DE BOLINA

Por unha Constitución da Terra

Planeta Tierra. / Pixabay
Planeta Terra. / Pixabay
O pensador Luigi Ferrajoli vén propoñendo unha Federación da Terra e no seu último libro, recén saído do prelo, deseña unha Constitución da Terra.
Por unha Constitución da Terra

Acabo de adquirir o último libro de Luigi Ferrajoli (Florencia, 1940) titulado Por unha Constitución da terra. A Humanidade na Encrucillada, ed. Trotta 2022. A tradución é do maxistrado emérito do Tribunal Supremo Perfecto Andrés Ibáñez. É obra breve, 181 páxinas, extraordinariamente clara e de lectura obrigatoria: logo de lela, todo parece evidente e deixa a un pensando que non queda outra solución, que hai que facerlle caso, xa, dunha vez, ao profesor Ferrajoli, de quen, por certo, xa temos falado aquí en varias ocasións.

O enfoque aparece desde a mesma solapa do libro. Explica algo tan incuestionable como que existen problemas globais que non son fenómenos naturais, nin simples inxustizas -quecemento global; ameazas á paz mundial; crecemento das desigualdades; morte de millóns de persoas por falta de auga potable, alimentación básica ou medicamentos esenciais ou as masas de migrantes que foxen da miseria e degradación dos seus países- que non se poden resolver desde a óptica miope e egoísta dos Estados e, por iso, resulta necesaria “unha Constitución da Terra que introduza un demanio planetario para a tutela dos bens vitais da Natureza, prohiba todas as armas empezando polas nucleares e introduza un fisco e institucións idóneas globais de garantía na defensa dos dereitos de liberdade e en actuación dos dereitos sociais poida realizar o universalismo dos dereitos humanos”.

O libro está dividido en tres partes e simplemente co enunciado do título de cada un podemos adiviñar por onde vai o seu desenvolvemento. O primeiro, Catástrofes globais, no que non deixa de tratar a pandemia da covid 19, fai unha descrición de diversos problemas que afectan simultaneamente ao mundo enteiro e termina por cualificalos como crimes do sistema, incluíndo entre eles as deforestacións e as edificacións masivas na costa ou a contaminación do auga e do aire, os migrantes que morren nas fronteiras: traxedias das que fai responsable aos mecanismos do réxime económico e político vixentes.

A segunda parte tamén se intúe desde o seu enunciado inicial: Os límites do constitucionalismo actual. Trata sobre a impotencia dos ordenamentos estatais e da grandeza, pero tamén do fracaso, da ONU.

A parte terceira, Por un constitucionalismo máis alá do Estado, propón unha idea-forza, que resumo nas súas propias palabras: “So unha Constitución da Terra pode superar os factores de división, conflito e discriminación do xénero humano que son as diversas soberanías e as diversas cidadanías, e con iso realizar os presupostos da paz, da igualdade e da universalidade dos dereitos fundamentais”.  A partir de aí, nas últimas páxinas redacta un proxecto de Constitución global da Federación da Terra no que describe os dereitos, as institucións de goberno, económicas e financeiras, en fin, todo o que é propio dunha Carta Magna. A xeito de preámbulo, empeza así: “A Terra é un planeta vivo. Pertence como casa común, a todos os seres vivintes: aos humanos, aos animais e as plantas. Pertence tamén ás xeracións futuras, ás que a nosa ten o deber de garantir, coa continuación da Historia, que elas veñan ao mundo e poidan sobrevivir nel”.

Se puidese, eu obrigaría a que todas as persoas que aspirasen a exercer un cargo político en calquera parte do mundo tivesen que examinarse deste libro, e de non obteren un sobresaínte, que se fosen para a súa casiña a traballar. Ou poríao como libro de texto en todas as escolas, porque seguro que sería máis doado entender que o mundo dividido en leiriñas mesquiñas non será nunca quen de dar conta dos problemas globais e ata provocará que, como agora, haixa Estados, ou fondos de capital transnacionais, que pretendan apropiarse do que é de todos, como vento, auga, sol e séndolle alleo o devir e futuro da Humanidade. @mundiario 

Por unha Constitución da Terra
Comentarios