Carmela Silva: “Os obxectivos 2030 non se conseguirán si a igualdade tarda 100 anos"

Carmela Silva. / Mundiario
Carmela Silva. / Mundiario

A Escola de Igualdade María Vinyals reuniu a mulleres referentes na xestión pública no eido sanitario, na investigación e na educación.

Carmela Silva: “Os obxectivos 2030 non se conseguirán si a igualdade tarda 100 anos"

“Se queremos un mundo mellor e dar cumprimento aos ODS que plantexa a ONU, que serán a  salvagarda da humanidade, as mulleres temos que estar propoñendo, demandando, actuando e esixindo dende unha mirada propia”. Con esta declaración de intencións, a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, xunto a María Cadaval, directora da Cátedra Iberoamericana da USC, e María Xosé Rodriguez Galdo, abriu este xoves a xornada da Escola de Igualdade María Vinyals sobre o papel das mulleres da administración pública no liderado da Axenda 2030. A sesión, que  terá unha segunda parte o vindeiro xoves, desenvolveuse de forma semipresencial e on line desde o Salón de Plenos da Deputación cun auditorio virtual de máis de 300 persoas. Esta dobre xornada está organizada en colaboración coa Universidade de Santiago, e conta cunha vintena de expertas moi recoñecidas para reflexionar sobre a necesidade da voz das mulleres na consecución dos ODS dende a xestión pública en eidos como o socio-sanitario, a investigación, a educación pública, o liderado institucional, o urbanismo sostible e o mundo local.

Carmela Silva cualificou de “fundamental” que no marco da Escola María Vinayls, “que naceu como espazo de debate, creación de redes, de empoderamento, e visibilidade cara á igualdade, faláramos da administración pública e coa mirada da Axenda 2030”. A presidenta exemplificou o talento, a capacidade e a preparación “da metade da poboación” coas poñentes da Xornada. “Teñen moito que aportar, son expertas, son o coñecemento e contan con ideas claras para que estes ODS sexan algo máis que un papel marabilloso sobre o que falar”. Carmela Silva reivindicou que “estamos comprometidas coa Axenda 2030 e queremos estar presentes e dicir como hai que desenvolvela.2030 é mañá –advertiu- e moitos dos obxectivos non se van conseguir se partimos dos últimos datos que afirman que son necesarios aínda outros 100 anos para acadar a igualdade”. Neste contexto, Carmela Silva reclamou que “a administración pública ten que ter como obxectivo prioritario a loita polo ben común e non hai ben común se as mulleres estamos excluídas. Somos maioría, porque aprobamos maioritariamente as oposicións, pero nas direccións a presenza de mulleres é  minoritaria”. Tamén enxalzou o diferente modo de xestión das mulleres ao fronte das administracións, “abrindo as institucións ao coñecemento, á sociedade, á intelixencia que existe fóra dos despachos”, e destacou que cando unha muller ocupa postos de dirección fai que con ela “cheguen todas as mulleres”. 

Participantes na xornada Axenda 2030 e o papel das mulleres na administración pública do futuro. / MundiarioParticipantes na xornada Axenda 2030 e o papel das mulleres na administración pública do futuro. / Mundiario

As mulleres, máis da metade da administración pero con menos presenza na dirección 

A directora da Cátedra Iberoamericana da USC, María Cadaval, subliñou que a administración pública “non se pode permitir o luxo de perder a metade do talento” que aportan as mulleres, e lembrou que aínda que as estatísticas din que son maioría nos postos de traballo, “a realidade é que teñen  presenza cativa nos niveis máis altos, nos que se toman as decisións, porque o mérito e a capacidade quedan acotados con teitos de cristal que moitas veces custa romper incluso máis que noutro tipo de actividades”. 

Pola súa banda, a directora da xornada, María Xosé Rodríguez Galdo, destacou  a “participación continua das mulleres na historia, con papeis decisivos” no eido do desenvolvemento sostible, e a necesidade de “visibilizar que sempre estivo aí, e visibilizalo hoxe”. Engadiu que “tralo “mazazo” da Covid, que ten cuestionado todo, é imprescindible  impulsar o rol das mulleres nos cambios para o futuro”

Sanidade, Educación, Ciencia e Investigación

Na mesa sobre “O papel das mulleres no liderado dos servizos sociosanitarios”, reflexionouse sobre os obstáculos aos que enfrontan as mulleres e a escasa presenza nos medios pese a ser as impulsoras, por exemplo, das vacinas para facer fronte á covid. A catedrática de Inmunoloxía, África González, a CEO de Nanogap, Tatiana López, e a xefa de Pediatría do Álvaro Cunqueiro, Ana Concheiro, destacaron que cada vez son máis as mulleres que ocupan espazos pero poucas as que chegan á dirección (xefaturas de servizo, xerencias de hospitais, xefas de sección, etc). Citaron a falsa inseguridade das mulleres para asumir liderados; a preferencia do contacto coas persoas pacientes en detrimento da xestión; e as dificultades para conciliar postos de responsabilidade coa familia. Por elo, subliñaron a importancia da educación fronte aos sesgos de xénero e a necesidade de visibilizar ás referentes científicas e impulsar cambios sociais e organizacionais para que as mulleres ocupen espazos de liderado e dirección. 

