O conselleiro de Lingua ofrece á oposición “un gran pacto” polo galego

José López Campos. / Mundiario
José López Campos. / Mundiario
José López Campos promete diálogo "respectuoso e sincero" con todos os grupos do Parlamento de Galicia. Segundo a Mesa, hai 400 medidas do Plan Xeral de Normalización que a Xunta non activou.
O conselleiro de Lingua ofrece á oposición “un gran pacto” polo galego

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, iniciou este martes as comparecencias dos novos responsables da Xunta de Galicia no Parlamento e fixo o seu primeiro ofrecemento aos grupos da oposición para alcanzar “un gran pacto pola lingua galega".

López prometeu un “diálogo respectuoso e sincero” con todos os grupos, especialmente, cos da oposición, para antepoñer “o moito" que os "une” na defensa do idioma.

José López Campos dixo que traballará para articular un plan para proxectar o avance do futuro do galego partindo dos "consensos necesarios” que representen "un pobo que coñece, quere e usa o galego, sen ningún tipo de conflito social”.

O conselleiro, segundo G24, tamén subliñou que o actual é o momento de iniciar “xuntos un gran pacto pola lingua” debido a que este 2024, o plan de normalización lingüística –aprobado por unanimidade no Parlamento– fai “vinte anos”.

Mercedes Queixas (BNG) criticou que o conselleiro fixera declaracións nestes días negando que haxa un proceso de substitución do galego polo castelán nas xceracións máis novas "Non só nega o que tantas familias, tantos colectivos docentes e comunidades educativas denuncian desde hai máis dunha década, senón que parece negar a evidencia científica de institucións como a RAG ou o Consello da Cultura Galega que conclúen que a escola galega, hoxe en día, desgaleguiza", afirmou. "Desde o BNG pedímoslle complicidade para atender as desigualdades en que vive o galego, pedímoslle valentía e honestidade para romper coa política lingüicida e virada de costas á vizosidade cultural galega que o PP aplicou nestes 15 anos", reclamou a deputada.

Silvia Longueira (PSdeG) afeou López Campos que o Goberno galego se posicionase contra o uso do galego no Congreso ou "os incumprimentos no pacto pola lingua".

As palabras do conselleiro José López Campos falando dun "gran pacto pola lingua" tiveron eco –e resposta– fóra do Parlamento. Así, A Mesa pola Normalización Lingüística sinalou nas redes sociais que "hai 20 anos que se aprobou por unanimidade parlamentar o Plan Xeral de Normalización.  Este plan ten obxectivos e 400 medidas concretas que a Xunta non activou.  Este é o grande pacto pola lingua do que o conselleiro non quere falar!".

O PP rexeita investigar os contratos da pandemia

Por outra banda, o PPdeG, con maioría absoluta na cámara galega, rexeitou a creación dunha comisión de investigación no Parlamento sobre a contratación pública de emerxencia durante a pandemia, que reclamou o BNG, que ten os escanos suficientes para activar por si este mecanismo de fiscalización na Cámara autonómica, e que apoiaron tanto o PSdeG como DO, e asegurou que os nacionalistas "deliran" porque non existe "nin un só motivo" para cuestionar estes contratos. Así o argumentou o portavoz parlamentario do PPdeG, Alberto Pazos, fronte ao deputado do BNG Iago Tabarés, quen falou de "irregularidades" nesta contratación, en base aos informes do Consello de Contas, e asegurou que "existen dúbidas de legalidade e sobre a xestión dos recursos públicos", así como "de que se contrataba e, sobre todo, a quen se contrataba".

Tabarés argumentou que a comisión de investigación reclamada polo seu partido no pleno do Parlamento "non é contra o PP", senón para achegar "transparencia" sobre a contratación en pandemia. E considerou que os populares se retratan ao non querer "perseguir estas irregularidades que reflicte o Consello de Contas", que non fiscalizou todos os contratos senón só unha parte "moi limitada", segundo puntualizou.

Pazos acusou a Tabarés de "insidiar" e dixo que "traspasou todos os límites" coa súa intervención deste martes no pleno do Parlamento, á vez que considerou que esta petición de comisión por parte do BNG é unha mostra de "cinismo político" co único obxectivo en "enlodar e atacar o adversario". "Deliran vostedes cando verten sospeitas porque algúns contratos demoraron a entrega de material máis dun mes", exclamou Pazos, quen cuestionou se a proposta da oposición era devolvelo, polo que lles instou a saír á rúa e contárllelo "aos miles de galegos que salvaron a vida grazas a ese material que vostedes querían devolver". Tamén reprochou ao BNG que prefire "amagar e insultar" en lugar de utilizar a capacidade que ten para constituír unha comisión de investigación por lexislatura, ao que Tabarés respondeu que prefiren reservar esa "única bala" porque cren que pode ser necesaria no futuro dada a xestión da Xunta en varios ámbitos.

Pazos afirmou que "non existe nin un só motivo para cuestionar a contratación de emerxencia realizada pola Xunta durante a pandemia" e, ademais, que Núñez Feijóo "non ten pendente" no Parlamento ningunha xustificación de incremento patrimonial", como apuntou Tabarés. O deputado nacionalista insistiu en que o seu partido non recibiu "ningunha explicación" respecto diso nin a documentación que solicitaron na Comisión do Estatuto do Deputado, e defendeu que as críticas do seu partido á contratación de emerxencia non son "loiadas nin fakes", senón que son cuestións aparecidas no informe do Consello de Contas e os medios de comunicación.

A deputada socialista Patricia Iglesias, quen foi letrada maior do Consello de Contas dese 2019 ata este ano, coincidiu en que os contratos públicos "non foron transparentes e houbo moitas ineficiencias e irregularidades" e apoiou a iniciativa do BNG para crear unha comisión de investigación, que foi rexeitada polos votos do PPdeG. "Se non hai nada que ocultar, o PP non tería nada que temer a que se constitúa esta comisión", estimou, porque ademais non se trata de abordar unha corrupción que correspondería ao ámbito xudicial senón de "responsabilidade política" e dunha investigación que "vai de transparencia, de rexeneración democrática e de dar exemplo". Polo seu lado, o deputado de Democracia Ourensá, Armando Ojea, tamén apoiou esta comisión "non por afán morboso, fiscalizador ou acusador", senón para "aprendizaxe e lección para o futuro". @mundiario

Comentarios