O Clúster de Turismo de Galicia ten boas perspectivas para este verán

Cesáreo Pardal, secretario do Clúster de Turismo. / CRTVG
Cesáreo Pardal, secretario do Clúster de Turismo. / CRTVG

Sobre os destinos favoritos dos turistas, o secretario do Clúster mencionou as Rías Baixas, a Costa da Morte e a Mariña lucense

O Clúster de Turismo de Galicia ten boas perspectivas para este verán

Esta mañá, no Bos Días da Televisión de Galicia, Marcos Sueiro entrevistou a Cesáreo Pardal, secretario do Clúster de Turismo, que fixo unha análise das perspectivas do turismo para esta temporada de verán, que cualificou de “moi positivas” e os retos para o futuro.

Afirmou que pese a unha primavera con moi mal tempo, “no primeiro trimestre do ano incrementáronse as visitas con respecto do ano pasado” e que a maior ocupación se agarda entre o 15 de xullo e o 15 de agosto, mentres que “o turismo internacional chegará a partir de setembro”. Ao preguntarlle polo gasto medio explicou que os turistas deixan en Galicia 70 euros por día, lonxe dos 110 de media en España e que “cómpre incrementar” este dato.

Pardal explicou que a maioría de visitantes optan por hoteis e casas de turismo rural como aloxamento, pero que cada vez cobran máis forza as vivendas de uso turístico a través de portais dixitais de reservas, “que acaban de ser reguladas por un decreto hai 8 meses”. Ademais, salientou que “o ano pasado se produciron 70.000 novos contratos no sector”.

Sobre os destinos favoritos dos turistas, o secretario do Clúster mencionou as Rías Baixas, a Costa da Morte e a Mariña lucense, e incidiu na necesidade de impulsar o turismo de interior, por exemplo na Ribeira Sacra. Tamén salientou o peso do Camiño de Santiago e marcou como reto para o Xacobeo 2021 “chegar aos 6 millóns de turistas e modernizarnos para competir con mais destinos a nivel nacional e internacional”. @galiciamundiari

Comentarios