As conferenciantes destacaron tamén as dificultades ás que se enfrontaron as mulleres no confinamento, no que minimizaron a súa produción científica e sufriron situacións de estrés que impactaron no seu desenvolvemento profesional. Neste eido, fixeron fincapé na necesidade de analizar con perspectiva de xénero os efectos da pandemia nas mulleres e rachar coa invisibilidade nos medios de comunicación pese a ser expertas. “Precisamos mulleres que falen, que conten as súas experiencias. Hai que facer ese esforzo porque é o que están a ver as futuras xeracións” asegurou África González. Tatiana López subliñou que “hai que normalizar que detrás de algo exitoso poden estar mulleres coas características únicas que trae o seu liderado”, e Ana Concheiro engadiu que “hai moitas mulleres científicas, do ámbito sanitario, que teñen unha liña de traballo moi sólida e a mellor noticia é que poidan explicar os proxectos que lideran”.

A segunda das mesas redondas abordou “O papel das mulleres en prol da investigación e da educación pública de calidade” e nela puxéronse de relevo datos como que menos do 30% da investigación ten nome de muller, que só o 3% escollen carreiras TIC ou que só hai un 8% de reitoras a nivel nacional. Capitolina Diaz, catedrática de Socioloxía, destacou a aportación feminina ao campo da investigación, resumida en tres cuestións: “En primeiro lugar –dixo- pon unha mirada distinta e engade posibilidades de avance á ciencia. En segundo, nós miramos aos suxeitos femininos tamén como parte da investigación. E terceiro, vemos o impacto que os resultados poden ter nas mulleres e no benestar da sociedade en xeral”.

Pola súa banda, Elena Rivo, profesora e codirectora da Cátedra de Empresa Familiar da UVigo, centrouse na toma de decisións nos órganos da universidade e das empresas e amosouse partidaria das cotas “porque son necesarias de momento.Nas empresas deberiamos impoñer a presencia nos gobernos corporativos de mulleres, igual que as listas electorais. Se non hai vontade, debería ser coercitivo,  porque é unha mágoa que se estea a perder o 50% do coñecemento”, apuntou.

Elena Vázquez, profesora de Matemática Aplicada e decana da Facultade de Matemáticas da USC, fixo fincapé na necesidade de cambiar os programas educativos para atraer ás nenas ás carreiras STEM: “Estes programas están sendo un corsé que non dá sustento, senón que comprime ao profesorado e ao alumnado, en lugar de sementar a ciencia”, sinalou en referencia por exemplo a actual situación do Bacharelato. “Temos que cambiar as tensións porque hai que saber contidos pero acadar que o que saiban as empodere e faga gozar”.

Teresa Ribera e María Teresa Fernández de la Vega

A xornada titulada A Axenda 2030 e o papel das mulleres na administración pública do futuro terá unha segunda parte que se celebrará o xoves 29 de abril e contará coa intervención da vicepresidenta do Goberno de España e ministra para a Transición Ecolóxica, Teresa Ribera, coa presidenta do Consello do Estado, María Teresa Fernández de la Vega, unha das referentes globais no compromiso coa igualdade e a axenda feminista, e coa avogada xeral do Estado, Consuelo Castro.

A sesión arrancará coa mesa O liderado feminino na administración e o seu avance cara unha igualdade real, coa Valedora do Pobo, María Dolores Fernández; Ana José Varela, primeira muller en ser nomeada Directora Financeira da OCDE; a presidenta da denominada Asociación Mujeres en el sector público, Concepción Campos, e a titular da Asesoría Xurídica do Concello de Vigo, Margarita Parajó. A última mesa versará sobre  Cidades sostibles: un reto para o liderado feminino no mundo local na procura de institucións sólidas, coa concelleira do Departamento de Territorio de Vitoria Gasteiz, Ana Oregi, a xornalista especialista en comunicación na administración local, Amalia López, e a directora da ORAL da Deputación, Inmaculada Viña. @mundiario

Comentarios