O colapso da atención primaria na área de Vigo, vencellado a unha xestión liberticida da pandemia

Centro de saúde de Beiramar, en Vigo. / paxinasgalegas.es
Centro de saúde de Beiramar, en Vigo. / paxinasgalegas.es

A decisión de pechar catorce centros de saúde para o seu funcionamento habitual é o recoñecemento de que a xestión da pandemia está a ter consecuencias graves sobre a capacidade do sistema sanitario.

O colapso da atención primaria na área de Vigo, vencellado a unha xestión liberticida da pandemia

Remataba eu unha recente crónica anual neste xornal, sobre a evolución económica e social de Galicia nestes anos de pandemia, sinalando que “os servizos públicos seguen a deteriorarse para quen non os pode pagar pola privada”, por caso os sanitarios. Pois as listas de espera, colas, atención telefónica, etc. nos centros públicos están desviando moitas morbilidades habituais cara centros privados.

Nesta sexta onda da pandemia a situación está chegando a límites descoñecidos. Estes días foi noticia a “decisión de la Xunta de cerrar a la actividad normal 14 centros de salud de Vigo” suspendendo a actividade asistencial para o que non sexan coroavirus e urxencias. Trátase das  unidades de Primaria do Rosal, A Guarda, Oia, Cangas (na quenda de tarde), Moaña (na quenda de tarde), Ponteareas, O Porriño, Tomiño, e os centros de Vigo de Navia, Nicolás Pena, Beiramar, Casco Vello, Matamá e Teis (na quenda de tarde) (ver aquí).

Co que se xunta a fame coas ganas de xantar. Pois a aquela corrosión de fondo dos últimos meses súmase un shock absoluto.

Deixando aquí a un lado as carencias de vello en dotación de persoal e de contratacións dignas, non hai que ser un xenio para decatarse de que o colapso da atención primaria na área de Vigo está directamente vencellado a unha xestión liberticida da pandemia. De deixar que os cidadáns nos movamos sen restricións apenas, e que as actividades lucrativas non esenciais podan abrir todo o día e parte da noite. O virus aproveita, e máis esta variante, todas as oportunidades.

No caso de Vigo a incidencia a día de hoxe é máis que preocupante tal como recolle a web do SERGAS (e non digamos se houbese datos máis precisos) consultada o día 7 de xaneiro.

Fonte: Sergas. Datos da pandemia en Galicia, xaneiro de 2022. / Mundiario

Fonte: Sergas. Datos da pandemia en Galicia, xaneiro de 2022. / Mundiario

Máis de seis mil casos nos derradeiros catorce días en Vigo. O que supón unha incidencia acumulada de máis de dous mil casos por cen mil habitantes. Pero as restricións específicas seguen a brillar pola súa ausencia tal como recolle esa mesma web (consultada o 7/1/22 as 9horas). Algo así como estar á espera de que a pandemia se auto regule.

Fonte: Sergas. Datos da pandemia en Galicia, xaneiro de 2022. / Mundiario

Fonte: Sergas. Datos da pandemia en Galicia, xaneiro de 2022. / Mundiario

Supoño eu que a   idea era que como ao estar moitos vacinados o contaxio non leva xa a tantos cidadáns as UCIs e aos hospitais, pois que apanden na casa (e xa alguén se encarga de que non poidan estar de baixa – confinados máis de sete días). É un dicir o de confinados porque os rastreadores con este nivel de contaxios xa pouco poden pintar. E segue a roda do lío. Mesmo con baixas do persoal sanitario. Máis lío.

E un pensa, ¿ninguén se decatou do que isto ía provocar nos centros de saúde ou de atención primaria? ... pois semella que si o fixo pouco lle importou. Moi mal. E si non o fixo igual de mal. E non lle importou porque na súa lóxica calquera que poda pagalo vai ter un centro médico privado que o reciba ao momento. ¡É a economía de mercado, estúpidos!.

¿E os que non? Pois paciencia ou a colapsar as urxencias. Primeiro as dos centros de saúde e logo as hospitalarias. E que deus reparta sorte. Xa temos en marcha o colapso clásico dunha vaga de gripe (lembro varias no Meixoeiro) pero agora levada a terreos descoñecidos. Por iso falo de estratexia de colapsadores.

A decisión de pechar eses catorce centros de saúde para o seu funcionamento habitual (que é a atención persoal das enfermidades habituais da poboación) é o recoñecemento de que a xestión liberticida da pandemia está a ter consecuencias moi graves sobre a capacidade do sistema sanitario.

Outra xestión tería evitado esas consecuencias. Pero para iso habería que atar cortas alegrías e codicias de uns e doutros. Que non son a maioría da sociedade, pero conseguen facer pasar os seus intereses como si o fosen. Para axudar un chisco moitos medios de desinformación empurran o que poden para que así sexa, e dáselles premio.

Supoño que o equipo tecnocrático que asesora ao presidente mira as cousas de xeito ben distinto: non hai colapso, trátase de optimización. Optimizamos primeiro os recursos humanos que temos no sistema público (traducido: aforramos contratos e precarizamos contratos) e así prometemos baixar impostos, logo optimizamos as (non) medidas para conter a pandemia e así medra o PIB. En suma, que todo o que a este analista lle preocupa, para eles son danos colaterais da optimización.

Non me consola saber que por España adiante hai moitos, e aínda máis castizos, optimizadores sanitarios. Sorte neste ano 2022, vai facernos falla. @mundiario

 

Comentarios