Co Acordo de Pensións garántese o sistema público sen recortes

Dos jubilados. / huffingtonpost.es
Dos ancianos jubilados. / huffingtonpost.es
Este acordo, que supón a derrogación de facto da reforma de pensións imposta polo PP en 2013, asegura o poder adquisitivo dos xubilados e xubiladas ao vincular de novo a suba das pensións ó IPC.
Co Acordo de Pensións garántese o sistema público sen recortes

O Acordo de Pensións, asinado por UGT, CC OO e o Goberno, convértese nun instrumento que vai contribuír a que gañen tanto os pensionistas como o propio sistema público, e conseguirá coa súa implantación camiñar cara unha maior solidez e viabilidade.

Conseguiuse darlle un impulso a un sistema asegurando a súa reactivación e darlle garantías ás pensións presentes e futuras.

Este acordo, que supón a derrogación de facto da reforma de pensións imposta polo PP en 2013, asegura o poder adquisitivo dos xubilados e xubiladas ao vincular de novo a suba das pensións ó IPC. Pero, ademais, introdúcense medidas para mellorar a sostibilidade do sistema e clarifícase o modelo de financiamento da Seguridade Social culminando o principio de separación de fontes de financiamento, tal e como viña reivindicando UGT dende hai moito tempo.

Co acordo trátase de aproximar a idade de xubilación real á idade legal establecida, respectando os casos de xubilacións anticipadas por actividade penosa e de persoas con carreiras de cotización precarias. Ademais, non se toca a xubilación anticipada voluntaria e amplíanse os dereitos á involuntaria. Neste senso, amplíanse as causas de extinción contractual que dan dereito ó acceso a esta modalidade e engádense supostos eliminados pola reforma do PP. Tamén se reducen as penalizacións cando ás persoas traballadoras que foron expulsadas do mercado de traballo, non lles queda outra opción máis que a xubilación anticipada.

O sistema de pensións é de todos e hai que mantelo entre todos

Co acordo chégase a un mecanismo de equidade que dende UGT defendemos porque garante o futuro do sistema público de pensións e a equidade interxeneracional, sen ningún recorte. Así, a partir de 2023 e ó longo dun período de dez anos fíxase unha cotización adicional finalista de 0,6 puntos porcentuais (0,5 correspondentes á empresa e un 0,1% ó traballador, aínda que hai que recordar que ambas forman parte do salario diferido da persoa traballadora) para nutrir o Fondo de Reserva da Seguridade Social.

Para nós, a pesar da negativa da patronal e das súas declaracións altisonantes, a medida é tremendamente axustada e racional no contexto da UE. O custe laboral anual en España, incluídas as cotizacións sociais, é menor en 4.800 euros ó de Italia; en 17.000 ó de Francia e en 27.500 ó de Alemaña. A patronal tamén esquece interesadamente que anteriormente xa se procedeu a diversas baixadas na cotización por continxencias comúns. Dende o ano 1982 reducíronse en catro puntos. Os argumentos da patronal caen por si sós, ademais disto, hai que precisar que en España adícase a estas cotizacións o 13,7% do PIB, mentres que a media da zona euro é do 16%. A marxe de suba é evidente.

Ademais, adaptarase a normativa sobre o Fondo de Reserva para garantir que a utilización desta cota finalista e dos rendementos que xera se destinen, exclusivamente, a atender as desviacións no nivel de gasto.

A partir de 2033, e cunha periodicidade trienal, verificarase (de acordo coas últimas previsións do Ageing Report da Comisión Europea ou documento análogo)  se o nivel de gasto en 2050 supera ou non a previsión feitas.

Este acordo dános a razón e sustentándose no que viñamos reiterando, e pondo o  foco en que o problema do noso sistema non era de gastos, senón de ingresos. Por iso, auméntanse as cotizacións sociais, os recursos do Estado vía impostos e elimínanse os gastos que non corresponden á Seguridade Social.

Como afirmabamos continuamente dende UGT, podíase e púidose. Cun pequeno esforzo para as empresas e as persoas traballadoras. Alcanzamos un acordo que permite un peche satisfactorio. Demostramos  que se poden garantir as pensións dos máis mozos sen recortar as pensións nin aumentar o período de cotización necesario para acceder a elas.

En suma, mesura e racionalidade, medidas correctas que xeran confianza, sen extravíos nin sesgos alarmistas e que dan seguridade para o futuro. A patronal apartouse deste camiño por razóns que ignoro, non coñecemos as súas alternativas. O certo e que se mellora o poder adquisitivo de millóns de pensionistas, e garántese o futuro do sistema sen recortes. @mundiario

Comentarios