DE BOLINA

Castelao e a Lei de Memoria Democrática

Alfonso R. Castelao.
Alfonso R. Castelao.

A lei de Memoria Democrática non recoñece ao Consello de Galicia formado en 1944 como vítima da sublevación militar de 1936 e do Estado instaurado sobre ela, pero sí sinala que foron vítimas, entre outros, o galego, a cultura galega e os exiliados.

Castelao e a Lei de Memoria Democrática

Non son doadas de entender as retesías dalgúns partidos políticos contra a Lei de Memoria Democrática. Aínda máis: resulta lamentable que o Xefe de Estado, que, conforme á Constitución é símbolo da permanencia do Estado, non desagravie publicamente a todas as vítimas dese propio Estado desde 1936. Esa norma legal non di cousas que non sexan de sentido común e poucas conciencias poden rexeitalas.

A oposición ás medidas que adopta para evitar a repetición de feitos como os ocorridos durante o réxime anterior á Constitución resulta un pouco paifoca porque é un imperativo ético fundamental das sociedades democráticas, común a tódolos Estados onde se produciron feitos como os que ocorreron en España desde 1936 ata 1978, xa que o mesmo que sucedeu aquí, aconteceu noutros lugares, onde se puxo en claro que ningún Estado pode perseguir aos seus cidadáns, encadealos, torturalos, expropiarlle os seus bens, matalos ou envialos ao exilio por defender a democracia, a liberdade ou a cultura. A Historia é todo o contrario ao esquecemento.

Alfonso Daniel Rodríguez Castelao foi unha vítima do Estado español e, polo tanto, xurde a obriga de reparación. Exiliouse por defender Galicia, o galego e a autonomía de Galicia. Non está de máis lembrar que con motivo do seu falecemento en 1950, a Dirección Xeral de Prensa, seguramente por medo, remitiu unha instrución con apercibimento de expediente, aos medios de comunicación españois para que a morte dunha das figuras máis senlleiras de Galicia no século XX, se dese en páxinas interiores, a unha columna e podendo eloxiar exclusivamente as súas facetas de humorista, literato e caricaturista, pero non a política, nin nomear o Sempre en Galiza, nin os debuxos da Guerra civil.

A Lei de Memoria Democrática, fundamentada na concordia, convivencia, pluralismo político, defensa dos dereitos humanos, cultura da paz e igualdade de homes e mulleres, considera vítimas, entre outras, a todos aqueles que se viron forzados ao exilio e aos perseguidos polo uso ou difusión da propia lingua. Tamén declara expresamente como vítimas a lingua e a cultura galegas. Ben é certo que esa lei inclúe como vítimas ás institucións de autogoberno vascas e catalás, pero non considera como tal ao Consello de Galiza no exilio, a pesar de que o Estatuto galego resultara aprobado en plebiscito o 28 de xuño de 1936,-cunha campaña con carteis de Castelao, Luís Seoane e Isaac Díaz Pardo-, votado favorablemente polo 75% do censo electoral galego. 

Alfonso R. Castelao.
Alfonso R. Castelao.

Castelao foi o presidente do Consello de Galicia e, por iso, é merecente de ser lembrado tamén como primeiro presidente de Galicia

Falta, pois recoñecer a Castelao como vítima ao amparo da Lei de Memoria Democrática e restituílo como primeiro presidente de Galicia, aínda que o Consello non sexa a Xunta  -no Estatuto de 1936 e no actual o órgano de goberno de Galicia denominouse igualmente Xunta de Galicia-. Porque esa lei, -que no fondo non di máis que o obvio- declara a inxustiza que supuxo o exilio durante a Guerra e a Ditadura e condena a política de persecución da lingua galega do réxime de Franco. Establece o dereito a obter unha declaración de reparación e recoñecemento persoal que poderán solicitar as institucións públicas, os partidos políticos -neste caso, a iniciativa é do Partido Galeguista, pero debería converterse nun clamor-, sindicatos e outras organizacións.

É indubidable que Castelao ten dereito á reparación integral como vítima da Guerra civil e do Estado á que esta dou lugar -e non podemos esquecer que a actual monarquía, Constitución por medio, representa a continuidade dese Estado-. Tampouco ese recoñecemento debería representar dificultade para ninguén porque hoxe Castelao é unha figura valorada, ata compartida polo espectro político, repousa desde 1984 no Panteón de Galegos Ilustres, a actual Xunta de Galicia entrega anualmente as Medallas Castelao e non hai vila que non denominase algunha rúa, praza ou avenida co apelido dese rianxeiro universal.

Pero aínda non se reparou a súa Memoria por ter sido o presidente do Consello de Galiza, que quixo ser o goberno estatutario. Tampouco podemos esquecer que un dos mandatos da propia Lei de Memoria Democrática é a difusión sobre o exilio para resaltar as traxectorias dos que o padeceron, sobre todo cando como causa desa persecución estiveron a defensa da República, de Galicia e da lingua galega. @mundiario

Comentarios