Cifras de audiencia récord para TVG e G2 no mes de outubro

Alfonso Sánchez Izquierdo. / CRTVG
Alfonso Sánchez Izquierdo. / CRTVG
Alfonso Sánchez Izquierdo, director xeral da CRTVG, presentou no Parlamento o orzamento para 2023, que será de 126 millóns de euros.
Cifras de audiencia récord para TVG e G2 no mes de outubro

O director xeral da CRTVG, Alfonso Sánchez Izquierdo, compareceu no Parlamento de Galicia para presentar o orzamento da corporación correspondente a 2023, orzamento por importe de 126 millóns de euros. 

En comparanza co exercicio actual, esta previsión reflicte un incremento de 5 millóns de euros respecto do ano 2022, debido ao incremento salarial previsto, así como ao investimento en innovación en canles e contidos.

Na súa intervención, Sánchez Izquierdo sinalou que esta estimación orzamentaria xira arredor de tres liñas de actuación: a execución competitiva e de calidade do servizo audiovisual público; o investimento en innovación e no apoio ao sector audiovisual galego como provedores de contidos; e o compromiso coa estabilidade do emprego da totalidade do persoal, cun proceso de consolidación que suporá a estabilidade de 270 prazas e que se executará no 2023, co que se acadará a consolidación do 100 % do cadro de persoal.

O orzamento da CRTVG sostense principalmente coas achegas da comunidade autónoma -118,7 millóns de euros- e con ingresos publicitarios, que para o ano que vén se prevén en 6,8 millóns, incrementando os algarismos deste exercicio.

Innovación e transformación dixital

O orzamento amosa un renovado compromis coa transformación dixital e a competitividade da CRTVG. Neste eido, as dotacións máis importantes están asociadas á posta en funcionamento da plataforma OTT e á consolidación dos proxectos dixitais, “cun enfoque mixto como contedor de redefinición, reaproveitamento do arquivo e difusión de novos contidos nativos dixitais”, sinalou o director xeral. Outros proxectos previstos son a dixitalización da documentación audiovisual, a recepción de sinal das cámaras wifi, afondamento da análise de ‘big data’, o cambio e virtualización do Plató 300 de informativos ou a renovación dos contidos de meteoroloxía e a xeración de contidos educativos para colexios.

A CRTVG afronta de cara ao 2023 un proceso de consolidación de emprego que suporá a estabilización do 100 % do cadro de persoal e a execución dun novo proxecto laboral integral para os medios públicos. O seu obxectivo é mellorar en clave de gobernanza, estabilidade social e recoñecemento ao conxunto dos traballadores e mesmo na eficiencia do servizo público.

A dotación orzamentaria para 2023 no que respecta o persoal ascende a 56 millóns de euros e inclúe o incremento salarial previsto.

Tracción sobre o audiovisual galego

Estes orzamentos proxectan un servizo competitivo e de calidade, no sentido de que as cifras consignadas permiten potenciar os contidos propios e mesmo a actividade e a relación comercial coa industria audiovisual galega. Os servizos informativos e os contidos de entretemento e ficción terán a dotación orzamentaria suficiente para fornecer a posición competitiva da CRTVG.

Os orzamentos incorporan a dinamización da innovación e a tracción que proxecta a CRTVG sobre o sector audiovisual galego en liña cos 4 vectores determinados na estratexia dixital de Galicia 2030: igualdade dixital, foco nas persoas, impulso dun ecosistema dixital forte e liderado dixital.

Líderes de audiencia

A CRTVG pechou as contas dos pasados 13 exercicios en superávit, o que permitiu enxugar a débeda herdada en 2009 de 51 millóns de euros e unha temporalidade do 40 %. A día de hoxe, a CRTVG cancelou a débeda bancaria, diminuíu a débeda total preto do 80% e rematará o vixente exercicio sen temporalidade no emprego, co 100 % do cadro do persoal estabilizado.

A audiencia da TVG segue a medrar neste final de ano acadando marcas históricas. Este mes de outubro foi o mellor desde o 2013 cun 10,7 % de cota de pantalla no conxunto do día. En audiencia total, os informativos da TVG son líderes e foron seguidos por máis dun millón e medio de persoas (1.527.000), o 60 % da poboación de máis de 4 anos. Tamén creceu a audiencia dos contidos e o entretemento. No mes de outubro, cun prime time cen por cento galego, a TVG seguiu medrando ata o 11,8 % de cota.

Pola súa parte, a segunda canle, a G2, segue en cifras de récord, e cun 1,1 % rexistra o seu mellor dato tamén desde outubro de 2013. @mundiario

Comentarios