Contamina Meirama?

Contrastes en Galicia en una foto histórica donde aparece la central de Meirama de Naturgy. / Jalisia, de Xurxo Lobato
Meirama: Contrastes en Galicia. / Jalisia, de Xurxo Lobato

De novo As Pontes e Meirama están no punto de mira, e con razón, ao ser dous dos grandes contaminantes de gases de efecto invernadoiro, en particular dióxido de carbono CO2.

Fai 30 anos, a preocupación en Europa era a “choiva ácida”. Galicia xa tiña dous focos importantes de contaminación neste tema, as centrais térmicas de As Pontes e Meirama. Ambas eran responsábeis da emisión do 96% do total de dióxido de xofre que se emitía en Galicia e do 61% do total de compostos de nitróxeno, as súas emisións acidificantes de dióxido de xofre (SO2) ano 1992 representaban  o 41,8% do total que se emitía polas térmicas no Estado. Calquera entende que non existian medidas anticontaminación para estes gases e saian a atmosfera a “tiro libre” , sendo ignoradas intencionadamente ou silenciadas as repercusións nos ecosistemas, na saúde e na economía (cuantiosas perdas económicas).  Meirama chegou a emitir no ano 1985 da orde de 311.442 toneladas de SO2 e As Pontes mais de 800.000 toneladas. Xunta, Goberno español e outras institucións  miraban para outro lado, tivo que vir unha Normativa Europea que vía a situación insostible e preocupante para que obrigara a  diminuír a contaminación  e as centrais térmicas en varias fases chegaron a baixar de forma notable a contaminación. Non foi suficiente e aínda hoxe vense obrigadas a seguir baixando determinadas emisións pois do contrario veranse obrigadas a pechar, a térmica de  As Pontes di gastar mais de 200 millóns en modificacións para non pechar e Meirama  dúbida de gastar en aplicar modificacións ou pechar.

Na actualidade a preocupación  en Europa está no cambio climático e a necesidade de descarbonización, búscase potenciar enerxías alternativas e cumprir acordos internacionais. De novo As Pontes e  Meirama están no punto de mira, e con razón, ao ser dous dos grandes contaminantes de gases de efecto invernadoiro, en particular dióxido de carbono CO2. Non so en Galicia senón  no Estado español. As Pontes tamén é un dos grandes contaminantes en Europa.

Pero ¿contamina Meirama?

Meirama produciu no 2017 un total de 2.600.463 Mwh  de electricidade para o cal precisou  mais dun millón de toneladas de hulla subituminosa e lignito negro, carbón importado, transportado en barco dende outros países  e descargado no porto de A Coruña. Ademais necesitou  cerca de 3 millóns de metros cúbicos de gas natural. Fai tan so unha sema o Rexistro de Emisións Contaminantes PRTR, (Rexistro Europeo) daba a coñecer publicamente as emisións de Meirama do ano 2017, aquí  aparecían emisións da central térmica con datos de 24 contaminantes a atmosfera : Gases de efecto invernadoiro, gases acidificantes, metais e metais pesados, compostos tóxicos e canceríxenos... Vexamos algúns deles.

Meirama emitiu  2.380.000 toneladas de dióxido de carbono, 13,4 toneladas de metano, 17,8 toneladas de óxido nitroso. Estes tres gases son os principais responsables do efecto invernadoiro. Poden permanecer na atmósfera  por períodos que van dende uns poucos anos a miles e  actúan como un  vidro nun invernadoiro,  absorben a enerxía e calor do sol que se irradia dende a superficie da  terra,  atrapan este calor e evita que escape ao espazo, desta forma aumenta a temperatura do planeta e prodúcese o cambio climático. O cambio climático altera os ecosistemas  e  conleva en determinadas zonas  un aumento no número e virulencia dos furacáns, subida do nivel do mar, aceleración no derretemento  do xeo de glaciares en montañas como os Pireneos, Alpes... e no mesmo Artico, provocan a relantización das correntes mariñas no Atlántico, diminución da subida de auga profunda do Océano, contribuín ao aumento de mares vermellas, cambios nos hábitos de aves, cambios na pluviosidade... En xeral as centrais térmicas de carbón  son as grandes emisoras de gases invernadoiro.

