Consolidación do crecemento da actividade económica galega en agosto, segundo o Foro

Peregrinos en el Camino de Santiago. / Facebook
Peregrinos en el Camino de Santiago. / Facebook
O Indicador Abanca medra un 3,2% en termos interanuais no mes de agosto e este valor supón un aumento de dúas décimas respecto ao mes de xullo. Consolida o crecemento da actividade galega nun verán moi favorable en termos económicos, grazas ao pulo do turismo.
Consolidación do crecemento da actividade económica galega en agosto, segundo o Foro

O Indicador Abanca-Foro de Conxuntura Económica de Galicia amosou no mes de agosto un incremento interanual do +3,2%: dúas décimas por riba do correspondente ao mes de xullo.

Este repunte da actividade económica galega susténtase na recuperación do turismo nesta comunidade con cifras históricas de chegada de viaxeiros e transporte de pasaxeiros, segundo o Foro Económico de Galicia. Ambas as dúas magnitudes incrementáronse en máis dun 25%.

Esta evolución favorable vese contida polas incertidumes políticas e económicas orixinadas pola guerra de Ucraína, a crise enerxética e o despunte da inflación. A falta dunha solución ao conflito no medio prazo e a suba dos tipos de interese está xa a pasar factura na confianza dos consumidores albiscando complicacións de cara ao inverno.

Neste senso, as previsións das diferentes institucións debuxan un horizonte pouco optimista para 2023 con cifras de crecemento considerablemente inferiores que o que se anticipaba antes do verán.  De cara a este ano, a cifra de crecemento para o terceiro trimestre que proporcionará o IGE o mes que ven será clave para a consecución do crecemento dun 3,6% recollido no Cadro Macroeconómico da Xunta de Galicia.

No que atinxe á evolución individual das variables recollidas no Indicador, xunto coas variables turísticas cómpre salientar, como xa acontecera o mes anterior, o comportamento das importacións cun incremento interanual superior ao 25%.   En sentido contrario, o índice de produción industrial continua o seu retroceso comezado en maio cun descenso próximo ao 40% en termos interanuais.

O Foro Económico de Galicia é unha plataforma de transferencia de coñecemento das universidades e empresas galegas á sociedade. Está integrada por profesores das tres universidades galegas, empresarios e directivos de referencia e xornalistas especializados en divulgación económica.  Máis de 60 persoas referentes para a análise e confección de propostas para a economía galega. @mundiario

Comentarios