Cataluña: (d)efectos electorais centrípetos

Parlamento de Cataluña.
Parlamento de Cataluña.
En Cataluña houbo millón e medio de votos menos que pasaron a abstención. E case un millón de votos que abandonaron a vía española de Cs, ben para ir á abstención, ao neo franquismo centralista puro e duro ou, residualmente, ao PSC.
Cataluña: (d)efectos electorais centrípetos

Escribía o pasado 7 de xullo en Tempos Dixital que o resultado previsible das eleccións autonómicas en Galicia darían un PP sen maioría absoluta de votos, pero con maioría absoluta de escanos. Explicábao pola sobre representación de escanos da Galicia menos urbana e a infra representación dos votantes máis urbanos. Sendo que na primeira o PP conta cun respaldo porcentual moi superior ao que ten na segunda.

Ese mecanismo descansa nas circunscricións provinciais electorais en toda España (por iso falo de algo centrípeto) cun número mínimo de escanos, deseñado ao servizo de apañar maiorías conservadoras e dificultar moito as maiorías alternativas.

E así se confirmou o asunto unha semana despois, tal como escribín en MUNDIARIO tendo apenas que engadir a ese factor estrutural que unha avaría (conxuntural) no avión do presidente Sánchez semella lle impediu pechar a campaña galega, e así deixou voando o voto máis urbano do PSOE para outra mellor ocasión. O seu spin doutor seica xogaba entón no taboleiro galego por meter presión a Casado.

E foi así como o ecosistema conservador galego pode contar con catro anos máis para amolar á  maioría social alternativa (en votos) na que me conto. Misión cumprida para eles, para nós de derrota en derrota.

1º Resultados ao Parlamento de Cataluña de 2017
(análise escrita o día 14 de febreiro de 2021 antes das 20 horas)

 

Sen que nos sirva de consolo, ese cristal centrípeto provincial que modifica a proporcionalidade e a igualdade do voto en Galicia nas eleccións autonómicas, tamén o fai en Cataluña (e non digamos no País Vasco). Ten interese repasar o seu efecto nas anteriores eleccións ao Parlamento de Cataluña para de seguido facelo coas celebradas este domingo 14 de febreiro.

Xa de entrada dicir que tamén en Cataluña a maioría absoluta para gobernar a Generalitat se xoga en moi poucos escanos. Pois acadar a suma de 68 escanos –de 135– só foi posible en 2017 para a suma de 66 escanos de JuntsxCat (34) máis ERC (32), co apoio de catro deputados da CUP.

É crucial resaltar que a posición dominante de JuntsxCat nesa suma débese de xeito determinante aos seus resultados en Girona e Lleida que non aos de Barcelona. Ese efecto provincial supón catro escanos por riba da súa porcentaxe de votos, pois sen eles quedaría en 30 e por baixo de ERC. É un Potosí electoral. Que deriva de que en Barcelona un escano precisaba dunha media de 38.600 votos mentres que en Girona (onde JuntsxCat é, de lonxe, primeira forza) só son precisos 24.000 votos para apañalo.

É por iso que presento no seguinte recadro as porcentaxes de votos e de escanos, e unha nova columna coas diferencias entre ambos. En verde os que tiran máis porcentaxe de escanos que de votos, en laranxa os que son “penalizados” con menos escanos polo mecanismo centrípeto-provincial.

Cataluña. / Mundiario

Fonte: elaboración propia con datos de Wikipedia

Obsérvase ben as claras como (agás o caso do PP que en Cataluña vai camiño de ser extra parlamentario) o mecanismo provincial penaliza a tres opcións de esquerdas (PSC, En comú-Podem e a CUP) que de contar en conxunto co 26,2 % dos votos só acadan o 21,5 % dos escanos. Pode semellar pecata minuta, pero esa fenda equivale a que esas opcións políticas deberan ter seis deputados máis nun reparto igualitario. E isto é moito, pois permitiría a ERC liderar unha posible maioría alternativa a que fixo coa dereita catalá.

Pero isto, certo é, é auga pasada. Pois nestes catro anos a previsible erosión das dúas forzas que viñeran a rachar o bipartidismo en España (Ciudadanos e Unidas Podemos) que foi xa comprobada nas últimas xerais, semella pode ser profundada en Cataluña. Coas contra partes dos neo franquistas e das pezas no taboleiro do spin doctor da Moncloa.

Terá moito interese ver como actúa, neste domingo 14 de febreiro de 2021 no que escribo esta primeira parte da análise, o truco provincial do que tanto leva tirado proveito a dereita catalá. Pero será mañá luns día 15 que poderemos facer esa nova táboa e esa análise.

