Os concellos non parecen estar á altura do que se lle pide pola cidadanía no século XXI

No século XXI os concellos non teñen porque ser similares e actuar illados como no século XX ou no XIX. Hoxe moitos concellos non poden xestionar servizos obrigatorios básicos por si mesmos. Acuden a empresa privada para concesións millonarias, por 25 ou 30 anos, para que podan ter os cidadáns auga, alcantarillado, recollida de lixo, parques e xardíns... Dependen das deputacións para cobrar e xestionar impostos, e non poden garantir igualdade entre cidadáns pois existen uns que son de primeira, nas cidades e vilas que teñen a maioría dos servizos, e outros de segunda, abandonados e con moitas carencias no rural. Por si fora pouco 152 concellos dos 313 estaban endebedados a finais do 2021 nun total de 234 millóns de euros e parece que teñen por “norma” estar endebedados continuamente. Temos alternativa?
A prestación conxunta entre varios concellos de servizos esenciais como recollida e tratamento do lixo, abastecemento de auga, saneamento, servizos sociais, transporte, planificación urbana... son imprescindibles para dar bo servizo, para garantir unha xestión sostible e eficiente, para obter un notable aforro económico, para sobrevir no caso de moitos concellos pequenos e medianos e en especial para mellorar a calidade de vida dos cidadáns. Esta prestación conxunta de servizos pode ser a clave para solucionar problemas e pode ser tamén o primeiro paso para unha posterior e necesaria fusión (voluntaria ou obrigatoria).
Cando se analizan os 55 municipios galegos de máis de 10.000 habitantes, que representan da orde do 70% da poboación galega, observamos que os servizos públicos básicos que con carácter obrigatorio, deben prestar os municipios supoñen da orde do 44% do total de gastos municipais, e as inversións reais representan unha porcentaxe moi pequena. Os gastos en medio ambiente, excluídos parques e xardíns, non chegan ao 3% do importe total dos servizos públicos básicos. Si isto sucede en medio ambiente, que pasará noutros aspectos de competencia municipal: transporte, urbanismo, servizos sociais, abastecemento de auga, saneamento, residuos...?
Si nos centramos en casos concretos e chegamos ao Concello de Santiago de Compostela, con 220 km2 de territorio, 215 núcleos de poboación, e menos de 100.000 habitantes, municipio visitado anualmente por centos de miles de peregrinos procedentes de 186 países distintos, temos que os habitantes do rural, fora do casco urbano, representan o 15% da poboación, e 90 núcleos de poboación carecen de auga e saneamento público, cifra que alcanza a 112 núcleos si só consideramos abastecemento e 125 si consideramos só saneamento. Esto indica que preto da terceira parte da poboación que vive no rural do Concello de Santiago ten que costearse de forma privada uns servizos que son obrigatoriamente de responsabilidade municipal.
Esta situación non é única de Santiago, é similar a de Lugo e outras cidades. A situación pode agravarse si citamos aos 258 concellos restantes –tendo o 30% da poboación galega– e por enriba de todo si nos fixamos nos 199 concellos que non pasan de 5.000 habitantes e que se queixan continuamente dos gastos de alumeado público, do alto consumo eléctrico da depuradora, dos gastos en educación, dos gastos en persoal, da carencia nos servizos sociais, da falta de inversións no rural..., situación non é de agora, pois non debemos esquecer que 50 concellos xa no 2011, estaban a punto da bancarrota (segundo a Fegamp, Federación Galega de Municipios e Provincias) .
Mancomunidade, fusión de concellos, desaparición de Deputacións...?
O plan que puxo en marcha a Xunta de Galicia co presidente Feijóo para fusionar municipios non tivo o “éxito esperado”, máis ben foi un auténtico fracaso – un só caso de fusión na Galiza no 2012–, polo que necesita empezar de novo. Tampouco serviu a Lei 7/1985 reguladora das Bases de Réxime Local que se refería a posibilidade de que o Estado atendendo a criterios xeográficos, sociais, culturais ou económicos puidera establecer medidas tendentes a fusión de municipios, como tampouco serviu a Lei 27/2013 de racionalización e sostenibilidade da Administración Local co “convenio de fusión”.
Con relación as deputacións, estas están cubrindo carencias dos axuntamentos, incapaces estes incluso de cobrar os seus propios impostos e taxas municipais. Recentemente Valentín González Formoso, secretario xeral do PSdeG-PSOE e presidente da Deputación da Coruña –518 millóns de presuposto– recoñecía estes días que as deputacións son “perfectamente suprimibles” e considera que ate hoxe existiu un “debate superficial en canto a desaparición das deputacións” e que a “Consellería de Presidencia da Xunta pode asumir as súas competencias”. Será unha opción persoal ou de partido?
En definitiva, os concellos non parecen estar á altura do que se lle pide pola cidadanía no século XXI, e as Deputacións seguramente son “suprimibles” si funcionan ben os concellos. As portas de novas eleccións preguntámonos si os concellos están en condicións de incorporar nos programas de gobernos medidas para evitar fugas e perdas de auga potable; programas medioambientais; de vivenda e rehabilitación de vivendas abandonadas; de recuperación de terras abandonadas para poñelas de novo a cultivo buscando autonomía alimentaria; de freo a expansión do eucalipto; de captación e participación en proxectos empresariais e industriais; de esixir beneficios derivados da enerxía eólica e as liñas eléctricas; de garantir telefonía e internet de calidade no rural ; de servizos de atención personaliza a poboación maior, de economía circular... Como poderán facelo, si os servizos básicos obrigatorios dos concellos nin se cumpren “nin se lles espera“ e nin tan sequera poden reter as oficinas bancarias.
Na actualidade só podemos certificar que os concellos non cumpren obrigas elementais, e despréndense rápido e “legalmente” de servizos básicos obrigatorios como abastecemento, alcantarillado, residuos... buscando unha inxección económica co canon concesional que aportan as empresas por 25 ou 30 anos de concesión, concesións que nos prexudican a todos. Os alcaldes no século XXI necesitan ter unha formación adecuada ao seu cargo – hoxe moitos carecen dela– para garantir unha boa xestión municipal e terían que tratar de compartir servizos básicos obrigatorios. @mundiario