Carta aos Reis

Felicitación. / Asier Sanz, Bilbao
Felicitación. / Asier Sanz, Bilbao

Desde MUNDIARIO convido aos meus colegas que analisan a evolución do gasto público do Sergas a ver outras variábeis, por exemplo, en que se gastou.

Días pasados houbo en Vigo unha grande manifestación para reclamar unha mellor atención primaria en sanidade. Non sabemos a resposta que terá por parte do goberno galego, pero moito nos tememos que ha ser  con medidas que se poidan exhibir como parte dunha preocupación polo gasto público dedicado á sanidade. Visto así, sempre se pode xustificar a acción dun goberno que se gaba do que significa nos seus orzamentos o gasto sanitario, así como o incremento desta partida nos últimos 6 anos.  Observado só coas orelleiras postas do ‘quantum’ do diñeiro empregado, a nada que haxa incrementos sempre terá o goberno a razón da súa parte. Sucede que hai outras análises, outras perspectivas, das que, de non telas en conta, non terían causa os reclamantes.

O funcionamento da sanidade pública en atención primaria é mellorábel. Desde MUNDIARIO convido aos meus colegas que analisan a evolución do gasto público do Sergas a ver outras variábeis, por exemplo, en que se gastou. Porque se os incrementos do gasto son maioritariamente en gasto farmacéutico, en construcións (centros, hospitais, aparcamentos…), en pagar á privada vía concertos, en pagar ás empresas privadas de servizos varios (servizos non directamente sanitarios como transporte, lavandaría, mantemento…) con incrementos adecuados ás condicións das empresas, poderemos concluír que o incremento do gasto foi irracional e mesmo afuncional ao servizo sanitario requirido. De aí a petición aos Reis Magos: traédeme unha análise do gasto económica e funcional, e, logo, poderemos dicer algo con xeito.

É interesante ter en conta que os numerosos contratos que subscrebe o Sergas con empresas privadas subministradoras tanto de material como de servizos inclúen revisións/actualizacións do cálculo da prestación en función dos custos de mercado. De non ser así, a administración pública estaría submetida á chantaxe de abandono do servizo unha vez que este se converta en non rendíbel para a empresa privada. Ergo, o contrato contempla o negocio das empresas contratantes que han ser remuneradas co gasto público correspondente a cada exercicio (tema a ter en conta). En concreto, os fondos destinados aos concertos coa privada, a pouco que se examinen, transparentan a vida económica das empresas sanitarias, que se salvan grazas a que o Sergas provoca un continuo aporte de clientes, que por outro medio non terían.

Mesmo hai empresas disfrazadas de fundacións que reciben fondos, clientes e vida económica do Sergas e, como tales fundacións, non pagan un euro de impostos.

Outro asunto de interese, pero de moito maior calado, é a restra de contratos de subministración de grande desenvolvemento tecnolóxico preciso para o funcionamento nos distintos departamentos hospitalarios.

É evidente que, dentro deste sistema, só unha persoa moi inxenua pensaría que a Xunta está en condicións de negociar con compañías multinacionáis en posicións moi afastadas do que poderíamos chamar contrato de adhesión, pero aínda así hai graus: desde se abaixar ao que diten, até ser quen de tirar algunha condición favorábel, nen máis nen menos a como fan noutros países: desde bolsas de formación até revisións financeiras acaídas, por exemplo, ao cabo dos dous primeiros anos de relación. @mundiario

Comentarios