2º Resultados ao Parlamento de Cataluña de 2021
(análise escrita vinte horas despois, o día 15 de febreiro de 2021)

 

Onte domingo o electorado catalán moveuse en dúas direccións básicas. Millón e medio de votos menos por causa directa da pandemia e a súa xestión (central e autonómica) que pasaron a abstención. E case un millón de votos que abandonaron a vía española de Ciudadanos, ben para ir á abstención, ao neo franquismo centralista puro e duro ou, residualmente, a un PSOE no que o presidente Sánchez non tiña desta vez o avión avariado, e que toma o seu relevo como forza máis votada. Por ser a única que non perde votos verbo do 2017.

¿E ten algo que ver todo isto co truco provincial e os seus efectos no reparto de escanos? Pois si, e por unha razón: porque ambos movementos (e sobre todo a xigantesca abstención que medra en millón e medio de votos menos) se concentran na provincia (Barcelona) que é castigada polo truco. Un millón douscentos mil votantes menos que en 2017. Agora un deputado en Girona precisa de media 16.400 votos mentres que en Barcelona son 25.200 votos. Baixamos de nivel pero segue o truco.

Comprobemos como se traducen as porcentaxes que analizabamos máis arriba para 2017 agora para 2021.

Cataluña. / Mundiario

Fonte: Elaboración propia con datos provisionais

Cambia de lugar neste recadro o PSC que de ser castigado en escanos en 2017 agora pasa a ser algo favorecido. Pois en Barcelona con apenas trinta mil votos a maiores consigue dez escanos máis por causa da caída do resto (salvo a emerxencia de VOX). Pero sen esquecer que en Girona, Lleida e Tarragona tamén gaña outros seis sen apenas mellorar o resultado en votos (e sempre a conta de tomar o relevo de Ciudadanos neste truco provincial).

Pero malia ese trasfego e a galopante abstención, a efectos de desbancar a maioría absoluta independentista (agora ERC & JuntsxCat co apoio da CUP), a corrección do efecto provincial centrípeto que prima os votos fora de Barcelona volveu a reforzala. Pois malia a perda absoluta de votos, esas dúas forzas manteñen porcentaxes e conseguen transformalos case no mesmo número de escanos.

O truco provincial segue a dar un peso determinante nesa ecuación ao seu tradicional máis grande beneficiario (JuntsxCat). Este partido, sen truco provincial, tería obtido 27 escanos este domingo fronte aos 32 realmente acadados. Co truco mantén a súa excelente colleita en Girona, Lleida e Tarragona.

É así que o truco centrípeto provincial, que tan bos resultados veu dando as dereitas españolas para a Moncloa, segue facendo posible manter a dereita catalá no goberno da Generalitat. Pasa que agora xa non é autonomista nin monárquica.  

Co que, mentres non se desactive o truco centrípeto provincial, non vai ser doado que o millón e medio de novos abstencionistas deste domingo (catro de cada cinco en Barcelona) podan, cando retornen as urnas, modificar esa suma no futuro cara unha opción alternativa de goberno de esquerda, federal e republicana.

Pois o PSC-PSOE monclovita do spin doutor non está nesas empresas. Abóndalle con ocupar o centro do taboleiro de Arrimadas & Casado. Pois prefire, como moito, o actual modelo vasco de centrismo neoliberal (tamén con truco provincial de dereitas).

Claro que o mundo non para e, mentres tanto, moita vai a ser a auga que pase baixo das pontes da Generalitat e da Moncloa: amnistía e referendo incluídos.

Reflexión final

Debo supor que as forzas políticas de esquerdas en Cataluña teñen proposto no pasado de xeito reiterado suprimir a circunscrición provincial por unha única catalá, ou por calquera outra que sexa garante de que un voto urbano de Barcelona valga o mesmo -en termos de escanos- que en calquera outra parte daquel país.

Porque, mentres así non se faga, a democracia (en Cataluña, e no conxunto de España) estará trucada e manipulada. Porque uns votos valerán, xa de entrada, máis que outros. Cousa que  o cambia todo nuns resultados electorais que caen dun lado ou doutro por unha moi pequena porcentaxe.

É mágoa, pero teño que rematar con tres exemplos ben sintomáticos. Consultado o programa electoral de En Comú Podem observo que se propón a supresión das Deputacións Provinciais, tamén é boa cousa que non se nomeen as provincias no deseño dun novo marco de organización territorial (ver apartado 3.2.4. do programa na súa páxina 80), pero o certo é que nada se di das circunscricións provinciais electorais.

No caso de ERC no seu extenso programa certo é que se fala da transición das demarcacións provinciais ás veguerías (páxina 161) pero nada se di da cuestión que aquí se analiza. No caso da CUP no seu programa (páxinas 65-67) fálase de comarcas, nunca de provincias. Pero ignoralas non quita para que sigan existindo uns anos máis as Xuntas Electorais Provinciais. E as súas consecuencias tal como vimos de analizar.

Pois iso: que a demarcación provincial non só está xa máis que de sobra para a organización territorial en Cataluña e no resto de España, senón que tamén o está para a radical democratización dos procesos electorais. Para que a soberanía popular do século XXI non siga a verse contaminada por vellos trucos e manipulacións dos séculos XIX e XX. @mundiario

Comentarios