DE BOLINA

Carta aberta a Román Rodríguez, Carmela Silva e José Antonio Cacabelos

Yacimiento de Adro Vello. / adrovello.es
Yacimiento de Adro Vello, en San Vicente do Grove. / adrovello.es

A situación actual do conxunto Castriños, Carreiro e Adro Vello en San Vicente do Grove é penosa, lamentable. Precísase un líder para coordinar un plan entre administracións.

Carta aberta a Román Rodríguez, Carmela Silva e José Antonio Cacabelos

Estimados Román Rodríguez, conselleiro de Educación e Cultura; Carmela Silva, presidenta da Deputación de Pontevedra, e José Antonio Cacabelos, alcalde de O Grove:

O conxunto Castriños, Carreiro, Adro Vello, Barcela e Igrexa, no extremos Sur de entrada á Ría de Arousa, en San Vicente do Grove é un lugar no que queda reflectida en menos dun kilómetro cadrado mediante castros, xacementos arqueolóxicos, almacéns de salga, a historia de Galicia desde a Idade do Bronce ata o século XVIII. Nese .ambito conflúen as competencias administrativas de Xunta, Deputación, Costas do Estado e Concello.  Ata agora non houbo maneira de que tales organismos se puxesen de acordo para protexer e divulgar ese espazo tan sobranceiro para Galicia. Desde a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural estase a tomar a iniciativa -son as súas competencias- para que se declare ese lugar tan importante como Zona Histórica. Despois desa tramitación administrativa terán que aparecer os verdadeiros líderes políticos que sexan capaces de deseñar e executar un plan para que se poida transmitir ese legado histórico que, hoxe, está tristisimamente abandonado, nunha situación vergonzosa.

De feito, a situación actual do conxunto Castriños, Carreiro e Adro Vello en San Vicente do Grove é penosa, lamentable, como ustedes coñecen. Sálvanse un algo os antigos almacéns de salga, bens de interese cultural etnolóxico, en mans privadas e nun estado de conservación razoable, cun deles modélicamente rehabilitado, aínda que todos pechados ao coñecemento público. O castro e atalaia dos Castriños, segundo se intúe con ocupación desde a Idade do Bronce, sitos en terreos particulares, están completamente desprotexidos e continuamente espoliados, mentres se observa a simple vista como se van derruíndo as murallas defensivas. Adro Vello, un dos máis extraordinarios xacementos de Galicia, permanece esquecido, cheo de maleza e con tódolos elementos deteriorándose día a día, especialmente os de arxila.

Unha fiestra para a esperanza

Sen embargo, hai unhas datas, coa inestimable axuda de Francisco López Franco, Chesqui, secretario xeral do Partido Galeguista, que sempre confia que as utopías cheguen a ser reais, puiden coñecer o estado do expediente administrativo instado en 2017 polo Club Náutico de San Vicente solicitando a declaración deses lugares como Zona Histórica.

A Academia de Belas Artes, o Consello da Cultura Galega e a Universidade de Vigo informárono favorablemente e a Dirección Xeral de Patrimonio da Consellería de Cultura pronto cursará a publicación no DOGA da Resolución que incoe esa declaración. Tamén souben, con tristeza, pena, que ninguén solicitou ningún tipo de axuda ou subvención para Adro Vello desde fai catro décadas. O inicio deste expediente administrativo e a súa conclusión serán unha boa nova que hai que situar no haber do actual Conselleiro de Educación e Cultura, o catedrático Román Rodríguez, que coñece á perfección o xacemento e está a facer todo o posible por impulsalo.

Unha boa nova por primeira vez en corenta anos

Unha boa nova, a primeira en corenta anos, para un dos lugares históricos máis importantes de Galicia. Esa novidade será só o inicio, -necesario, iso si- que demostra que unha das Administracións públicas obrigadas con Adro Vello, a Consellería de Cultura, empeza a involucrarse. A declaración como Zona Histórica será a culminación dun trámite administrativo esencial, imprescindible, pero só será papel. Chegou o momento no que as Administracións implicadas- Concello, Deputación, Costas, Xunta- actúen á unha. O Concello, xa, terá que redactar un Plan Especial urbanístico e, todas xuntas, simultáneamente, elaboraren un proxecto común e poñeren os medios para executalo que, sen dúbida convertería esa zona nunha das de máis interese cultural e histórico de Galicia.

Para todo iso tamén sería prudente non guindar na papeleira o proxecto presentado polos veciños en febreiro de 2020 solicitando a declaración como Conxunto Histórico, propoñendo transformar a estrada da Deputación que cruza o xacemento nunha ponte,eliminar os aparcadoiros, expropiar o chalé construído enriba do xacemento, seguir escavando e estudiando Castriños e Adro Vello, traer de volta a moeda de Adro Vello e as laudas arrincadas de alí e musealizar todo o conxunto.

Precísase un líder para coordinar un plan entre administracións 

Verase agora a talla política de persoas como José Antonio Cacabelos, Carmela Silva ou Román Rodríguez e ata Alberto Núñez Feijóo, como representantes das institucións que poden levar adiante un plan que permita seguir escavando e estudiando mentres se realiza a protección e musealización que fagan coñecer, visualizar e transmitir os coñecementos atesourados alí; que, sen dúbida, nos representan. Non deberían escatimarse recursos nin esforzos, nin avolver este proxecto nunha curta, inepta e cega loita política porque San Vicente, O Grove, Galicia -a Historia en realidade- merecen tódolos esforzos e xenerosidade posibles para darlle a Os Castriños e Adro Vello a importancia que teñen.

Que sexan esas personalidades, parafraseando o Himno de Galicia, “os bos e xenerosos que nosa voz entenden e que con arroubo atenden e non os iñorantes e féridos e duros, imbéciles e escuros, que non nos entenden, non”. Pero tamén é certo que todo isto non sairá adiante sen a vixilancia, apoio e esixencia permanente dos veciños e dos cidadáns en xeral, -gran papel o da prensa- porque agora pode que esteamos a conseguir que sexa un logro de todos e que a ninguén que pase por alí se lle volva a encoller o corazón coa carraxe. Para continuar neste esforzo o dinámico párroco de San Vicente, Juan Ventura Martínez, vai editar un libro nas vindeiras semanas con contido histórico, pero tamén de protesta polo estado actual. É seguir nesta loita. Ten que valer a pena. @mundiario

Carta aberta a Román Rodríguez, Carmela Silva e José Antonio Cacabelos
Comentarios