China, EE UU, India, Rusia  e Xapón emiten máis da metade dos gases de efecto invernadoiro

Emisiones de CO2. / nationalobserver.com
Emisións de CO2. / nationalobserver.com

Un só país, China, é responsable da emisión do 25% do total. Ao mesmo tempo so dez países no planeta emiten as tres cuartas partes do total.

China, EE UU, India, Rusia  e Xapón emiten máis da metade dos gases de efecto invernadoiro

Cinco países –China, EE UU, India, Rusia  e Xapón– emiten máis da metade dos gases de efecto invernadoiro. Co obxectivo de frear o quentamento global e reducir as emisións de gases de efecto invernadoiro durante dúas semanas reúnese en Polonia, na cidade de Katowice, a Conferencia Anual das Nacións Unidas sobre Cambio Climático coñecida como COP24, reunión  que está considerada como unha das máis importantes desde o Cumio de París, no 2015. 

Non deixa de ser curioso que se fale de descarbonización, redución de emisións  e intento  de que Europa sexa a primeira economía descarbonizada do mundo, mentres  Polonia, anfitrión do Cumio,  depende hoxe  case totalmente do carbón para producir enerxía eléctrica, o carbón aporta o 80% mentres as fontes renovables so conseguen un  11% da electricidade. Polonia  para  reducir as emisións e cumprir con París pretende substituír  a enerxía do carbón e lignito por nucleares. Busca unha vía perigosa que necesitará  inversións multimillonarias e quere aplicar unha política enerxética descartada en outros países baseada na construción e posta en marcha de seis centrais nucleares que segundo algunhas fontes xa empezarán a producir electricidade no ano 2033 , política enerxética descavillada que adornan  coa posta en marcha de fontes de enerxías renovábel.

Pero volvendo ao Cumio, debemos lembrar que tan so cinco países –China, Estados Unidos, India, Rusia  e Xapón– emiten máis da metade dos gases de efecto invernadoiro no mundo e un só país, China, é responsable da emisión do 25% do total. Ao mesmo tempo so dez países no planeta emiten as tres cuartas partes do total e pola contra mais de cen países so alcanzan o  3% do total. A Unión Europea UE-28 representa menos do 10% das emisións  globais, sendo Alemaña e Inglaterra máximos responsables europeos, Alemaña con numerosas centrais térmicas de carbón emite mais do dobre de dióxido de carbono que Polonia .

A solución  para reducir emisións contaminantes parece difícil, ao existir grandes intereses económicos ligados ao petróleo e carbón. Non debemos esquecer que hoxe, igual que antes, os combustibles fósiles seguen tendo apoios e cuantiosas axudas, subvencións... tanto públicas como privadas, e o proprio Secretario Xeral da ONU na inauguración  do Cumio de Katowice, días pasados, afirmaba que “...hai que eliminar os subsidios dos combustibles fósiles que tanto dano fan ao medio ambiente” .

O Fondo Monetario Internacional, FMI,  considera que so co  fin dos subsidios aos combustibles fósiles reduciríanse por se mesmo as emisións globais de carbono nun 20% . Na actualidade 40 países segundo a Organización das Nacións Unidas, ONU, manteñen subsidios a enerxías fósiles, e entre eles están os grandes emisores de dióxido de carbono e gases de efecto invernadoiro:  China, Estados Unidos, Rusia, Alemaña... e outros como Arabia Saudí . Fronte aos máis de 500.000 millóns de dólares/ano de subvencións ao petróleo , carbón  e gas, as subvencións as enerxías renovables representan tan solo unha quinta parte desta cifra, e por suposto carecen de centos de medidas fiscais de apoio .

Por si fora pouco os Estados Unidos e Brasil  conforman un bloque negacionista de cambio climático que impide a unanimidade e actuación conxunta no camiño de reducir as emisións, mesmo non so cuestionan os  Informes sobre Cambio Climático senón que falan mesmo dunha “conspiración marxista” no tema. Pola contra en Europa respirase outro ambiente e  algúns indicios anuncian compromisos económicas serios, mesmo de Alemaña na loita contra o cambio climático e non deixa de ser importante si se cumpre o anuncio do Presidente do Goberno  Español no camiño de reducir nun 37% as emisións para o ano 2030 e chegar ao 90% no 2050.

Resulta curioso que se lancen a abandeirar a loita, gobernos que aínda teñen os deberes por facer, os galegos miramos con rícelo o anuncio do Presidente do Goberno, porque coñecemos que existe unha gran permisividade coas altas emisións. Fai tres anos cando se celebrou o Cumio de Paris, Galicia estaba emitindo case  o 9% dos gases de efecto invernadoiro do Estado, agora estamos no 11,66% grazas a dúas grandes da contaminación, as centrais térmicas de carbón de As Pontes e Meirama  responsables da emisión de mais de 10 millóns de toneladas de dióxido de carbono e responsábeis de mais da terceira parte de todos os gases de efecto invernadoiro que se emiten en Galicia. A Xunta de Galicia e o Goberno do Estado miran permanentemente para outro lao.

 O Presidente do Goberno únicamente fai unha declaración para a galería, parece unha declaración de intencións sin nada detrás, sen concretar  e sen saber como se pretende conseguir sector por sector e ano tras ano. Faise en Katowice e non no Estado Español , pero tampouco se anuncia nin aquí nen en Katowice que sectores se verán implicados e como se vai lograr. Silencian o que pasará coas grandes emisoras e en particular coas centrais térmicas de carbón , cal é a data de caducidade e peche marcando prazos. O Estado Español é xunto con Alemaña, Polonia, Inglaterra, Italia e Franza un dos maiores contaminantes da Unión Europea e ate agora os seus esforzos foron mínimos e con apenas resultados e si no ano 2030 tiña que reducir obrigatoriamente as emisións o 26%, propoñer agora o 37%  parece mera propaganda.

En fin, o obxectivo fixado no Cumio de París  de “manter o aumento da temperatura media global moi por baixo dos 2 ºC con respecto aos niveis pre-industriais e proseguir esforzos para limitar ese aumento de temperatura a 1,5 ºC “ obxectivo que parece inalcanzábel e o  mesmo Secretario Xeral das Nacións Unidas, Antonio Guterres afirmou en Katowice: “A pesar de que somos testigos de impactos climáticos devastadores que provocan o caos en todo o  mundo, seguimos sen facer o necesario, non vamos o suficientemente rápido”. @mundiario

Comentarios