Chega a Vilagarcía a mostra de homenaxe a María Araúxo, Josefa Emilia Sabor e Mariví Villaverde

María Cadaval presenta Pontevedra e América: unha mirada en femenino, en Vilagarcía. / Mundiario
María Cadaval presenta Pontevedra e América: unha mirada en femenino, en Vilagarcía. / Mundiario

A Deputación pon acento arousán na súa exposición sobre as biografías de 13 mulleres da emigración, que pode visitarse nos xardíns de Ravella ata o 18 de setembro.

Chega a Vilagarcía a mostra de homenaxe a María Araúxo, Josefa Emilia Sabor e Mariví Villaverde

Pontevedra en América. Unha mirada en feminino, a mostra itinerante da Deputación e da Cátedra Iberoamericana da Universidade de Santiago (USC) para por en valor a historia de 13 mulleres da emigración, xa está nos xardíns de Ravella en Vilagarcía de Arousa (Pontevedra).

O acto incluíu unha conferencia no Salón Noble Concello en homenaxe ás tres protagonistas arousás da mostra: María Araúxo (Carril) e Mariví Villaverde, ambas nadas en Vilagarcía, e Josefa Emilia Sabor, de Vilanova de Arousa.

A presentación estivo a cargo de María Xosé Porteiro, colaboradora de MUNDIARIO, e de María Antonia Pérez, e a introdución, a cargo da directora da Cátedra Iberoamericana da USC, María Cadaval, profesora de economía na USC e tamén colaboradora de MUNDIARIO.

A mostra foi inaugurada en Vilagarcía polo alcalde, Alberto Varela, e a deputada provincial Victoria Alonso.

Mostra 'Pontevedra e América. Unha mirada en feminino' en Vilagarcía

Inauguración do proxecto cultural Pontevedra en América. Unha mirada en feminino, en Vilagarcía. / Mundiario

Tres arousás homenaxeadas 

As tres arousás homenaxeadas xogaron un papel fundamental como figuras feministas no exilio nos seus respectivos ámbitos.

María Araúxo (Vilagarcía, 1904-A Habana, 1989) foi sindicalista e activista política. De moi cativa emigrou a Cuba cos seus pais onde permaneceu ata a súa volta a Galicia no 1927. Nesta etapa chegou a dirixir o Sindicato de Conserveiras en Vigo e loitou pola igualdade do salario feminino na cidade. Durante a Guerra Civil, tivo que voltar a Cuba, onde recadou axuda para o pobo español e continuou coa súa labor sindical. Fundou un Comité de Defensa da Revolución e recibiu distincións como a da Orde Ana Betancourt, ou a Medalla 23 de agosto.

Mariví Villaverde (Vilagarcía, 1922-Ribadumia, 2017), era filla do político Elixio Villaverde. Exiliouse a Francia coa súa familia tras o golpe de Estado de 1936 ata o estoupido da Segunda Guerra Mundial, cando se trasladou a Arxentina. En Bos Aires a súa actividade cultural estivo vinculada á Federación de Sociedades Gallegas e ó mundo dos exiliados galegos, e dirixiu periódico Galicia onde publica algúns artigos co pseudónimo Mª V. Arealonga. En 1966 retornou definitivamente a España.

Josefa Emilia Sabor (Vilanova de Arousa, 1916-Bos Aires, 2012) trasladouse coa súa familia a Arxentina en 1918 e obtivo a nacionalidade en 1937. Foi unha referente internacional da profesionalización da bibliotecoloxía arxentina formando parte da Xeración do 40 que moderniza esta disciplina, en Arxentina e latinoamérica.

Mulleres entre Galicia e América

Ademais das protagonistas arousás, integran esta mostra outras dez mulleres que axudan a completar a historia da relación entre Galicia e América: Isabel Barreto, Mercedes Ruibal, Teresa Táboas, Elena Colmeiro, Virxinia Pereira, Nélida Piñón, Anisia Miranda, Lorena Lores, María Vinyals e Isabel Gómez , para as que o tempo vivido en América e en Pontevedra e o nexo de unión.

Tralo seu paso agora por Vilagarcía de Arousa, e antes polo Grove, Vila de Cruces, Cerdedo-Cotobade, Silleda e Pontevedra, a mostra finalizará en Soutomaior e Redondela onde se organizarán tamén conferencias para coñecer ás figuras femininas emigradas ou nadas na emigración que tiveron relación con estas localidades. Así, se en Pontevedra as protagonistas foron Isabel Barreto, Mercedes Ruibal e Teresa Táboas; en Silleda, Elena Colmeiro e Virxinia Pereira; en Cerdedo-Cotobade, Nélida Piñón; en Vila de Cruces foi Anisia Miranda; no Grove, Lorena Lores; en Vilagarcía, María Araúxo, Josefa Emilia Sabor e Mariví Villaverde; en Soutomaior será María Vinyals e, finalmente, en Redondela Isabel Gómez. @mundiario

Comentarios