O Círculo de Empresarios de Galicia: É necesaria a diversificación empresarial

Presidenta do Círculo de Empresarios de Galicia, Patricia García. / CRTVG
Presidenta do Círculo de Empresarios de Galicia, Patricia García. / CRTVG

García explicou que Galicia  ten unha dependencia  excesivamente elevada de dous polos “o sector téxtil na Coruña e o da automoción en Vigo” polo que “a diversificación é necesaria”.

O Círculo de Empresarios de Galicia: É necesaria a diversificación empresarial

A presidenta do Círculo de Empresarios de Galicia, Patricia García, foi entrevistada esta mañá no Bos Días da Televisión de Galicia. Durante a súa conversa con Marcos Sueiro, redactor xefe da TVG, fixo fincapé na presenza cada vez maior de mulleres en postos de responsabilidade e sinalou e abordou a situación empresarial da nosa comunidade.

A recentemente elixida presidenta do Círculo de Empresarios de Galicia comentou, en primeiro lugar, que as mulleres estaban crecendo de maneira natural nos postos de dirección e responsabilidade, e salientou a nova executiva de Pedro Sánchez “ata o de agora con 6 mulleres en 8 ministerios”.

Con respecto da situación empresarial en Galicia, García asegurou que existía “un crecemento sostible, pero non se pode baixar a garda”. Arredor disto, afirmou que se tiña que acompañar as pemes no seu crecemento para que poidan acadar a internacionalización e mellorar o emprendemento. García explicou que Galicia ten unha dependencia excesivamente elevada de dous polos “o sector téxtil na Coruña e o da automoción en Vigo” polo que “a diversificación é necesaria”.

A presidenta do Círculo sinalou que existían outros sectores que cómpre valorar, como a aeronáutica, o agroalimentario ou o naval. Indicou que a estratexia tiña que pasar por “poñer o foco sobre eles e facelos máis competitivos nacional e internacionalmente”.

Outro dos asuntos abordados na entrevista foi a necesidade de formación, posto que “temos unha sociedade envellecida e traballadores moi novos con baixa cualificación”. García tamén marcou como reto a mellora das exportacións e internacionalización, pero “facéndoo de xeito sostible e sendo competitivos no mercado local”. Por último, mencionou a importancia de implantar políticas de código ético e transparencia empresarial, así como plans de conciliación. @mundiario

Comentarios