Cidades (PSOE) sen país, Galicia (PP) sen cidades?

A Coruña. / Mundiario
A Coruña. / Mundiario
Semella que os galegos viven nun país sen cidades e en cidades sen país. Iso si, con catro provincias que uns (PP para a Xunta) e outros (PSOE para as Deputacións) manexan eficazmente para ir tirando, dise nesta análise para Tempos Novos.
Cidades (PSOE) sen país, Galicia (PP) sen cidades?

Antes das eleccións do domingo 12 xullo sostiña, na revista Tempos Novos –tamén en MUNDIARIO–, que o PP de Feijóo podería volver a conseguir a maioría absoluta mesmo con menos votos grazas a un sistema electoral que sobrerrepresenta, en relación ao número de votantes, as provincias de Lugo e Ourense fronte as de A Coruña e Pontevedra en case dez deputados. Pois co 25% dos votos elixen o 38% dos escanos. Xusto onde o PP segue a ter unha fidelidade excepcional como recollemos nesta figura.

Fonte: elaboración propia con datos de https://resultados2020.xunta.gal/resultados/0/galicia

E así foi: volveron conseguir tres deputados máis dos que precisaban (41 sobre 38), … milagre!: con cincuenta e sete mil votos menos que en 2016. Por se fose xa pouco, este truco viuse oportunamente reforzado por ter capturado  nas cinco cidades galegas gobernadas polo PSOE cincuenta mil votos que non recibiran nas últimas municipais do ano pasado.

Tal éxito de votantes urbanos debera explicarse. Sen dúbida a dopaxe mediática da TVG e dos medios privados concertados (que analizou Luis Álvarez Pousa na mesma revista) ten moito que ver para evitar que unha xestión de medio pelo no económico e social (como analicei no mes de xuño) apenas os fixera perder sesenta mil votos no conxunto do país.

Pero outra parte do milagre da nova maioría absoluta ten que estar noutro lugar. Por fixármonos en dous asuntos cruciais nestes últimos meses: xestionou o PP de Feijóo ben o Sergas e o sistema de residencias de maiores? Porque se a percepción fose a real, que o Sergas está moi preto do colapso total e o sistema de atención ós maiores en mans duns amiguetes negociantes (e iso despois xusto dunha pandemia e con risco de rebrotes) o PP de Feijóo tería que ter deixado aboiar unha alternativa.

O determinante para que non fose así non está na radical reordenación e agrupamento de votos á esquerda do PSOE. Nese espazo social deuse por amortizado un experimento de personalismos e adanismos para deixar ao BNG como forza emerxente da oposición na Xunta. Pero dá para iso: para ser oposición a unha maioría absoluta do PP. Pois é ben certo que virán tempos nos que será moi necesario ter moita militancia, mobilización e defensa dos servizos públicos.

Sosterei aquí que a chave para entender que o PP de Feijóo conseguise revalidar o seu papel de xestores da Xunta outros catro anos ten tamén que ver coa faciana das provincias, pero por outra vía da do truco dos deputados confinados. Pois como é posible que con tres das catro deputacións en mans do PSOE –co apoio do BNG– os socialistas non restasen máis votos a Feijóo?… Non será que llos están cedendo?

Se así fose, viviríamos nun país no que nada menos que a maioría das súas cidades (A Coruña, Santiago, Lugo, Vigo, Ferrol, …) con alcaldes do PSOE non son quen de facer que todos os seus votantes recoñezan esa xestión como alternativa para gobernar a Xunta (a sanidade, as residencias, … cousas serias). Venteando esta oportunidade, o tal super Feijóo vestindo a camiseta de “Galicia” a diestro e siniestro, e agochando a do “Partido Popular”, papará o que outros non son quen de manter, nin de proxectar, para o conxunto do país.

Para comprobar tamaño desastre político, recollerei aquí nun gráfico os votos recibidos polo PSOE e polo PP tanto nas eleccións municipais de 2019 como nestas últimas eleccións, votos agregados para esas cinco cidades. Cidades que supoñen un terzo da poboación de Galicia.


Fonte: elaboración propia con datos de https://resultados2020.xunta.gal/resultados/0/galicia
https://resultados.elpais.com/elecciones/2019/municipales/

Como ben se observa, o PSOE, que goberna nesas cinco cidades e nas súas deputacións, cedeu case cen mil votos que na súa metade explican o parello crecemento en votos do PP nesas mesmas cidades.

É importante sinalar que tal desfeita non aconteceu nas eleccións xerais de 2019 (posteriores ás locais que tomamos como referencia), posto que a “cesión” de votos que fixeron daquela as alcaldías do PSOE foi apenas da terceira parte. Levar a Sánchez á Moncloa foi quen de evitar daquela o desastre que agora tivo lugar: unha caída da metade dos votos (¡ de case 180.000 a menos de 90.000 ¡). Como se nesas cidades se lle pasase factura aos socialistas pola súa xestión da pandemia, e se premiase a xestión macanuda da Xunta de Feijóo!.

O resultado final de todo isto funciona como un reloxo (desastroso). As mesmas cidades que serven para darlle ao PSOE o goberno das provincias nas súas Deputacións cédenlle parte do seu electorado ao PP, para así apañar en Coruña e Pontevedra uns deputados autonómicos a engadir a cota asimétrica de Ourense e Lugo. E temos outra volta maioría absoluta do PP na Xunta. É este un explosivo mecanismo de reloxería provincial que nin uns (PSOE) nin outros (PP) van estar dispostos a desactivar cunha circunscrición electoral única para a Xunta, e coa desaparición das provincias e Deputacións. Os dous tiran partido do mecanismo. Pero é así que perdemos todos. Porque é así que vivimos nunhas cidades que non teñen país, e nun país que non ten cidades.

Para que nada fallase neste explosivo mecanismo, seica unha avaría no avión do presidente Sánchez impediulle estar presente no peche de campaña en Galicia, e así tentar reter os máximos votos dos alcaldes do PSOE. Non fose a ser que algún votante socialista tomase o envite demasiado en serio. Poñamos que nun acto fin de campaña de Sánchez co seu candidato a presidir a Xunta e os cinco alcaldes de Vigo, A Coruña, Santiago, Ferrol e Lugo.

Reitero: semella que vivimos nun país sen cidades e en cidades sen país. Iso si, con catro provincias que uns (PP para a Xunta) e outros (PSOE para as Deputacións) manexan eficazmente para ir tirando. Sucede que non se trata de ir tirando, senón de gañar o futuro no medio dunha colosal incerteza sanitaria e social. Porque con estes éxitos van seguir na Xunta outros catro anos os mesmos que colocaron o Sergas e o sistema de atención á dependencia a punto de caramelo dos negociantes, pero non das necesidades sanitarias e sociais da poboación. Os mesmos que merecen unha avaliación económica e social dun suspenso sen paliativos. @mundiario

Comentarios