A Cidade das TIC na Coruña e o polo biotecnolóxico da Sionlla, claves para o futuro da provincia
O escenario de oportunidades que abren a Cidade das TIC na Coruña e o polo biotecnolóxico da Sionlla, en Santiago, para desenvolver dous sectores fundamentais para o futuro do país, foi destacado no Foro Económico e Social da Deputación da Coruña, que radiografía a realidade da provincia.
Valentín González Formoso presidiu este foro integrado por representantes dos sindicatos, a patronal, as universidades da Coruña e Santiago, os axentes sociais da provincia e a propia Deputación.
No encontro tratouse o nivel de execución das infraestruturas estratéxicas, os prezos no ámbito enerxético, a actividade industrial e a necesidade de "potenciar a formación para crear novas oportunidades laborais". A Deputación destinará este ano 8,3 millóns de euros ao PEL "máis social e sostible".
Ao remate da sesión, Valentín González Formoso, presidente da Deputación, sinalou a necesidade de impulsar a formación para o emprego e "explorar as potencialidades da provincia, sobre todo no ámbito enerxético e no da investigación para poder ofertar oportunidades laborais no país para a mocidade".
Segundo sinalou González Formoso, na reunión do Foro analizáronse os parámetros cos que pecha 2021 a provincia coruñesa en relación ao emprego e á recuperación da actividade industrial, así como as perspectivas que teñen o Banco de España e entidades bancarias de crecemento para este ano. "Abordamos tamén a situación de presión alcista que estamos a vivir con respecto aos prezos no ámbito enerxético e, en xeral, en todos os elementos de consumo industrial e social", manifestou Formoso.
Ao longo da sesión tamén se falou do nivel de execución das "infraestruturas estratéxicas" para o país como a chegada do AVE ou a conexión ferroviaria dos portos exteriores da Coruña e Ferrol, así como das "potencialidades que hai que explorar, sobre todo no ámbito enerxético e no da investigación para poder ofertar oportunidades laborais no país para a mocidade", argumentou o presidente provincial á saída deste foro. @mundiario