Confirmada a sentenza pola que o Santander terá que devolver 360.000 euros por unhas preferentes herdadas

Banco Santander. / gurusblog.com
Banco Santander. / gurusblog.com

As preferentes foran mercadas en 2009, cando a entidade aínda era Banco Pastor polos proxenitores da muller, finados en 2010 e 2012, respectivamente. A sentenza vén de ser ratificada pola Audiencia de Pontevedra.

Confirmada a sentenza pola que o Santander terá que devolver 360.000 euros por unhas preferentes herdadas

O Xulgado de Primeira Instancia e Instrución nº1 de Lalín acorda a devolución de 295.000€ máis xuros legais, polo que a cifra final será de 360.000€  a unha muller, filla dunha lalinense que, na actualidade, atopábase en risco de exclusión social.  O caso foi levado polo despacho de avogados e consultores Xoán Antón Pérez-Lema. Dita sentenza está ratificada pola Audiencia de Pontevedra.

Desde o despacho de avogados Xoán Antón Pérez-Lema din sentirse “moi satisfeitos” co resultado,  especialmente pola situación de risco de exclusión na que se atopaba a cliente.

Antecedentes

O pai desta muller, con diñeiro ganancial do matrimonio, merca preferentes no 2009 ao Banco Pastor por valor de 295.000€. Falece no 2010. No 2011, o Popular merca o Pastor. O Popular convence á cliente do despacho e á súa nai, herdeiras do pai, a canxear as preferentes en bonos subordinados que se converterán en accións en 2014. Para esa altura, a nai xa finara tamén.

O Santander merca o Popular en 2017. Así, a demandante solicitaba que se declarase nulo o contrato de adquisición de preferentes do Pastor e tamén o seu posterior canxe en accións  e a súa devolución máis xuros así como o pago das custas procesuais. 

A sentenza

A sentenza estima que a entidade desenvolveu a comercialización deste produto con defectuosa información. Polo que, a compra por parte do proxenitor da demandante, foi baixo un erro esencial e escusable, xa que non tiña información abondo nin capacidade suficiente para  comprender os produtos financeiros que estaban mercando. 

Así, o texto da sentenza recolle que o banco non “cumpriu coa obriga de asesorar ao cliente de xeito adecuado, claro e comprensible sobre os riscos da operación concertada desde o intre no que non tivo en conta o perfil dos contratantes e non ofreceu ao demandante o produto que máis se axustaba ao seu perfil e obxectivos, senón o que máis conviña aos intereses da entidade”.

O erro esencial do pai continúa cando elas, as herdeiras, aceptan o canxe polos bonos subordinados. Elas nunca adquiren o coñecemento das características esenciais destes produtos de altísimo risco (perda de parte ou todo o investimento, subordinación aos demais acredores no cobro, etc). @mundiario

Comentarios