Gases acidificantes

Meirama emitiu no 2017  case 10.000 toneladas de gases acidifícante,  destacan  entre outros o Dióxido de xofre con 5.780 toneladas e Óxidos de nitróxeno con 3.480 toneladas. Estes gases reaccionan na atmosfera e transfórmanse en ácidos. A permanencia e recorrido na atmosfera destes compostos  depende das condicións químicas e meteorolóxicas, por exemplo os compostos de xofre  tardan de media de dous a catro días en depositarse podendo recorrer nese tempo decenas ou centenares de kilómetros (mesmo en ocasións miles) , pero tamén a veces a distancia recorrida non vai máis ala de Pedrafita polo Este ou Tui polo Sur... Os compostos acidifícante  dan lugar a coñecida como choiva ácida  (deposición húmida e seca) que provoca danos e caída anticipadas de follas nas plantas, perda de vitalidade en cultivos e arbores , perda de produción de froita, eutrofización e acidifican na auga doce, e mesmo deterioran os edificios que conteñan  pedra calcaria e vidreiras, incluso aumentan a corrosión de metais.

Os galegos coñecemos ben a problemática dos gases acidificante e da choiva ácida, xa que o problema non é novo, xa a finais dos 80 déronse casos de contaminación aguda por néboas ácidas en lugares como Vilares, Guitiriz e contaminación crónica e choiva ácida  en numerosos lugares: Val da Maía, A Estrada, Betanzos, Pontedeume, Val de Lemos, norte de Lugo e mesmo na provincia de A Coruña no triángulo Rois-Boqueixón-Ordes manifestanse danos no campo con problemas de vitalidade  e baixa productividade  en cultivos e no arborado autóctono e repoboacións forestais. 

Metais e metais pesados

Moitos compostos que emiten nas térmicas de carbón son metais e metais pesados, compostos que en xeral son tóxicos e biocaumulativos que unha vez que entran nos organismos tenden a concentrarse en órganos vitais e son lentos no proceso de eliminación.  Algún en cantidades moi pequenas pode ser necesario no organismo (zinc por exemplo) pero cando a sua cantidade supera un limiar volvese problemático,  depende moito da concentración, tempo de exposición, estado de saúde...

Meirama emite: 646 kg de zinc, 538 kg de chumbo, 215 kg de níquel, 108 kg de arsénico, 215 kg de cobre, 108 kg de mercurio, 108 kg de cromo, 6,46 kg de cadmio... Estes compostos  a través da atmosfera (tamén da auga ou alimentos) penetran no organismo e acumúlanse en órganos  como fígado, riles, sistema nervioso, pulmóns, osos... ademais de contaminar os ecosistemas e o medio ambiente.

> A exposición ao mercurio  segundo a Organización Mundial da Saúde , OMS , incluso en pequenas cantidades  pode causar problemas, sendo perigoso para o desenrolo intrauterino e nas primeiras etapas de vida. O mercurio esta asociado con alteracións neurolóxicas, autismo, é tóxico para o sistema inmunitario, aparato dixestivo, pel, pulmóns , riles e ollos. A emisión de 108 kg de mercurio por Meirama é inxustificable e supera incluso a térmica de As Pontes.

> O chumbo é un metal tóxico que chega dende a atmosfera, auga ou alimentos  ao cerebro, fígado, riles, osos e depositase co paso do tempo no esqueleto e dentes provocando anemia, fatiga, cancro de ril..., sendo especialmente daniño segundo a OMS  nos nenos de curta idade  e non existe un nivel de exposición ao chumbo  que poda considerarse seguro, igoal que sucede con outros contaminantes . As emisións de chumbo en Meirama  superan en oito veces as de As Pontes.

> A exposición ao zinc fai aumentar a cantidade deste elemento no sangue e osos e pode permanecer  un tempo antes de expulsalo pola ouriños e feces. Para darnos unha idea da alta emisión dicir que para  nenos pequenos a inxesta normal diaria recomendable é de  2 ou 3 miligramos/dia e Meirama emite cada dia 1.769.863 mg que se dispersan na atmosfera.

> Cadmio. Xunto co mercurio o chumbo ou o arsénico é un dos mais perigosos para a saúde. Os efectos tóxicos maniféstanse nos osos e riles. En exposición crónica orixina anemia, cálculos renais, osteoporose, hipertensión, cefaleas e incluso cancro.

Todo isto sen analizar outros contaminantes primarios como as partículas, os hidrocarburos, dioxinas e furanos, compostos orgánicos volátiles non metano...  que se emiten en Meirama, así como outros contaminantes  secundarios como o ozono  que se forman na atmosfera ao reaccionar varios contaminantes. A  Organización Mundial da Saúde OMS en nota do 2 de maio do 2018  afirmaba  sobre calidade do aire e saúde:  O 91% da poboación vive en lugares onde non se respectan as Directrices da OMS sobre calidade do aire.  Será Galicia un deles? Non esquezamos que unha cousa é a permisiva Lexislación vixente e outra moi distinta son as Directrices da OMS?

Que máis se pode pedir a unha térmica? @mundiario

Comentarios