Chega á Galega O Debate da G2, un novo programa diario de análise da actualidade

Cabeceira do programa O debate da G2. / Mundiario
Cabeceira do programa O debate da G2. / Mundiario

A xornalista Sabela Romar estará acompañada ás tardes por catro convidados, entre eles o editor de MUNDIARIO. Esmiuzarán a información de carácter político, económico e social.

Chega á Galega O Debate da G2, un novo programa diario de análise da actualidade

A Galega conta desde este xoves cun novo espazo diario para o debate e a análise da actualidade, O Debate da G2 (18.00 horas). Presentado pola xornalista Sabela Romar, baixo a dirección de Maribel González, este programa chega á faixa da tarde co obxectivo de abordar os asuntos clave da actualidade co centro do debate en Galicia.

De martes a venres, este novo programa, feito cos criterios de servizo público desde o estudio 300 de San Marcos, abranguerá unha gran variedade de temas, desde os de carácter social e económico ata os estritamente políticos. Realizado en directo, O Debate da G2  contará en cada emisión coa participación de catro comentaristas, expertos sobre o tema que se vai tratar e representativos de todos os estamentos, que configurarán un panel de debate plural.

O Debate da G2  abordará este xoves, na súa estrea, o debate do estado a autonomía, o primeiro da actual lexislatura, ao non celebrarse en 2020, e contará como comentaristas coa presenza do consultor político e de comunicación Juan Carlos Piñeiro, e cos xornalistas Luis Pérez, Carla Reyes e Fernando Salgado.

Na edición do venres, o programa continuará coa análise do debate do estado de autonomía aínda que tamén falará dos presupostos do Estado e do inicio do 40º Congreso do PSOE, entre outras cuestións. Nesta ocasión, contará coa participación do xornalista Roi Rodríguez, da profesora de economía María Bastida, do analista político e profesor Xesús Veiga –tamén columnista de MUNDIARIO– e do editor do xornal MUNDIARIO, José Luis Gómez.

Coa estrea deste novo espazo para o debate, a canle pública galega amplía a súa oferta de programas de análise informativa, formato destinado á interpretación da actualidade, que tamén levan a cabo Conexión Galicia (luns, 18.00 horas); A Crónica (de luns a xoves, 23.00 horas) e Café sen gotas (sábado, 15.00 horas). @mundiario

Chega á Galega O Debate da G2, un novo programa diario de análise da actualidade
Comentarios