Buscar

O Colexio de Xornalistas propón ao presidente da Xunta tres medidas básicas para o xornalismo

Trátase da elaboración dunha Lei de Publicidade Institucional, a creación do Consello da Comunicación de Galicia e o desenvolvemento das disposicións pendentes da Lei 9/2011.
O Colexio de Xornalistas propón ao presidente da Xunta tres medidas básicas para o xornalismo
Paco Sarria. / Onda Cero
Paco Sarria. / Onda Cero

Redacción

Análisis de @mundiario

Paco Sarria, o decano do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, en representación da xunta de goberno, trasladoulle ao líder da forza política máis votada nas pasadas eleccións autonómicas a necesidade de afrontar tres retos para o xornalismo galego nesta lexislatura: a elaboración dunha Lei de Publicidade Institucional, a creación do Consello da Comunicación de Galicia e o desenvolvemento das disposicións pendentes da Lei 9/2011. Francisco X. González Sarria remitiu esta semana unha carta a Alberto Núñez Feijóo, quen será presumíbelmente o futuro presidente de Galicia tras a vitoria do Partido Popular nas pasadas eleccións autonómicas do 12-X.

Na misiva, logo de parabenizalo por lograr de novo a confianza da maioría da sociedade galega, o decano do CPXG trasládalle ao presidente en funcións que "entre os grandes retos desta nova lexislatura deberían estar os que atinxen ao xornalismo". Para "afianzar e garantir os estándares democráticos que deben rexer a comunicación nunha sociedade moderna e europea", o Colexio de Xornalistas propón tres medidas esencias, algunhas das cales,  recorda Sarria, xa foran sinaladas por Feijóo "como necesarias ao comezo ou no decurso dos seus mandatos".

A primeira das accións propostas é a elaboración dunha Lei de Publicidade Institucional que fortaleza o sistema de comunicación coa calidade e o pluralismo como obxectivos, dado que "o sistema vixente, aínda mellorando métodos precedentes, segue a ser claramente deficiente e non ten a transparencia que debería".  A carta lémbralle ao presidente en funcións que o CPXG xa elaborara no 2006 unha proposta para as axudas aos medios, que debería ser agora actualizada e revisada co consenso imprescindíbel.

O Colexio de Xornalistas insiste tamén na creación do Consello da Comunicación de Galicia como organismo arbitral, representativo, plural e independente dos poderes públicos que defenda a sociedade galega dos intentos de limitar as liberdades de expresión e de información. O decano lembra que o propio Grupo de Alto Nivel sobre Pluralismo e Liberdade de Medios de Comunicación da Comisión Europea ten destacado o papel básico deste tipo de órganos para garantir os dereitos da cidadanía.

No que fai á situación dos medios públicos galegos, a misiva lembra que esta comunidade foi pioneira na aprobación dun modelo novo de medios públicos de comunicación audiovisual coa Lei 9/2011 dos medios públicos de comunicación audiovisual de Galicia. Porén, case unha década despois da súa aprobación, aínda non se desenvolveron algunhas das súas disposicións máis importantes, polo que o Colexio de Xornalistas solicita o estabelecemento do estatuto profesional e do consello de informativos, a elección do/a director/a xeral da CRTVG por maioría parlamentaria reforzada ou a posta en marcha dunha autoridade audiovisual independente.

Como parte das funcións que lle outorga a lei, o Colexio de Xornalistas remata póndose a disposición do executivo galego para achegar toda a experiencia e o coñecemento acumulado nas súas dúas décadas de existencia en calquera asunto relativo a estes ou outros aspectos nos que se considere pertinente a súa colaboración. @mundiario