Cen anos despois de sair a revista Nós, a vixencia do seu legado é indubidábel

Revista Nós. / Mundiario
Revista Nós. / Mundiario

Hai cen anos Galicia era descoñecida na Europa como algo máis ca un reino medieval peninsular e unha rexión española. O mérito da Xeración Nós foi construir primeiro e, proxectar universalmente, despois, unha identidade moderna e europea, autónoma a respecto da cultura co foco posto en Madrid.

Cen anos despois de sair a revista Nós, a vixencia do seu legado é indubidábel

Nesta fin de outubro cumpríronse cen anos da saída do primeiro número da revista “Nós”, dirixida por V. Risco, con Castelao de director artístico e Ramón Cabanillas, Antón Lousada, Otero Pedrayo e López Cuevillas de redactores. A revista quitou 144  exemplares, sendo o derradeiro o de xullo de 1936. A enxurrada militar e fascista do verán de 1936 impediu novas edicións.

Porqué é tan relevante para o noso País a revista Nós? Porque construiu, definiu, unha identidade galega moderna e europea, sen ningunha caste de intermediarios que antes non se amosaba dese xeito. Velaí a razón porque Nós fixo un traballo non só cultural, senón ideolóxico e político.

Os precursores e os teóricos do Rexurdimento (Murguía, Vicetto)  puxeran xa os alicerces para unha potente reivindicación  nacional no político e no cultural. Mais Murguía adoitaba escrebir en castelán e foi Lugrís Freire quen deu o primeiro mitin en galego no 1907, en Carral. Algúns dos nosos petrucios galeguistas mesmo non entenderon o fracaso español en Cuba (1898) nin a oportunidade que se abría entón para a reivindicación do autogoberno, dos intereses económicos e da cultura galegas. 

É a xeración Nós a primeira que aposta por Galicia como referente cara fóra. Os Precursores provincialistas e o Rexurdimento do século XIX até entón reivindicaran a galeguidade e os intereses galegos cara dentro do Estado. A xeración Nós olla cara Europa e o mundo todo. Cara  Portugal e á Europa atlántica e céltica dos Fisterras cos que os nosos antergos comerciaron durante séculos, nomeadamente Irlanda. Irlanda como pobo amigo e próximo, identificando as angueiras galegas (autogoberno, adquisición da terra polos labregos, dignificación da lingua propia) coas irlandesas. O poeta nacional irlandés W.B.Yeats é unha constante en moitos dos números de Nós. A primeira tradución dun fragmento do Ulises de James Joyce, feita por Otero Pedrayo, publícase en Nós no 1926, mentres no ermo cultural español da ditadura de Primo de Rivera ninguén principiara semellante traballo.

Modernidade, europeísmo, diálogo directo da cultura galega co Mundo…Velaí algunhas das principais achegas da Xeración Nós. Porque a segunda é a tolerancia. Nesta revista partilla unha tendencia político-social liberal e progresista con outra conservadora-tradicionalista, mais as dúas son quen a convivir e definir país e cultura de seu. Como tamén se deu esa tolerancia nas tendencias culturais, literarias ou científicas dos moitos colaboradores da revista ao longo de dezaseis anos.

Nós só foi posíbel por se xuntar persoeiros culturais da relevancia dos sinalados (Risco, L. Cuevillas e Otero Pedrayo, de orixe inadaptados, amplos coñecedores de culturas exóticas que converxen na atención á cultura do País), co traballo de cultura popular e de discurso político galeguista das Irmandades da Fala e de Castelao. Tampouco sería posíbel sen unha previa definición dun proxecto político: Galicia como Nación e o programa aprobado pola Asemblea Nacionalista de Lugo de novembro de 1918. Velaí porque o traballo de Nós, sendo cultural, fose tan útil e coherente, en termos políticos.

Galicia deu moitas reviravoltas estes cen anos. Mais convirán vostedes comigo que o legado de Nós é ben actual. @mundiario

   

Cen anos despois de sair a revista Nós, a vixencia do seu legado é indubidábel
Comentarios