Cómpre un plan global para rescatarmos a hostalería galega

Uno de los comedores-terraza de El Madrileño.
Un comedor-terraza. / Mundiario

Estas medidas non haberían de se cinguir aos negocios pechados por se situar nos 60 concellos confinados, senón a todos os de Galicia que puidesen xustificar unha redución substancial de marxes do negocio vencellados á crise pandémica.

Cómpre un plan global para rescatarmos a hostalería galega

O impacto da crise na hostalería galega agrávase polo peche dos seus establecementos en 60 concellos que amorean máis do 60% da poboación galega. A hostalería galega require dun Plan integral de rescate liderado pola Xunta de Galicia. Alberto Núñez Feijóo, coas súas insuficientes esmolas, tenta curar un perigoso cancro con paracetamol.

Dende o sábado 7-N a Xunta pechou a hostalería toda por un mínimo dun mes en 60 concellos, que acadan por xunto máis do 60% da poboación  deste País. Esta restrición  xúntase coa sofrida na primavera, coas grandes restricións de aforo do verán e outono e cos investimentos en protección e seguranza ao que foron obrigadas as empresas hostaleiras.

O Goberno Feijóo enfronta esta realidade con esmolas, pondo só  riba da mesa entre 14 e 17 M€ para fornecer de axudas entre 2.000 € e 7.000 €. Para que se fagan unha idea, a Deputación da Coruña pon riba da mesa 3 M€ e a Rexión de Murcia, con pouco máis da metade da poboación galega, 38 M€. Francia e Alemaña achegan como axuda entre o 70-75% da diferenza entre a marxe de explotación  no 2019 e neste 2020. Outravolta Feijóo (tamén Sánchez e Iglesias, que veñen de rescatar Air Europa sen se preocupar das pemes hostaleiras ) evade a súa responsabilidade política de líder deste País e amosa respostas propias dun presidente de deputación, que non chegan a nada.

 A hostalería galega precisa dun Plan global de rescate potente, liderado pola Xunta de Galicia coa participación das organizacións representativas do sector e as Deputacións e concellos, esixindo simultáneamente do Goberno do Estado as medidas fiscais e financeiras que cumpran para acadar un todo coordinado.

Velaí as medidas fulcrais que habería ter este Plan:

a.Prórroga por un mínimo de 16-24 meses o prazo de carencia para a amortización dos préstamos ICO e IGAPE. Programa de reestruturación do pagamento de xuros en función da perda do negocio.

b. Normativa temporal que estableza reducións substanciais do prezo dos arrendamentos dos locais pechados ou atinxidos por redución de aforos, segundo o ronsel do Decreto-Lei 34/2020 da Generalitat catalá, que rebaixou o 50% éstes. Esta normativa completaríase cun grande pacto cos concellos e Deputacións (FEGAMP) para aquelar conxuntamente todos os recursos de fomento e para reducir temproal e substancialmente os  pagamentos por IBI aos propietarios.

c. Destino conxunto dos recursos aquelados pola Xunta, concellos e Deputacións para axudas directas vencelladas proporcionalmente ás perdas do periodo 15 marzo-7 novembro 2020 (ou devengadas até a fin do actual peche parcial da Galicia urbana).

d.  Programa de xubilacións anticipadas das persoas autónomas da hostalería que cumpran determinada idade e periodo e cotización, como vector dunha reestruturación do sector aos níveis e requisitos da demanda posteriores á crise pandémica.

e. Acadar do Goberno do Estado moratoria xeral do pagamento de tributos estatais sen xuros nin recargas e máis o alongamento temporal dos ERTES até a fin do periodo de prohibición ou restricións de apertura.

Estas medidas non haberían de se cinguir aos negocios pechados por se situar nos 60 concellos confinados, senón a todos os de Galicia que puidesen xustificar unha redución substancial de marxes do negocio vencellados á crise pandémica. E, dende logo, non excusan unha intervención do Goberno do Estado no eido fiscal e financiero que, polo de agora, está moi lonxe de se albiscar no horizonte. @mundiario

Comentarios