CEG: A economía galega “está nun franco proceso de recuperación”

Antonio Fontenla, vicepresidente da Confederación de Empresarios de Galicia. / CRTVG
Antonio Fontenla, vicepresidente da Confederación de Empresarios de Galicia. / CRTVG

Antonio Fontenla, vicepresidente da Confederación, engadiu que a presidencia debería ocupala alguén externo e que estaría moi a favor de que a presidencia estivese nas mans dunha muller.

CEG: A economía galega “está nun franco proceso de recuperación”

A situación do tecido empresarial galego e a elección do próximo presidente da Confederación de Empresarios de Galicia foron os temas principais da  entrevista que lle ofreceu ao programa Bos Días da TVG Antonio Fontenla, vicepresidente da Confederación. O presidente da patronal coruñesa, que xa presidira con anterioridade a CEG, salientou que “o presidente ten que ser alguén de fóra” e que el non se volverá presentar.

Segundo Fontenla, a CEG está nun proceso de readaptación, “non hai presidente porque non se presentou ninguén, temos que analizar se fixemos algo mal ou se o problema está nos estatutos, vixentes desde hai 30 anos”. Tamén engadiu que a presidencia debería ocupala alguén externo e que estaría moi a favor de que a presidencia estivese nas mans dunha muller. Afondando na realidade da Confederación de Empresarios de Galicia, sinalou que “as débedas son un problema menor” e que “a CEG é necesaria para o desenvolvemento empresarial de Galicia”.

Antonio Fontenla tamén falou da economía galega, da que dixo que “está nun franco proceso de recuperación” e destacou os sectores naval, o da automoción e, por riba de todos, o das exportacións. De feito, explicou que Galicia é a segunda comunidade de España en exportación segundo o saldo -diferenza entre compras e vendas-, e A Coruña, a primeira provincia. O presidente da CEG rematou sinalando que “a relación de patronal e sindicatos son boas, moi especiais”. @galiciamundiari

Comentarios