Centenario do nacemento de Leopoldo Nóvoa

Nóvoa (1919-2019), homenaxeado no Museo de Pontevedra. / Mundiario
Nóvoa (1919-2019), homenaxeado no Museo de Pontevedra. / Mundiario

O Museo de Pontevedra abre unha extensa programación dedicada a Leopoldo Nóvoa cunha curta sobre a súa vida e obra. A peza proxectada co gallo do centenario do seu nacemento recolle un mosaico con dez miradas persoais e artísticas sobre o autor pontevedrés a través da cámara de Xurxo Lobato.

Centenario do nacemento de Leopoldo Nóvoa

Cunha curta documental sobre a figura de Leopoldo Nóvoa abriuse unha extensa programación dedicada ao artista pontevedrés que culminará a primeiros do ano 2020 cunha exposición e diferentes actividades complementarias dirixidas a todos os públicos. O audiovisual, dirixido polo colaborador de MUNDIARIO Xurxo Lobato e guionizado por Rosario Sarmiento, supón 18 minutos de relato nos que se recolle un mosaico con dez miradas ao autor tanto desde o punto de vista persoal como artístico.

‘Leopoldo Nóvoa 1919-2019', que se estreou na conmemoración do centenario do nacemento do autor, pretende ser unha peza complementaria á mostra expositiva que se abrirá no Museo o vindeiro mes de xaneiro, onde se proxectará de maneira continua nunha das salas. Segundo explicou Xurxo Lobato, o contido céntrase fundamentalmente nas testemuñas de dez persoas que, por amizade ou por ser investigadoras da súa obra, se achegaron ao pintor nado en Salcedo.

A primeira delas, Rosario Sarmiento –colaboradora de MUNDIARIO–, é a comisaria da exposición e estudosa da figura do autor, dá paso a Celestino García Braña, arquitecto responsable da restauración da casa-estudo-obradoiro de Nóvoa na Armenteira, un espazo de creación que "para el era como un cenobio ou unha cela, case como un apéndice do mosteiro onde atopaba a paz para crear e para as súas actividades".

Na mirada plural da curta tamén está Sofía Santos, unha das grandes coleccionistas privadas galegas, amiga persoal e propietaria de obras de Nóvoa; así como Xavier Seoane, un dos grandes críticos de arte galegos e poeta; o pintor e grande pensador cultural Antón Patiño, que fai unha análise detallada da obra; un dos grandes galeristas de Nóvoa, Adolfo Sobrino; Román Pereira inspirador do Grupo Atlántica, movemento renovador da arte nos anos 80 e amigo persoal de Nóvoa; Xerardo Estévez, Ramón Rozas, ou Manuel Quintana Martelo.

A través deles vese a evolución de Nóvoa, primeiro inspirada no cubismo e en Seoane para despois pasar ás pezas influenciadas polo incendio do seu estudo en París, coa utilización da cinza como elemento fundamental. Inclúense imaxes de arquivo e vese tamén a importancia que a obra pública tivo para o artista.

Na súa intervención durante a presentación da curta, o director do Museo, Xosé Manuel Rey, lembrou que tal día coma hoxe fai 100 anos nacía en Salcedo, Leopoldo Nóvoa, ao que definiu como "un dos nosos máis destacados expoñentes da pintura abstracta da segunda metade do século XX". 

Destacou que na institución provincial "queremos e debemos lembrar" a un artista tan vencellado ao Museo, "ao que temos sempre presente a través das seis obras que conservamos". Por iso, adiantou, o 23 de xaneiro inaugurarase a mostra ‘Leopoldo Nóvoa 1919-2019'. A pel da terra', unha importante exposición antolóxica, comisariada por Rosario Sarmiento que reunirá máis de medio cento de pezas representativas dos seus diferentes períodos artísticos, desde a súa época suramericana con influencias de Torres-García, Seoane e Oteiza; os seus comezos en Francia, e a posterior ao lume no seu obradoiro.   

"No centenario do seu nacemento sentímonos coa obriga, e a honra, de amosar a herdanza artística deste gran pintor capaz de sintetizar materia, luz e espazo cunha enorme calidade e beleza plástica", dixo Rey, para destacar que esa herdanza divulgarase a través dunha extensa programación de actividades paralela á mostra, destinada a un público de todas as idades, centrándose especialmente "en dar a coñecer o legado deste xenial artista ás nenas e nenos". En xaneiro tamén se presentará o catálogo da exposición que incluirá textos de Rosario Sarmiento e Celestino García Braña. @mundiario

Comentarios