O CiTIUS celebra unha xornada sobre o futuro da Intelixencia Artificial

Xornada de divulgación aberta ao público sobre o futuro da Intelixencia Artificial. / CiTIUS
Xornada de divulgación aberta ao público sobre o futuro da Intelixencia Artificial. / CiTIUS

Un grupo de expertos dos sectores público e privado abordarán os límites, desafíos e complexidades que expón o crecente protagonismo da IA no tecido socioeconómico.

O CiTIUS celebra unha xornada sobre o futuro da Intelixencia Artificial

O CiTIUS promoverá o próximo 10 de xullo en Santiago de Compostela a xornada O futuro da Intelixencia Artificial, a debate, na que especialistas de universidades, empresas e outras institucións discutirán sobre o impacto e os límites da IA no marco dun encontro monográfico e divulgativo que durará todo o día.

Os debates terán lugar no salón de actos do CiTIUS ao redor de dúas mesas redondas: tras unha sesión de mañá con representantes do sector empresarial, que porán o foco nas aplicacións industriais, a quenda de tarde reunirá a científicos expertos na materia. A entrada será gratuíta, con capacidade limitada.

Saúde, automoción, finanzas, emprego, publicidade, industria, Internet, son só algúns dos eidos onde a Intelixencia Artificial (IA) presenta xa numerosas aplicacións na nosa vida diaria, aínda que co rápido desenvolvemento da ciencia e a tecnoloxía a súa implantación será moito maior nos vindeiros anos. A capacidade das máquinas para resolver problemas da súa contorna de forma razoada e autónoma, imitando o comportamento dos seres humanos, abre un interesante e necesario debate sobre o marco legal apropiado para o seu desenvolvemento e funcionamento, así como os seus límites tecnolóxicos e éticos.

A proliferación das técnicas de IA é tal que o desenvolvemento desta área xa entrou na axenda política das altas institucións comunitarias. Recentemente, a Unión Europea incluía no seu novo Programa Marco de investigación e Innovación para o período 2021-2027, Horizon Europe, un programa complementario centrado nas TIC, o Dixital Europe Programme, onde a Intelixencia Artificial ocupará unha das cinco áreas destacadas ao ser considerada como unha das tecnoloxías máis prometedoras para facer fronte aos desafíos sociais e contribuír ao crecemento económico nos próximos anos. @galiciamundiari

Comentarios