“Cidadáns xa é unha alternativa clara”, manifestou a voceira en Galicia

Olga Louzao, voceira de Cidadáns Galicia. / CRTVG
Olga Louzao, voceira de Cidadáns Galicia. / CRTVG

Afirmou que pola súa posición de centro están abertos a ceder e chegar acordos con PP e PSOE.

“Cidadáns xa é unha alternativa clara”, manifestou a voceira en Galicia

O programa Bos Días da TVG recibiu hoxe a Olga Louzao, voceira de Cidadáns Galicia e concelleira na cidade de Lugo. Na súa entrevista con Marcos Sueiro abordou as expectativas do partido en Galicia e os retos e propostas para as vindeiras eleccións.

En primeiro lugar, Louzao manifestou que o primeiro reto son as eleccións municipais, xa que “as expectativas son moi boas, polo crecemento imparable de Ciudadanos en España e en Galicia”. Como obxectivos concretos sinalou “ter representación onde non temos e onde xa temos, medrar”.

A política lucense manifestou que “Cidadáns xa é unha alternativa clara, non será minoritario, senón que obterá responsabilidade pública”. Sobre os candidatos para as listas, explicou que “se coñecerán a final deste ano, todos xuntos” e recoñeceu conversas co ex-conselleiro Javier Guerra e outras figuras recoñecidas. Con respecto do proxecto para Galicia, a voceira indicou que o obxectivo é “poñer a Galicia no mapa e reivindicar o papel da nosa comunidade”. Marcou como obxectivo a construción de liñas de ferrocarril de alta velocidade en Galicia e a posta en valor da lingua e a cultura galegas.   

En referencia a Ciudadanos a nivel estatal, afirmou que pola súa posición de centro están abertos a ceder e chegar acordos con PP e PSOE: “xa que a sociedade cambiou e xa non serve a diferenciación entre esquerda e dereita”. Porén, recoñeceu que é moi difícil un pacto con Podemos ou En Marea, porque “estamos nas antípodas ideolóxicas, por exemplo no tema catalán”. Para finalizar, Louzao foi preguntada pola situación política de Lugo, que cualificou de “cutre e ruín”, sinalando que o estado da Deputación “é un esperpento e que Lugo merece outra nova etapa política”. @galiciamundiari

Comentarios