Consolidación da actividade económica de Galicia no mes de decembro de 2019

Industria 4.0. / Mundiario
Industria 4.0. / Mundiario
O Indicador Abanca-Foro de Conxuntura Económica medra un 2,2% en termos interanuais. En termos intertrimestrais, o Indicador tamén se estabiliza, cun 0,4% de crecemento no período.
Consolidación da actividade económica de Galicia no mes de decembro de 2019
O Indicador Abanca-Foro de Conxuntura Económica amosou no mes de decembro de 2019 un crecemento interanual do 2,2%, o que supón unha consolidación no nivel do mes anterior.  Asemade, en termos intertrimestrais, o crecemento da actividade económica de Galicia no último trimestre do ano (de outubro a decembro) foi do 0,4%, igual que o mes  pasado mes. 

A economía galega amosou no conxunto do ano 2019 unha desaceleración no seu ritmo de crecemento con respecto a 2018.  Esta foi  especialmente intensa no segundo trimestre, así como nos dous primeiros meses do cuarto. Porén, o bo comportamento dos indicadores no mes de decembro permitiu corrixir a tendencia decrecente e manterse por riba do nivel do 2%.

Nos últimos doce meses, as variables recollidas no Indicador que experimenta un maior crecemento son as referentes ao comercio exterior (importacións e exportacións) e os viaxeiros entrados nos hoteis. En sentido contrario e tamén repetindo a tendencia de meses anteriores, o transporte marítimo de mercadorías cargadas e descargadas é a variable que reflicte unha maior caída neste mesmo período.

Este Indicador está elaborado pola equipa de conxuntura económica do Foro Económico de Galicia.  Para a súa confección pártese da análise e cuantificación de 15 variables económicas que inclúen cifras de emprego, facturación empresarial, comercio internacional, actividade industrial e do sector servizos.  A súa principal vantaxe respecto á Contabilidade Trimestral é que fornece mensualmente información sintética sobre o pulo global da economía. @mundiario

Comentarios