Comisión de Expertos avala que o Pazo de Meirás ten que ser considerado ben público

Xosé Manuel Núñez Seixas, o presidente da Comisión de Expertos sobre o Pazo de Meirás. / CRTVG
Xosé Manuel Núñez Seixas, o presidente da Comisión de Expertos sobre o Pazo de Meirás. / CRTVG

Os expertos avogaron pola demanialización, concepto xurídico que fai referencia a que un ben privado pase a titularidade pública polo seu uso de facto.

Comisión de Expertos avala que o Pazo de Meirás ten que ser considerado ben público

Xosé Manuel Núñez Seixas, o presidente da Comisión de Expertos sobre o Pazo de Meirás, estivo esta mañá no Bos Días da TVG. Na súa entrevista con Marcos Sueiro destacou os resultados do informe redactado arredor da situación xurídica do Pazo, que segundo a Comisión de Expertos ten que ser considerado ben público polo uso oficial dado ao mesmo.

Núñez Seixas tivo unhas palabras de recoñecemento para José Luis Meilán Gil, falecido no día de hoxe, e destacou o seu labor a prol do Estatuto de Autonomía de Galicia e do recoñecemento da nosa comunidade como nacionalidade histórica.

Sobre o informe recentemente concluído, Núñez Seixas salientou que “defende que existe unha vía xurídica para reclamar a posesión do Pazo de Meirás polo Estado”. O tamén catedrático de Historia Contemporánea na USC explicou que “quedou demostrado que o Pazo non era só lugar de vacacións, senón que foi utilizado como residencia oficial e nel se levaron a cabo consellos de ministros ou recibimentos de embaixadores”. Así mesmo, incidiu en que “a todos os efectos foi mantido con fondos públicos e todos os gastos correron a cargo do erario público”.

Debido a isto, os expertos avogaron pola demanialización, concepto xurídico que fai referencia a que un ben privado pase a titularidade pública polo seu uso de facto. Tamén falou do informe realizado pola Deputación da Coruña que avoga pola nulidade da compra por unha compravenda simulada, e considerouno “compatible, xa que chegan ás mesmas conclusións pero de xeito diferente”. Segundo o presidente da comisión, “o proceso pode prolongarse no tempo, o seguinte e que no Parlamento se cree unha acción reivindicativa”.

Para rematar, Núñez Seixas referiuse á polémica sobre o futuro do Val dos Caídos, sinalando que “non é un monumento á reconciliación nin pode selo, foi construído con man de obra escrava”. Así mesmo, considerou “correcta” a decisión de retirar os restos de Francisco Franco e José Antonio Primo de Rivera e afirmou que o Val dos Caídos debe “transformarse nun centro de memoria, pero non será sinxelo polas súas connotacións”. @galiciamundiari

Comentarios