Buscar
loading...

O CiTIUS acolle unha nova xornada sobre Intelixencia artificial

A xornada despregou unha serie de contidos de vocación aplicada, poñendo especial énfase naquelas tecnoloxías con meirande impacto potencial, non só no referente ao tecido produtivo, senón tamén en aspectos transversais que afectan á sociedade no seu conxunto.

O CiTIUS acolle unha nova xornada sobre Intelixencia artificial
Distintos actores do tecido socioeconómico discutiron hoxe no CiTIUS sobre Intelixencia artificial. / Elena Mora
Distintos actores do tecido socioeconómico discutiron hoxe no CiTIUS sobre Intelixencia artificial. / Elena Mora

Firma

Tatiana Ferrín

Tatiana Ferrín

La autora, TATIANA FERRÍN, es hispano-venezolana y tiene más de 10 años de experiencia en medios digitales. Trabajó en diarios de Caracas (Venezuela) y Miami (Florida, EE UU) y ahora escribe en MUNDIARIO, donde también coordina la edición GALICIA y el área de Política. @mundiario

"Ante a súa máis que previsible omnipresencia na totalidade dos eidos do saber e os sectores produtivos, a Intelixencia artificial (IA) xa foi descrita por algúns teóricos como ‘a electricidade do século XXI’". Así se expresaba o profesor Senén Barro, investigador do CiTIUS e ex reitor da Universidade de Santiago (USC), ao termo da súa intervención no encontro promovido polo colectivo responsable do ciclo Encontros na eira, que reuniu a numerosos expertos da área no centro de investigación compostelán.

Tras unha benvida do seu director, Paulo Félix, a alocución de Barro inaugurou a xornada poñendo en contexto a situación actual da IA, para amosar a continuación ante directivos TIC de empresas e Administracións Públicas de Galicia as principais liñas de traballo do grupo de investigación que lidera no CiTIUS, un dos referentes na materia a nivel nacional: o Grupo de Sistemas Intelixentes (GSI).

A xornada despregou unha serie de contidos de vocación aplicada, poñendo especial énfase naquelas tecnoloxías con meirande impacto potencial, non só no referente ao tecido produtivo, senón tamén en aspectos transversais que afectan á sociedade no seu conxunto.

Se hai un exemplo especialmente paradigmático de IA aplicado á realidade empresarial e institucional, é a creación de empresas tecnolóxicas ou startups. Os promotores do evento quixeron reunir ás spin-off que xurdiron do CiTIUS e na actualidade desenvolven xa un labor comercial consolidado, froito da investigación desenvolvida nalgunhas das distintas liñas de investigación de GSI.

É o caso de Imagames, cuxo director de enxeñería, Javier López Morado, tivo ocasión de presentar os servizos baseados en gamificación  (técnicas de xogo aplicadas a ámbitos non lúdicos) cos que esta compañía compite xa no mercado. Tras el, o cofundador e director de tecnoloxía de Situm Technologies, Adrián Canedo Rodríguez, mostrou como este modelo de éxito xurdido da investigación ten conseguido abrirse paso no mercado internacional, grazas ás tecnoloxías de alta precisión para o posicionamento e guiado en interiores vía teléfono móbil.

A xornada dispuxo asemade unha mesa de debate sobre a conveniencia de promover medidas, freos e estratexias de impulso para a adopción progresiva das técnicas de Intelixencia artificial en empresas e institucións.

Amais do propio Senén Barro Ameneiro, Director de GSI, na mesa moderada polo escritor e divulgador Marcelo Castelo participaron Alfonso Vallés Salgues (Comandante-Director da Escola de Especialidades  da Armada Antonio Escano), Benigno Rosón Calvo (Subdirector Xeral de Sistemas e Tecnoloxías da Información da Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia) e César Alberto Pérez Igrexas (Xefe de Proxecto en dominios de Servizos e Conectividade de Vehículo  no Grupo PSA-Citroen).

O encontro concluíu cunha charla titulada Made in Galicia, a cargo da Director da área de Innovación e Negocio da TVG José Pereira Fariña, Profesor e ex Vicerreitor de Comunicación da USC.

Encontros na eira é un foro que pretende abrir unha canle para o debate plural na contorna dos profesionais do sector TIC e, en ocasións, da propia cidadanía; coa participación dos actores de tódolos sectores galegos, pretende humanizar e fortalecer as relacións dos profesionais da área. Na actualidade, o colectivo está xa a traballar na organización do vindeiro evento, previsto para principios de 2019. @GaliciaMundiari