Chaves para un turismo sustentábel

Cabezudos en Compostela. / Santiago Turismo
Cabezudos en Compostela. / Santiago Turismo
Comezan as festas en Compostela, e moita xente que coñecemos está pensando onde poderá pasar eses días ou como fará para non encontrar as multitudes que inzarán as nosas rúas desde agora e durante o mes de agosto.
Chaves para un turismo sustentábel

Esta semana comezan as festas de Santiago. Cada ano que pasan son menos as persoas que viven ou traballan en Compostela que gozan delas. Porque o día a día na cidade é a queixa constante sobre o espazo de encontro que xa non é. Percorrer as rúas da cidade histórica e encontrar veciñanza dela é sinónimo de sentir a asfixia das consecuencias dun turismo masivo cuxo modelo non foron capaces de mudar os últimos gobernos municipais. Lugares ateigados de xente, terrazas en calquera recuncho, colas interminábeis para acceder a determinados espazos, horarios a que tes que te axustar para xantar ou cear…, e todo acompañado da destrución de comercios emblemáticos que só dan paso a tendas de souvenirs. A última fotografía foi a da Papelaría El Sol, na Porta da Mámoa, que nos lembra a das Cinco rúas, a varias librarías da rúa do Vilar e tantos outros comercios, desde mercerías e pequenos ultramarinos a ferraxarías e tendas de roupa. Disto falaremos máis devagar noutra ocasión.

E, máis unha vez, a imaxe de deterioración do Iago aparece ante nós. Após permanecer pechado xa durante 15 longos anos parece que o impulso do goberno municipal é agardar a que caia. Cine, teatro, o espazo dos monicreques de Compostela, a visión do Iago tapiado (ou sen tapiar mais en constante decadencia) é o símbolo dun concello que ten que decidir que quere ser. Sen renunciar ao turismo como un recurso económico fundamental, a cidade só ten saída a medio prazo se se aposta por priorizar as necesidades da veciñanza que resiste vivindo na cidade histórica e se se atrae nova poboación residente. E iso significa ter clara a urxencia dunha mudanza de modelo.

A diagnose do que acontece está feita hai tempo: un turismo de masas e curta estadía que circula arredor da catedral, a dificultade para ampliar os extraordinarios lugares patrimoniais de Compostela á aposta por un turismo especializado (cultural, deportivo, verde) que contribúa a desestacionalizar o período de visitantes. Para conseguilo, non hai que mirar tanto para as persoas que nos visitan  e si facelo para as que aquí están todo o ano. 

O tempo de pandemia foron meses perdidos para reflexionar e avanzar, deseñando accións que camiñasen cara un modelo sustentábel. E o remate das fases máis agudas do coronavirus non trouxeron consigo outro modelo, senón que intensificaron o anterior, agora resgardado baixo o paraugas da permisividade motivada na dura etapa das restricións.

Para mudar o modelo hai que moverse, tomar decisións, actuar, escoitar a veciñanza. Entre outras medidas xulgamos de máxima urxencia poñer en práctica as seguintes:

- O Consorcio ten que recuperar o seu papel de apoio á rehabilitación de vivendas, poñendo o maior esforzo na insonorización e na accesibilidade, para facer unha realidade que vivimos no século XXI e non podemos facelo como no XIX. A esixencia ao Estado e á Xunta para que cumpran con Santiago non admite medias tintas nin ocultacións. 

- O viveiro de empresas/persoas autónomas que desde o BNG vimos demandando para dar vida a tanta vivenda baleira debe constituír unha prioridade. O Consorcio é a ferramenta que pode mercar os locais e xestionalos se realmente as administracións achegan esa chuvia de millóns que prometeron e de que continuamos sen ter noticia.

- A Ordenanza que salvagarde os comercios emblemáticos da Cidade histórica ten que ser unha realidade urxente, porque con podemos permitir que peche un local tradicional máis. 

- A aposta pola praza como o lugar de produto fresco, local e de proximidade, en circuítos co noso rural comarcal e os mercados locais.

- A posta ao servizo da veciñanza de servizos básicos cun centro de día, un local social e espazos por onde camiñar sen tropezar cunha mesa ou cadeira. O modelo urbanístico e os recursos económicos deben pórse ao servizo da veciñanza, verdadeirxs heroes e heroínas do Santiago do século XXI.

- A recuperación de lugares con espectáculos e vida propia deseñada desde o ámbito local, dándolle prioridade a artistas galegxs e de Santiago e a actividades que atraian público interior.

- Unha intensa campaña de difusión dos museos da cidade, da súa oferta cultural e patrimonial, que inclúa un lugar tan próximo como a Colexiata de Sar e o lavadoiro de Picaños até os petróglifos de Conxo, os numerosos muíños e zonas verdes da nosa contorna ou a visita ao Monte de Deus e as súas espectaculares vistas. 

- A presenza de persoal de información turística nas rúas que orienten as persoas visitantes para se desprazaren a otros lugares, xunto coa colocación dunha boa sinalización en lugares emblemáticos, estacións de transporte e paradas de bus ao aeroporto.

“Que pena me deu Santiago a última vez que a visitei...”

Comezan as festas en Compostela, e moita xente que coñecemos está pensando onde poderá pasar eses días ou como fará para non encontrar as multitudes que inzarán as nosas rúas desde agora e durante o mes de agosto.

O problema está en que pasamos de interiorizar que despois de agosto virá un setembro máis tranquilo a temer que desde maio a outubro (ambos os meses incluídos), Santiago acabará por se debuxar como ese parque temático de que todo o mundo quere fuxir. E xulgo que todas estamos fartas de escoitar ou ler nas redes aquilo de que “que pena me deu Santiago a última vez que a visitei”. @mundiario

Comentarios