a covid-19 dende o inicio (2020, 2021 e até principios de marzo do 2022) ocasionou da orde de 3.100 mortes, nese mesmo periodo a contaminación ocasionaría da orde de 5.000 mortes.

Algúns datos sobre contaminación:

 Agricultura 2017 (fonte USC):  A análise de plaguicidas agrícolas  en  solos de cultivo galegos indican que  recibiron 176 substancias activas durante os últimos 100 anos, pertencentes  a 50 familias químicas distintas e delas 78 substancias están prohibidas na actualidade.   Plaguicidas como DDT, lindan, endosulfán, heptacloro,... prohibidos en algún caso a finais do século pasado teñen efectos que persisten na actualidade e mesmo persistirán no futuro como altamente ou extremadamente tóxicos. Organoclorados e cloroacetanilidas son grupos de plaguicidas con maior distribución na Galiza e varios organoclorados  inducen cancro, mutaxénese, teratoxénese.... 

Masas de auga superficiais 2013 (fonte Xunta) : O 30,1% das masas de auga superficiais – ríos, embalses, augas costeiras, portos e augas de transición-  da demarcación Galicia-Costa (Xunta) e o 27,4% das masas de auga da demarcación Miño-Sil (Estado) presenta mal estado.  Destacan  a contaminación de orixe residual urbana, presión agropecuaria en determinadas zonas,  contaminación química derivadas de  vertidos industriais... 

No 2021 a Xunta recoñece que as rías galegas sofren 265 vertidos contaminantes, sendo a principal causa a mala depuración da auga. Nese ano dáse  unha contaminación importante por vertido de mais de 200.000 litros de zurro dunha granxa de vacún en Trazo  que chegan ao río Tambre, este vertido puxo en risco o ecosistema fluvial e o abastecemento de auga potable a Santiago. Non foi o único vertido contaminante  (río Maior e outros).

Contaminación  2020 (fonte Rexistro PRTR): A declaración de 231 complexos industriais (grandes e medianos, asentados na Galiza) ao Rexistro Estatal de Substancias Contaminantes informan que  emitiron  36 substancias contaminantes  distintas e un volume de 5.342.931,19  t/ano á atmosfera.

Estes complexos verteron directamente a auga  28 substancias contaminantes  e 30.813,22 t/ano, e indirectamente son responsables de 23 substancias e 1.709,00 t/ano. Substancias tóxicas e perigosas a gran maioría, entre elas as emisións e vertidos de mercurio 142 kg, cobre 2.073 kg, níquel 4.013 kg, chumbo 482 kg, manganeso 60 kg, vanadio 4 kg,  cobalto 2 kg, ... 

Si comparamos as emisións de Galiza no 2020 coas totais do Estado temos (por grupos de substancias contaminantes, segundo o Rexistro  PRTR, datos publicados no 2021 correspondentes ao  2020) : 

 a) Gases de efecto invernadoiro : Galiza 5,61% do total do Estado.

b)  Compostos Orgánicos Persistentes : 24,48% das emisións a atmosfera  e o 23 ,94% dos vertidos a auga

c)  Substancias que esgotan a capa de ozono:  63,51% á atmosfera.

d)  Metais pesados :  5,97% á atmosfera e 2,65% a auga.

e)  Substancias acidificantes/eutrofizantes/precursoras de ozono:  10,53%.

f)  Todos os contaminantes emitidos a atmosfera sin dióxido de carbono:     8,71%. do total do Estado

Teremos dereito o medio ambiente limpo? @mundiario

Comentarios