O concerto reduciría os fluxos fiscais para Galicia, segundo o Foro Económico

Grupo de traballo do Foro Económico de Galicia formado polos economistas Xoaquín Fernández Leiceaga,  Santiago Lago Peñas, María Cadaval Sampedro e Alberto Vaquero García. / Mundiario
Grupo de traballo do Foro Económico de Galicia formado polos economistas Xoaquín Fernández Leiceaga, Santiago Lago Peñas, María Cadaval Sampedro e Alberto Vaquero García. / Mundiario

As novas correccións propostas polo Ministerio de Facenda non deben supoñer unha redución do peso das existentes, sostén tamén o Foro Económico de Galicia.

O concerto reduciría os fluxos fiscais para Galicia, segundo o Foro Económico

O chamado 'concerto' reduciría os fluxos fiscais para Galicia, segundo o grupo de traballo do Foro Económico de Galicia formado polos economistas Santiago Lago Peñas, Xoaquín Fernández Leiceaga, María Cadaval Sampedro e Alberto Vaquero García.

Este grupo presentou este venres o seu informe sobre a reforma do sistema de financiamento autonómico encargado polo Parlamento autonómico e xa entregado.

As novas correccións propostas polo Ministerio de Facenda non deben supoñer unha redución do peso das existentes, sostén tamén o Foro Económico de Galicia.

O Foro Económico de Galicia é unha plataforma de transferencia de coñecemento das universidades e empresas galegas á sociedade. Está integrada por profesores das tres universidades galegas, empresarios e directivos de referencia e xornalistas especializados en divulgación económica. Máis de 60 persoas referentes para a análise e confección de propostas para a economía galega.

Descentralización tributaria

As estatísticas de la OCDE amosan que España é o país da UE cunha maior descentralización tributaria. Porén, necesítanse axustes de natureza técnica para garantir que a autonomía se poida exercer de forma suficiente e clara para os cidadáns.

Os expertos do Foro desbotan o sistema de concerto, xa que leva ao goberno central á renuncia do seu poder fiscal nunha parte do territorio. No caso de Galicia, os autores consideran que non sería positivo porque reduciría os fluxos fiscais que benefician á comunidade.

O documento salienta a necesidade de que Galicia lidere a defensa do retorno á nivelación de todos os servizos públicos descentralizados. Esta nivelación encaixa cunha concepción ampla da equidade entre todos os españois, e porque é o que posibilita que a autonomía política e o autogoberno sexan compatibles coas capacidades de prestar servizos públicos similares en toda España, con respecto á igualdade do esforzo fiscal realizado polos cidadáns.

No que atinxe á proposta do Ministerio de Facenda remitida ás comunidades autónomas en decembro de 2021 para a súa discusión, os autores fan tres consideracións que afectan ás dúas novas variables incorporadas; isto é, aos custes fixos e ao despoboamento.

Primeiro, se aumenta o número de factores adicionais ao da poboación, o razoable é que aumenten tamén o peso global do conxunto das variables correctoras. Do contrario, dilúese o efecto das preexistentes (espallamento poboacional, insularidade e superficie). Os expertos consideran que as novas correccións non poden supoñer, en ningún caso, unha redución do efecto das xa existentes.

En segundo termo, percíbese unha notable discrecionalidade no caso da nova variable de despoboamento. Ésta concentraríase en catro comunidades autónomas  porque os seus valores de densidade están por debaixo da media e entorno a 25-27 habitantes /km2. En realidade, o que se está a facer é “sobreponderar” unha variable que xa está no modelo: a superficie. Isto é evidente ao comparar as comunidades  gañadoras ca incorporación desta variable: Castela-A Mancha, Castela e León, Aragón e Extremadura, coas catro comunidades autónomas  máis extensas, a marxe de Andalucía.

En terceiro lugar, o xeito de se aproximaren aos costes fixos tampouco é razoable nin aceptable de ningún modo ao limitar o seu impacto a aquelas comunidades autónomas  con menos de 2 millóns de habitantes. É evidente que os costes fixos existen para todas as comunidades. A única forma de introducir estes costes no modelo é a través dunha contía que sexa idéntica para todas as comunidades  de réxime común, de xeito que cada unha delas se leve 1/15 do total asignado.

Fondo de Liquidez Autonómica

Os expertos consideran que deben procurarse fórmulas que permitan metabolizar a débeda acumulada aos gobernos máis endebedados e evitar a condonación e/ou os incentivos perversos, polos agravios comparativos que provocaría. Trátase, para os territorios máis endebedados, de ampliar os prazos de devolución (50 anos ou máis) e garantir tipos de xuro por baixo do 1%.

Como derradeiro punto, os autores do informe propoñen unha revisión razoable do importe global e regras de reparto dos importes recibidos dende o Fondo de Compensación Interterritorial (FCI). Así, Galicia podería recibir preto de 300 millóns anuais, contra os 200 millóns anuais que recibía antes da crise. Nos presupostos da Xunta do 2021 son menos de 50. @mundiario

Comentarios