Coidemos Galicia, como lugar de parada para as aves migratorias

Laguna de Valdoviño, en Ferrol (A Coruña).
Lagoa de Valdoviño, en Ferrol (A Coruña).
O 8 de outubro foi o Día Internacional das Aves Migratorias que este ano levou o lema de Noites escuras, migracións seguras.
Coidemos Galicia, como lugar de parada para as aves migratorias

O día 8 foi o Día Internacional das Aves Migratorias, que ten dúas datas de celebración -maio e outubro-, pola importancia que representa para os dous hemisferios terrestres. Pasou desapercibido. A verdade é que a importancia de Galicia como lugar de paso é destacable e as diversas zonas deberían establecer esta data como unha especie de conmemoración comarcal. porque os espazos naturais  pertencen sempre a máis dun Concello. Teño que deixar para outro día o tema da división territorial en municipios sen moito sentido actualmente e, tamén, a ausencia de afán de establecer as comarcas en substitución dos  concellos, cando a interrelación, a mestura, a identidade de intereses entre os municipios rurais actuais é tan real e obvia que a carencia de facultades administrativas das comarcas é realmente rechamante e debería empezar a articularse. A ver se se promulga unha nova Lei de Administración Local que dote de persoalidade e competencias reais -aínda que sexa só por razóns económicas- ás comarcas. Pero ese é un tema para outra volta.

Dicía que o pasado día 8 a ONU quixo chamar a atención a nivel mundial sobre as aves migratorias. Na miña comarca, O Salnés, está un dos principais asentadoiros delas en Galicia, parada nos seus vos de ida e volta e lugar de aniñada. Como é de sobra sabido, entre outros espazos, o Complexo Intermareal Umia-O Grove, A Lanzada, punta Carreirón e lagoa Bodeira, con dúas mil cincocentas hectáreas repartidas entre diversos municipios, é unha riqueza extraordinaria e debería provocar unha das inmediatas delegacións de competencias a favor da Mancomunidade, porque se trata de algo común a diversos Concellos, para acadar unha protección uniforme e a súa articulación pero, tamén, unha promoción centrada no interese conxunto dese espazo. Non vale que por separado cada Concello adopte, os que as adoptan, medidas illadas: fai falta unha visión común para cada espazo natural e, antes que a Xunta, a Administración máis achegada son os órganos comarcais.

Nestes temas convén dicir cousas sabidas, tantas veces obvias. Un exemplo: os vertidos dos diversos saneamentos municipais non distinguen estremas entre Concellos. Cando se produce unha fuga de augas residuais en Sanxenxo – hai unha no lugar da Revolta que verte na citada Enseada-, a contaminación non a absorbe ese territorio municipal porque se estende en función das forzas naturais -correntes, vento, mareas- que non teñen nin remotamente en conta onde remata un municipio e empeza o veciño.

Intentar eliminar a luz artificial nocturna nos pousadoiros das aves migrantes aparece como unha necesidade e, para levala a cabo, como noutras facetas, é necesaria a actuación conxunta dos concellos

Outro dos exemplos nos que resulta precisa unha visión de conxunto reflíctese no lema da campaña do Día das Aves Migratorias deste 2022, “Noites escuras, migracións seguras”: a contaminación luminosa, unha ameaza para todas as especies de aves e a fauna en xeral. A luz artificial crece dun xeito alarmante cun incremento dun 2% anual e, nestas zonas naturais, pousadoiros durante as migracións, é indubidable que resulta imprescindible establecer normas comúns para respectar o ciclo natural da luz -en Galicia ata se iluminou a fervenza do Ézaro-. De nada serviría que un Concello tomase medidas para eliminar a contaminación lumínica durante as épocas de migración e o do lado non o fixese.

Agora mesmo en moitas cidades do mundo polas que transcorren estas migracións xa se busca atenuar as luces de edificios, estradas ou paseos, que xeralmente humanizan zonas onde paran as aves. É preciso, pois, un enfoque conxunto e buscar non seguirmos a ser danosos para as demais especies que comparten connosco un espazo e un recorrido vital. A Terra non é nosa e non estaría de máis facilitarlle a vida aos compañeiros de viaxe que non se organizan constrinxidos por estremas como o facemos os humanos trazando por onde nos peta fronteiras entre municipios, provincias, países, Estados. E, no concreto, tampouco parece tan complexo apagarmos todos as luces neses espazos protexidos; resulta sinxelo: probemos a instalar un, digámolo dalgún xeito, interruptor común. @mundiario

Comentarios